• A deputada socialista fixo unha visita ao Grupo Socialista de Ames para coñecer de primeira man as necesidades do concello.

O grupo socialista de Ames recibiu este pasado venres á deputada socialista, Noa Díaz, nunha reunión territorial que cualificaron de “moi produtiva”. Neste encontro abordáronse diversos temas de especial interese para o Concello de Ames e a súa veciñanza, principalmente relacionados coa mellora nas infraestruturas do municipio. Así mesmo, os socialistas esíxenlle á Xunta de Galicia cumprir os compromisos na política de prevención e defensa contra os incendios forestais para reducir o risco ao que se ve sometido o municipio de Ames e evitar situacións de lumes como as experimentadas este pasado verán.

Un dos puntos centrais da reunión xirou arredor da preocupación do goberno local polas persoas maiores. Os Socialistas de Ames, coñecedores das peticións deste colectivo, reclámanlle á Xunta de Galicia a construción dun centro para a atención das persoas maiores que se adecúe ás súas necesidades. Por iso mesmo, afirman que é preciso que as instalacións conten tanto cun centro de día como cunha residencia.

O alcalde, Blas García, confirmou a plena disposición do Concello de Ames para ceder os terreos para que a Xunta de Galicia realice esta obra, a cal satisfaría unha demanda importante do municipio. Blas García manifestou a vontade do seu goberno e dos socialistas por “ofrecer todas as prestacións e servizos necesarios para que os nosos maiores de Ames vivan nas mellores condicións.”

Outro dos asuntos tratados foi a necesidade existente por mellorar a seguridade viaria da estrada Roxos-Portomouro, na que na actualidade só se realizan traballos de mantemento. Non obstante, dende os Socialistas de Ames ven urxente actuacións que veñen solicitando reiteradamente para que se amplíe a estrada en distintos tramos, especialmente onde non pasan dous vehículos ao mesmo tempo pola estreiteza da vía ou aqueles que carecen de beirarrúas e poñen en perigo a vida dos viandantes.

No eido educativo, os Socialistas de Ames reclaman cubrir as necesidades do alumnado amesán. Recordan que dende hai anos, a comunidade educativa do municipio solicita profesorado de apoio nos centros educativos de Ames. Contar con estes profesionais nos centros significaría dispoñer dos recursos necesarios para atender as necesidades académicas dos escolares.

Este encontro entre o grupo de goberno local socialista e Noa Díaz serve para poñer á veciñanza de Ames e os seus intereses no centro da política e avanzar así as propostas dos Socialistas de Ames tamén no Parlamento de Galicia.