O Alcalde do Concello de Ames, Blas García, dirixiuse esta semana a Bruxelas acompañado de Susana Señorís, membro da Executiva Nacional do PSdeG e integrante da Executiva Local dos Socialistas de Ames, nunha viaxe organizada pola coordinadora comarcal encabezada por Antonio Leira e o senador galego Manuel Mirás. Esta visita tiña por obxectivo coñecer mellor o funcionamento das institucións europeas e buscar solucións aos retos enerxéticos para favorecer á veciñanza de Ames.
En Bruxelas, Blas García e Susana Señorís mantiveron unha xuntanza co eurodeputado e membro da Comisión de Enerxía, Nicolás González Casares, co que abordaron os retos futuros derivados do escenario actual de transición enerxética. Un dos temas clave deste encontro foi explorar novas fórmulas dispoñibles para beneficiar á cidadanía dende as administracións, tanto no eido económico como promovendo sistemas de aforro enerxético a través das enerxías renovables.
Entre as diversas opcións discutidas, estimouse axeitado analizar as “comunidades enerxéticas” como medio para reducir a dependencia enerxética ao mesmo tempo que se xeran beneficios medioambientais. O Alcalde de Ames, Blas García, sostivo que a instalación de placas fotovoltaicas en terreos públicos non só beneficiaría ao concello senón tamén ás vivendas situadas nun radio de 500 metros que se sumasen a esta comunidade de suministro e distribución de enerxía.
A expedición dos Socialistas de Ames formada por Blas García e Susana Señorís cualificaron de “moi produtiva” a reunión de traballo mantida co membro da Comisión de Enerxía, Nicolás González Casares. A través deste encontro, os integrantes socialistas remarcan a súa “posición firme pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética”, poñendo en valor o beneficio social de actuacións dirixidas a mellorar a vida dos veciños e veciñas de Ames.
A viaxe saldouse cun breve encontro coas eurodeputadas Isabel García Muñoz e Clara Aguilera, a cal forma parte da Comisión de Desenvolvemento Rural. Blas García quixo salientar os beneficios desta viaxe para Ames: “regreso con novas ideas e propostas que se traducirán nunha oportunidade para o noso concello”.