• Os Socialistas de Ames propoñen sete proxectos “viables, posibles e necesarios” para ser incluídos nos orzamentos da Xunta de Galicia do vindeiro ano.

O PSdeG de Ames presentará emendas por importe de 7,7 millóns de euros aos orzamentos da Xunta de Galicia. Dende a formación socialista consideran necesario que a administración autonómica outorgue a Ames un trato xusto nos orzamentos, incluíndo investimentos necesarios para mellorar a vida da poboación amesá.

As emendas céntranse fundamentalmente en tres áreas: saneamento e abastecemento, seguridade viaria e peonil e un espazo deportivo. Un total de sete proxectos presentados polos Socialistas de Ames, cos cales  pretenden dar resposta ás necesidades da veciñanza, ignoradas pola Xunta de Galicia de forma reiterada a pesares do seu coñecemento.

Para o Alcalde de Ames, Blas García, isto supón unha “elusión de responsabilidades da Xunta de Galicia, a cal ten competencias sobre estas materias” e lamentou que os orzamentos da Xunta de Galicia castiguen unha vez máis aos veciños e veciñas de Ames.

O rexedor aclarou que dende os Socialistas de Ames pretenden continuar traballando pola cidadanía de Ames e por iso presentan estas “emendas construtivas e realistas, aplicando o sentido común”. Por outra banda, dende a formación celebran a inclusión dunha cantidade nominal nos orzamentos para a construcción dun CEIP no Milladoiro, pero afirman que “este proxecto chega tarde”.

As emendas foron remitidas ao Grupo Socialista no Parlamento de Galicia para que sexan incluídas dentro da proposta definitiva de orzamentos que sairá do Parlamento de Galicia para o vindeiro ano 2023.