Ames foi o lugar escollido para a edición do Foro La España Despoblada organizado pola Cadena SER, un evento que persigue dar respostas ante o reto demográfico ao que se enfrontan moitos territorios do noso país onde a densidade de poboación foi caendo nas últimas décadas.
Este encontro permitiu reunir voces diversas e con coñecemento de causa para ofrecer alternativas e experiencias propias na loita contra a despoboación. Blas García, alcalde de Ames, inaugurou o foro asegurando que “se a xente non ten servizos, non se quedan a vivir no rural” e que para iso é fundamental “contar con políticas de conciliación”.
Nese sentido, o Concello de Ames é pioneiro con diversos programas como o ‘Bos días’ ou ‘Tardes divertidas’ ademais dunha ampla oferta deportiva e cultural para os nenos. Non obstante, Blas García remarcou que un concello como Ames non conta cun centro de día para os maiores e sinalou a necesidade de que a Xunta de Galicia colabore para poder dotar de servizos aos maiores do municipio, mellorando así a vida dos nosos veciños e veciñas.
Ante a falta de iniciativa da Xunta de Galicia por dotar deste servizo á poboación amesá, o Concello de Ames está negociando co arzobispado para poder facer un centro de día nunha rectoral abandoada en Ames para atender ás persoas do rural. Pero isto é o reflexo dun dos problemas da esfera local, sinalaba o alcalde de Ames, xa que “cada vez temos máis competencias que non son nosas e contamos con menos persoal”.
Dende os Socialistas de Ames agradecemos a Cadena SER que elexise Ames para celebrar este importante encontro cun tema que marcará o futuro de moitos concellos galegos nos próximos anos.