Cada 25 de novembro, o mundo conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e cada 25 de novembro o Partido Socialista súmase ao compromiso de millóns de mulleres e homes interpelados pola xustiza e a igualdade que, un día coma hoxe, alzan a súa voz contra a violencia machista. O Partido Socialista quere recoñecer a aquelas persoas que cada día dedican a súa vontade, compromiso, profesionalidade e acción nesta loita pola liberdade e a seguridade de todas as mulleres e en todos os recunchos do mundo. Un ano máis, o PSOE quere mostrar o compromiso máis firme de non deixar de traballar ata que se erradique a violencia machista e de facer que a nosa sociedade sexa segura e digna para as mulleres. Os e as socialistas compartimos a dor e o sufrimento de tantas mulleres que sofren violencia, das súas fillas e fillos, nais, pais, familiares e amigos. Somos conscientes de que o camiño cara a igualdade e cara unha sociedade libre de toda violencia aínda é longo e iso fai máis urxente o noso traballo e o noso compromiso máis decidido.

En España, desde 2003, foron asasinados 1.165 mulleres e 47 nenas e nenos. Desde 2009 presentáronse case 2 millóns de denuncias por violencia de xénero e máis de medio millón de ordes de protección. Segundo os datos da “Macroenquisa sobre a violencia contra as mulleres”, o 34,2% das mulleres sufriron violencia por parte das súas parellas ou exparellas. O 47,2% non denunciaron nin utilizaron os servizos públicos de asistencia. Detrás da frialdade de cada figura e de cada porcentaxe está a vida dunha muller. A vida das mulleres non son números e non podemos afacernos nin resignarnos a vivir con esta violencia que desafía os alicerces dun país democrático.

O noso compromiso coa erradicación da violencia machista é firme. Este 25 de novembro, fronte a aqueles que negan a existencia de violencia específica contra as mulleres polo feito de ser mulleres, fronte a quen recorta recursos públicos para a atención ás vítimas, o PSOE aposta polo seu compromiso coa igualdade, a liberdade e a seguridade das mulleres do noso país. Porque un país democrático non é posible se as mulleres teñen medo e sofren violencia. Porque un país progresista non é posible se os corpos das mulleres se venden ou se alugan, un país progresista non é posible se permitimos a explotación sexual e a prostitución. Unha sociedade democrática non é posible sen a liberdade e a igualdade das mulleres. En defensa da igualdade, liberdade e seguridade das mulleres: o PSOE sempre contra a violencia machista.