• Blas García: “Quero seguir traballando para que Ames continúe a ser unha referencia en Galicia, mantendo a aposta destes dous últimos mandatos polos  servizos no rural e o crecemento das empresas vinculadas ás TIC que hoxe son as nosas sinais de identidade”.
  • Logo do apoio unánime da asemblea socialista, o rexedor presentarase nun acto aberto aos veciños e veciñas de Ames como candidato á alcaldía.

O líder dos Socialistas de Ames, Blas García, presentarase como candidato á alcaldía de Ames tras a ratificación da asemblea socialista o pasado mércores 7 de decemebro. O actual rexedor foi apoiado de xeito unánime para liderar a candidatura dos socialistas de Ames de cara ás eleccións municipais de maio de 2023. “Asumo o reto coa tranquilidade de que conto co apoio de todos os compañeiros e compañeiras. Quero seguir traballando para que Ames continúe a ser unha referencia en Galicia, mantendo a aposta destes dous últimos mandatos polos  servizos no rural e o crecemento das empresas vinculadas ás TIC que hoxe son as nosas sinais de identidade” sinalou Blas García.

O alcalde e secretario xeral dos socialistas de Ames  presentarase nun acto aberto a todos os veciños e veciñas. O acto terá lugar o xoves 15 de decembro, ás 20.30h, na Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén será retransmitido en streaming para todos aqueles e aquelas que non poidan asistir. “A min gústame estar en contacto coa xente e atender as demandas que me fan chegar a través do WhatsappAmes, no Fala con Blas ou no meu propio teléfono. Os veciños e veciñas de Ames forman parte do meu día a día e espero poder contar con eles tamén nesta presentación” explicou o alcalde. 

Balance de mandato

Durante o seu mandato como alcalde, Blas García demostrou unha capacidade de xestión e un compromiso co desenvolvemento do municipio amiense que foi recoñecido pola veciñanza durante os distintos ‘Encontros co Alcalde’ que se sucederon no mes de novembros cos veciños e veciñas das parroquias do rural de Ames. 

Gracias ao seu liderado, o Concello de Ames está levando a cabo proxectos e melloras importantes nos núcleos urbanos e rurais, como a humanización de espazos públicos, a mellora na rede viaria das parroquias, un centro multifuncional proxectado para a mocidade e as persoas en risco de exclusión, así como a negociación co arzobispado para construír un centro de día que beneficie ás persoas maiores do rural. Ao mesmo tempo, o goberno encabezado por Blas García continúa creando sinerxias positivas entre a administración local e as empresas con programas de formación e axudas como medio para promocionar a economía local e o emprego. 

Non obstante, existen actuacións que aínda están en desenvolvemento e outras que están proxectadas. Por iso, dende os Socialistas de Ames consideran que é importante a continuidade e a estabilidade para afrontar os novos retos, e sinalan que Blas García é o candidato idóneo e coa experiencia necesaria para facelo. O actual alcalde manifestou recentemente que “gobernar é estar ao servizo da veciñanza e dar resposta aos seus problemas, e iso é ao que eu aspiro: seguir traballando por e para eles”. 

O proxecto dos Socialistas avanza un Ames sostible, que siga medrando e favorecendo a innovación empresarial, e fortalecendo a rede de servizos públicos que melloran a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio. “O noso compromiso é seguir traballando por darlle unha vida mellor aos veciños e veciñas de Ames dende o diálogo e o traballo conxunto, tanto con outros grupos políticos como con outras administracións. Ese é un dos sinais que marcaron os últimos mandatos e a senda que queremos seguir mantendo nos que veñen” concluíu.