• O rexedor socialista presentouse como candidato á alcaldía de Ames acompañado de compañeiros socialistas e centos de veciños e veciñas
  • O ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, respaldou a Blas García como candidato destacando a súa capacidade de traballo e implicación
  • Blas García: “Ames ten un potencial enorme e eu quero seguir gobernando para todos os veciños e veciñas deste municipio, independentemente de a quen voten”.

Blas García, candidato á alcaldía no 2023 polo Partido Socialista, presentou durante a noite do xoves o seu proxecto de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2023. O actual rexedor do Concello de Ames amosouse ledo polo boa acollida que tivo este acto entre a veciñanza do municipio. “É un pracer ver a tanta xente, a tantos veciños, acompañarme nesta noite tan especial para min. Ames é unha parte fundamental da miña vida e sentir o apoio dos cidadáns faime sentir un alcalde afortunado. Non hai maior satisfacción que observar o recoñecemento ao bo traballo realizado en Ames polos Socialistas durante estes dous últimos mandatos”.

O acto de presentación, que deu comezo arredor das 20.30h, contou coa participación de Susana Señorís, concelleira polo PSdeG-PSOE en Ames, e tamén interviron no evento personalidades notables do Partido Socialista de Galicia, como foi o caso do ex-Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, o actual Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, o Delegado do Goberno de España en Galicia e ex-alcalde de Ames, José Miñones, e o Secretario da Organización, José Manuel Lage Tuñas.

Blas García coincidiu con todos eles, durante a súa etapa traballando para o partido, como concelleiro, ou ben no ámbito da Deputación, e polo tanto os cinco son coñecedores de primeira man das cualidades que atesoura o candidato dos Socialistas de Ames. O ex-Presidente de Galicia, Emilio Pérez Touriño, quixo resaltar que Blas “é un traballador incansable. Un home íntegro e cercano, sempre pendente dos problemas dos demais”. Recordando a súa etapa no PSdeG, indicou que “calquera organización querería contar con persoas como Blas”.

Valentín González Formoso, pola súa banda, quixo enfatizar a “solvencia” e a “capacidade de xestión” de Blas García á fronte do concello de Ames. Se por algo destacou Blas como alcalde, é pola “capacidade de xerar consensos nunha localidade onde non é sinxelo pola variedade de demandas de servizos públicos”, sinalou Formoso. A boa labor que está a realizar Blas non pasa desapercibida e segundo comenta o Secretario Xeral do PSdeG, “Blas estase a converter nun gran referente do partido polo seu modelo de xestión”.

O ex-alcalde de Ames -agora na Delegación do Goberno en Galicia-, José Miñones, destacou que Blas foi unha peza clave durante o seu mandato “pola capacidade de traballo” e a “dedicación”. De feito, José Miñones aproveitou para contar un testimonio que resume, segundo as súas palabras, a dedicación de Blas con Ames: “Recordo que cando empezou como concelleiro, estando na oposición, despois dunha xornada de traballo Blas dicíame que ía aproveitar e ir co coche a coñecer algunha das parroquias. Iso xa di que tiña claro da importancia do contacto coa xente”.

Ese proceso de diálogo e escoita activa coa veciñanza do rural de Ames quedou patente nestes últimos meses, onde, o actual alcalde, Blas García, realizou diversos encontros nas parroquias para atender as necesidades dos veciños e veciñas e escoitar de primeira man as súas problemáticas. Iso serviulle, indica, para fixar as liñas estratéxicas para o futuro de Ames: unha aposta decidida pola política de coidados dos maiores, investimentos en servizos básicos para o rural e, por último, afianzar unha mobilizade sostible e adaptada ao S.XXI.

Visión de futuro

“Como alcalde, un sempre busca o benestar dos veciños e veciñas. Hoxe en día, o noso concello conta con servizos de conciliación que son toda unha referencia en Galicia e en España. Pero iso non debe deternos. Debemos avanzar agora no coidado dos nosos maiores e ofrecerlles en Ames lugares onde poidan recibir servizos de primeira calidade. Dende hai un tempo vimos negociando co arzobispado a cesión duns terreos para transformar unha reitoral abandonada nun centro de día que proporcione os servizos fundamentais ás persoas maiores do rural de Ames”. O rexedor manifestou que no concello, e el persoalmente, están comprometidos co benestar dos maiores e adiantou que esta será un dos compromisos polo que traballará no seguinte mandato.

Un segundo piar, central para calquera concello de Galicia, ten que ver coas dinámicas poboacionais. “En Ames somos afortunados porque somos unha excepción en Galicia. Só Salceda e Ames medran en Galicia en termos de poboación”. Non obstante, o fenómeno do despoboamento está sempre presente na realidade galega. O actual alcalde, Blas García, declarou que para afianzar poboación, a mellor política é ofrecerlle servizos públicos de calidade á cidadanía. “Se a xente do rural non ten servizos, non vai vivir no rural”. As prioridades do socialista pasan por dotar ao rural dos servizos básicos, como o saneamento e o abastecemento e avanzar a fibra óptica, aínda que esta última non dependa do concello. Durante este mandato, o rural amesán viu renovada a iluminación e a rede viaria e peonil, creando novas sendas para aportar seguridade aos veciños e veciñas nos seus paseos a pé.

Por último, o mandatario avanzou que o concello de Ames vai observar unha transformación en positivo da mobilidade, con actuacións moi esperadas como a humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro, a améndoa central de Bertamiráns que dotará de novos espazos públicos de calidade ou a creación de espazos verdes no Milladoiro no entorno do centro multifuncional, xa proxectado e presentado neste mandato. “Ames vai adecuarse ás vilas máis modernas con estas actuacións que levamos a cabo. Os patróns de mobilidade do futuro deben ser sostibles e por iso recobramos o protagonismo para as persoas”.

ILUSIÓN

Blas García quixo rematar o acto agradecendo a asistencia dos veciños e veciñas de Ames, e declarou atoparse “preparado e coa ilusión necesaria” para afrontar este novo reto. “Ames ten un potencial enorme e eu quero seguir gobernando para todos os veciños e veciñas deste municipio, independentemente de a quen voten”.