- Os Socialistas de Ames realizaron visitas a todas as parroquias do municipio durante novembro e decembro.
- Blas García outorga unha gran importancia a “escoitar e atender as necesidades das persoas” e promete “traballar para seguir mellorando a calidade de vida dos amesás”.
Os Socialistas de Ames finalizaron en Ortoño a ronda de visitas polo rural. Durante dous meses, os membros socialistas da corporación local acudiron ás once parroquias que conforman o municipio de Ames para escoitar as preocupacións dos cidadáns amesáns e expoñer os distintos proxectos nos que se está a traballar dende o Concello de Ames de cara ao futuro máis próximo.
O alcalde, Blas García, reiterou que o rural “é unha prioridade para o noso goberno”. Froito desa preocupación polo benestar dos veciños e veciñas do rural, o rexedor deu resposta ás inquedanzas manifestadas polos participantes nestes ‘Encontros co alcalde’. Entre os temas debatidos, as principais inquietudes cidadás xiraron arredor do saneamento, abastecemento, asfaltado de camiños e creación de sendas peonís, así como a limpeza e o mantemento no rural.
Os membros do PSdeG de Ames tiveron tamén a oportunidade de expoñer novos proxectos, como un servizo de transporte de autobús que vai conectar as zonas rurais cos núcleos urbanos, e explicar outros en curso, como por exemplo o proxecto de mantemento e limpeza cunha brigada municipal que percorreu xa durante o ano 2022 todos os núcleos de Ames. Dende os Socialistas de Ames resaltan o firme “compromiso co rural” para dar solución aos desafíos e consideran un “éxito” estes encontros coa veciñanza. Blas García, pola súa banda, sinalou que “como alcalde é un deber escoitar aos veciños” e manifestou que “se a xente do rural non ten servizos, non vai vivir no rural”.
Os Socialistas de Ames agradecen a participación activa dos centos de veciños e veciñas que acudiron aos encontros co alcalde e seguen a traballar para abordar os retos existentes e ofrecer novas oportunidades ás persoas que viven no rural amesán.