O pasado sábado, 14 de xaneiro, membros da corporación local e representantes da comunidade educativa visitaron o CEIP Agro do Muíño para coñecer o proxecto e os prazos de ampliación do centro. A obra de ampliación vaise licitar nos vindeiros días por máis de 3,4 millóns de euros. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Segundo previsións indicadas, os traballos comezarían en tres meses e a ampliación compatibilizaríase co curso académico. Durante o verán aproveitarase para actuar no edificio actual podendo entrar en funcionamento o edificio para o curso 2024/2025.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou a súa satisfacción por este anuncio “Fai anos que traballamos conxuntamente dende o Concello, a comunidade educativa e a Consellería de Educación para ampliar este centro que conta cunha gran demanda e temos que amosar a nosa satisfacción por telo conseguido. O CEIP Agro do Muíño conta con case 500 alumnos e alumnas e coa ampliación vai a verse incrementado en preto de 150 alumnos”. Blas García tamén tivo palabras para “agradecer o traballo e a colaboración da dirección do centro, da ANPA e da comunidade educativa, así como, da veciñanza da urbanización de Agro do Muíño pola súa permisividade e colaboración nos cambios urbanísticos realizados na zona”.
O novo edificio albergará seis aulas convencionais, o que permitirá habilitar espazo para ata 150 novos alumnos, tres aulas de desdobres, aulas de música, pedagoxía terapéutica, aula de audición e linguaxe e orientador, aseos, sala de usos múltiples e vestíbulo de entrada. Ademais, estará dotado dun foro, un espazo multifuncional que ten como finalidade promover a aprendizaxe en espazos abertos, e dun polo creativo, un novidoso espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Hai que engadir que o edificio será accesible e contará con sinalética e grafismos que aclaren os itinerarios internos. No que se refire ao actual edificio, acometeranse diversas melloras na zona de instalacións, ampliarase o comedor e reorganizaranse varios espazos, entre outras actuacións, ademais de unir o volume existente co novo.