• Os Socialistas de Ames acordaron a creación do comité electoral para organizar a campaña electoral das municipais.

O mércores, 25 de xaneiro, a Executiva Local dos Socialistas de Ames reuníronse para debater sobre a actualidade do municipio e informar dos puntos a ser tratados na primeira sesión plenaria do ano no Concello de Ames. Durante a reunión mantida polos socialistas, fíxose un anuncio importante de cara ás vindeiras eleccións municipais, que terán lugar o día 28 de maio.

As persoas integrantes da Executiva Local acordaron poñer en marcha un ‘Comité Electoral’ para supervisar, planificar e organizar as actividades e accións dos socialistas no municipio. O comité está encabezado pola Vicesecretaria Xeral de Acción Electoral, Susana Señorís, polo Vicesecretario Xeral, Víctor Fernández, e pola Secretaria de Organización e Administración, Elisa Suárez.

Blas García, actual Secretario Xeral da formación e alcalde do Concello de Ames, quixo resaltar as “excelentes cualidades dos compañeiros e compañeiras” que formarán parte do comité electoral ademais de resaltar a “dedicación e ampla experiencia” que posúen neste campo.

Os Socialistas de Ames amósanse confiantes de cara aos próximos comicios, e a formación deste comité é un primeiro paso para repetir os resultados como a forza máis votada en Ames. Segundo comentan os compoñentes do comité electoral, “a campaña serve para facer balance e expoñer todo o traballo que levamos feito. Permítenos observar o progreso que experimentou o noso municipio. Pero tamén serve para presentar un proxecto de futuro para Ames.”

Proximamente os Socialistas anunciarán actividades e actos que se realizarán primando a participación da veciñanza. Dende o partido consideran esencial “escoitar as necesidades e preocupacións dos veciños e veciñas” co obxectivo de formular un proxecto que teña en conta todos os intereses porque “a nosa prioridade é, e sempre será, Ames”, indican dende os Socialistas de Ames.