• Hai uns meses, concelleiras da Pobra do Caramiñal e de Noia visitaron o municipio para coñecer de primeira man o Plan de Prevención de Incendios Forestais do Concello de Ames.
  • Nesta ocasión, o candidato dos socialistas en Noia, Francisco Pérez Caamaño, quixo coñecer en profundidade algunha das políticas municipais que sitúan a Ames como referencia en Galicia.

O secretario xeral e alcalde do Concello de Ames, Blas García, xunto con outros membros da dirección local dos Socialistas de Ames, tiveron o pracer de ensinarlle ao candidato socialista en Noia, Francisco Pérez Caamaño, algúns dos proxectos  en curso do Concello de Ames nunha visita realizada ao noso municipio. O motivo deste encontro radica na vontade do candidato noiés por coñecer de preto as políticas desenvolvidas en Ames que tan bos resultados están a dar no eido local.

A primeira parada foi a Escola Municipal Infantil do Milladoiro onde puideron acceder ás instalacións e observar in situ o funcionamento dos comedores escolares, de competencia municipal. O rexedor socialista indicoulle que os comedores proporcionan alimentación variada para centos de alumnos do concello baixo pautas nutricionais saudables e sustentables mediante o acceso a produtos locais de alta calidade. Así mesmo, Blas García remarcou a súa aposta por este servizo que forma parte dunha estratexia integral de “conciliación” que “é un dos piares esenciais que posibilitaron o crecemento demográfico de Ames”, convertendo ao municipio nun dos dous únicos concellos galegos con saldo vexetativo positivo.

No Milladoiro tamén tiveron tempo para comprobar o estado actual das obras do novo centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica. Este edificio, destinado a ser un dos puntos referenciais do municipio para a mocidade e a inserción laboral e social de colectivos vulnerables do Concello de Ames, “funcionará como dinamizador social e económico favorecendo encontros entre a veciñanza nun entorno inmellorable”, sinalan dende os Socialistas de Ames.

A visita rematou no espazo de co-working A Proa, inaugurado hai pouco máis dun ano e o cal xa conta na actualidade con 30 proxectos  en desenvolvemento. Os Socialistas de Ames aproveitaron a ocasión para amosar o seu compromiso co sector empresarial do municipio e a vontade por seguir atraendo actividade económica ao polígono do Milladoiro, recoñecido por albergar algunhas das empresas máis punteiras nos sectores tecnolóxicos e do audiovisual.

Blas García agradeceu o interese amosado por Francisco Pérez Caamaño e sinalou que “é unha honra que veña xente doutras partes de Galicia para coñecer o que estamos a facer aquí en Ames”. O goberno liderado por Blas García e a súa xestión posicionan a Ames como referencia e benefician ao conxunto da cidadanía amesá.