- Blas García, o alcalde de Ames, salientou a importancia da educación para o goberno local, o cal inviste o 20% do seu orzamento na educación dos nenos e nenas do municipio.
- O novo centro educativo do Milladoiro será o primeiro colexio construído en Galicia con criterios da Nova Arquitectura Pedagóxica.
A construción do novo CEIP do Milladoiro, que acollerá a 450 estudantes, é o resultado da estreita colaboración e cooperación entre o goberno local e a Xunta de Galicia. O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ratificaron o anuncio do proxecto que situará ao Milladoiro como o epicentro educativo de referencia, xa que a nova escola será o primeiro centro de toda Galicia en ser construído baixo parámetros da Nova Arquitectura Pedagóxica.
No acto de presentación, o alcalde de Ames -Blas García- sinalou que este proxecto é “algo polo que levamos traballando dende o primeiro mandato”. Polas características demográficas de Ames, sendo un dos poucos concellos galegos que medra poboacionalmente, “era necesario que O Milladoiro contase cun centro educativo novo para poder albergar a todos os nenos e nenas da zona”, sostivo o rexedor socialista.
O goberno local mantén un forte compromiso coa educación pública do municipio, á cal destinan arredor do 20% do total do presuposto (máis de 5 millóns de euros) pese a non ter competencias directas nesta materia.
Recentemente anunciouse a ampliación do CEIP Agro do Muíño, que xunto con este novo colexio do Milladoiro supoñen un investimento en materia educativa de máis de 13 millóns de euros no Concello de Ames. Con todo, Blas García aproveitou a ocasión da visita do Presidente da Xunta para tenderlle a man e chegar a un acordo para subsanar as deficiencias estruturais existentes no CEIP de Barouta.
O alcalde de Ames resaltou a boa sintonía entre a administración autonómica e o Concello de Ames e estableceu que a colaboración se constrúe mediante o diálogo. “Para nós, iso é dar un bo exemplo de política útil en favor da cidadanía”, sostivo Blas García, tras agradecer a presencia do Presidente da Xunta neste acto de presentación do novo colexio do Milladoiro.