- A cinco días das eleccións, o Club Financiero de Santiago organizou na súa sede un debate electoral cos catro candidatos á alcaldía de Ames que contan actualmente con representación municipal.
-
Roberto Pereira, presidente do Club Financiero de Santiago, foi o encargado de moderar o debate que estivo estruturado en tres bloques: economía municipal, emprego e industrialización, e servizos e infraestruturas.
O actual alcalde e candidato á reelección, Blas García, destacou a boa situación económica do Concello de Ames e a necesidade de investir o superávit nos veciños para mellorar os servizos. Nesta liña fixo referencia ás afirmacións da candidata popular, “máis aforro e non subir impostos, non se pode traducir en máis servizos. Non falamos de subir impostos, pero si de facer unha redistribución dos mesmos e investir o superávit para dar novos servizos aos veciños”.
Blas García explicoulle ao candidato do Bloque Nacionalista Galego que “as sinerxías xa están creadas e as reunións cos empresarios son fluídas e frecuentes”. En canto ás medidas do PSOE, o actual alcalde referiuse aos apoios que xa se lle están ofrecendo ao sector empresarial: “axilizamos os trámites no polígono, o novo hotel, o novo aparcamento… Ademais, temos o proxecto dun novo polígono empresarial en Bertamiráns”.
No derradeiro bloque, de infraestruturas e servizos, o candidato aludiu ao histórico acordo para humanizar O Milladoiro con fondos do Goberno de España. “Falar de infraestruturas é falar de humanización de espazos. A nosa intención é humanizar Milladoiro e o proxecto de reducir Rosalía de Castro a un carril non vai colapsar Milladoiro, vaino humanizar. No tema do aparcamento, o concello está buscando prazas e xa estamos xestionando 170 prazas que están inutilizadas para poñelas á disposición da veciñanza”.
O actual alcalde tamén informou de que este ano estará lista unha liña de transporte Milladoiro-Bertamiráns e en materia de conciliación dos maiores, “estamos traballando co Arzobispado para que nos ceda retorais que teñen abandonados no rural para facer un centro de día para os maiores”.