A bandeira LGTBI ondea por primeira vez no concello de Ames

Foto do Concello de Ames

O Concello de Ames súmase ás localidades e municipios onde estes días ondea a bandeira arco iris, en conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI. A devandita bandeira foi colacada no balcón da Casa do Concello e permanecerá neste lugar ata o vindeiro luns 29 de xuño.

Esta é a primeira vez que ondea esta bandeira na Casa do Concello de Ames.

O goberno municipal elaborou un manifesto no que se recolle o compromiso coas reivindicacións dos movementos sociais que demandan unha sociedade máis xusta.

Este domingo, 28 de xuño, celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI. O Concello de Ames súmase ao resto de concellos do Estado que conmemoran esta efeméride e para elo o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Benestar social e Dereitos para a cidadanía, Luísa Feijóo, colocaron a bandeira arco iris no balcón da Casa do Concello.

Asemade, elaborouse un manifesto no que se recolle o compromiso coas reivindicacións dos movementos sociais que demandan unha sociedade máis xusta. Segundo se recollle no devandito manifesto; neste 2015 en España celebrase o décimo aniversario da Lei de Matrimonio Igualitario que posibilitou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, aprobada polo Congreso dos Deputados e Deputadas o 30 de xuño de 2005, e que entrou en vigor o 3 de xullo dese ano.

Unha lei que veu a recoñecer o dereito de calquera cidadán e cidadá a casarse con quen quixese, cos mesmos dereitos e cos mesmos nomes. Un pequeno cambio legal que tanta felicidade e dignidade trouxo para millóns de persoas, e que supuxo o fin da discriminación legal cara a lesbianas e gais, así como a culminación dunha longa loita dos colectivos LGTBI en favor da igualdade e os dereitos civís.

No Concello de Ames queremos comprometernos permanentemente coas reivindicacións dos movementos sociais en demanda dunha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa, e por iso este ano queremos apoiar co acto simbólico de colgar a bandeira LGTBI no balcón da Casa Consistorial para, deste xeito, axudar a visibilizar a este colectivo tantas veces marxinado, atacado e discriminado. Consideramos que é o momento de alzar a voz en demanda de leis pola igualdade real, porque recoñecida a igualdade formal aínda queda moito camiño por percorrer para alcanzar a igualdade efectiva de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *