Os Socialistas denuncian falta de documentación e pasividade absoluta no Goberno para o peche da Comisión das Escolas.

Felicitan as aos rapaces e rapazas que foron saíndo a facer a exhibición do aprendido ao longo do curso. “O seu entusiasmo e dedicación debe ser correspondido cos nosos alagos”, din os socialistas

Calculan os Socialistas que tan só en Bertamiráns se produciu un 33% de baixas entre os usuarios e usuarias

O pasado venres pechouse o curso das peores escolas deportivas que se recordan en Ames cunha exhibición de nenos e nenas no pavillón de Bertamirans, e na que o Grupo Municipal Socialista estivo presente dende o seu comezo ata o fin case catro horas que durou o acto. Para os Socialistas a gala de clausura das escolas foi un fiel reflexo da realidade que se viviu neste curso e coa entrada da nova empresa –Eulen Sport- na xestión das mesmas, lembramos que por decisión unilateral dun Goberno á deriva que practicamente non é capaz de programar novas iniciativas e que cando se mete a facer algo é para estropealo, como así aconteceu coas Escolas Deportivas amienses que contaban cunha gran aceptación entre os usuarios e usuarias e que, desgraciadamente ata o seu peche foron perdendo asistentes pola seu empeoramento na xestión..

Felicitar aos rapaces e rapazas
Da gala do sábado gustaríanos felicitar aos rapaces e rapazas que foron saíndo a facer a exhibición do aprendido ao longo do curso. O seu entusiasmo e dedicación debe ser correspondido cos nosos alagos, e as críticas sobre a actuación do Goberno non deben empañar a súa posta en escena, que un ano máis foi de todo meritorio.

Na gala do sábado actuaron os grupos de Bertamiráns, Milladoiro, Ventín ou Barouta en diversas actividades, tales como patinaxe, aerobic, ximnasia rítmica, judo, predeporte, baloncesto, tenis e ballet. A gala que rondou as catro horas recibiu a crítica dos asistentes pola falla de ritmo e a lentitude que existía entre actuación e actuación, ademais de existir certa desorganización por parte dos responsables de Eulen Sport, que foron os organizadores do evento; o que foi un exemplo máis da desgraciada xestión e da desafortunada adxudicación do goberno municipal.

Escasa asistencia de usuarios e usuarias

Pero lonxe do propio acto e da súa organización o que máis chamou a atención dos socialistas amienses foi a escasa asistencia de usuarios e usuarias da meirande parte dos grupos que actuaron, o que pon de manifesto o que nos xa denunciamos fai meses e que non é outra cousa que o mal funcionamento das Escolas de man da nova empresa, e que provocou a reiterada sangría de baixas mes a mes e que agora queda demostrado coa presencia de moitos menos rapaces en cada un dos grupos que actuaron e en referencia aos que iniciaron o curso aló polo mes de outubro. As numerosas incidencias e queixas dos usuarios e usuarias ante a falta de material, de monitores/as, dos atrasos ou substitucións continuas dos monitores por parte da empresa, e a escasa formación ou titulación de moitos deles levou ao que o venres vimos todos os asistentes, grupos que ao seu inicio contaban con ata 20 ou 30 usuarios e que no día da gala amosan a presenza de tan solo 5 ou 6. Podemos entender que algún usuario non puidera acudir ese día á gala pero parécenos que os números falan por si solos e estes son algúns exemplos:

Actividade Nº usuarios/as na gala Ao comezo do curso
JUDO 6 21
XIMNASIA RÍTMICA G.1 7 19
XIMNASIA RÍTMICA G.2 5 15
BALONCESTO 20 55
TENIS 15 75
PATINAXE 50 130

Á vista destes números os Socialistas de Ames afirmamos con rotundidade que o Goberno “cargouse o servicio das Escolas Deportivas que eran un referente non solo en Ames senón tamén para outros Concellos” di o portavoz socialista, José Miñones. Culpan os socialistas a complicidade e a connivencia do equipo de goberno do PP, e especialmente da concelleira-delegada da área, Eugenia Martín, que “sempre intentaron defender os intereses da empresa por diante dos usuarios/as é algo lamentable” remacha con rotundidade José Miñones.

Peche da Comisión das Escolas Deportivas
Os socialistas levamos dende hai meses solicitando a convocatoria do peche da comisión das Escolas deportivas, pero o Goberno non quere facelo porque na mesma se levarían as conclusións de dita comisión que obrigarían ao Goberno a actuar en consecuencia. “O Goberno bota balóns fora con tal de non asumir responsabilidades e escapa da realidade mirando para outro lado”, di Miñones. Lonxe de buscar a transparencia o Goberno do PP agocha a información ou pon trabas para o seu acceso.

O Grupo Socialista ten pedido copia e acceso ás actas de asistencia e demais documentación dende fai varios meses e unha vez que temos acceso a dita información atopámonos con que a mesma está incompleta. “O Goberno non quere que vexamos as actas de asistencia das actividades para que non saibamos canta xente se foi dando de baixa e por iso dificulta o acceso a esta información gardando as actas en diferentes dependencias e separadas do expediente”, denuncia o portavoz socialista. O Grupo Socialista só tivo acceso as actas de Bertamiráns e comprobamos que faltaban varias actas de actividades das escolas que non se atopaban xunto co resto da documentación.

Pero “do análise pormenorizado das actas vistas xa podemos concluír que o desastre da xestión das Escolas foi incluso superior aos peores presaxios e o número de baixas foron moi superiores aos primeiros meses de actividade”, manifesta Miñones Conde. Ademais os números revisados nas actas de asistencia casan perfectamente co número de usuarios que acudiron á gala do pasado sábado o que nos amosa a realidade das escolas: “unha realidade dura e lamentable que solo ten un culpable; o goberno de Ames”.

A porcentaxe de usuarios/as que durante un mes seguido non foron á actividade e polo tanto causan baixa conforme ao prego de licitación:

BERTAMIRÁNS % de baixas
Aerobic 57%
Baloncesto 22%
Patinaxe 20%
Predeporte 14%
Tenis 35%
Ximnasia Rit. 61%
Ballet 33%
Pilates 36%
Judo 25%
TOTAL 33%

Estes son os datos das actas de asistencia que puidemos comprobar e nas que faltarían todas as correspondentes a Milladoiro ademais das baixas xa executadas do mes de xaneiro e que aquí non se contabilizan. Estes datos amosan un completo desastre con ata 200 usuarios/as de baixa tan solo en Bertamiráns, cifra que se achega á correspondente a todo o Concello no mes de febreiro e que demostra que ao final do curso a completa totalidade das escolas contaban cunha asistencia moi inferior ao do seu inicio, chegando nalgunhas actividades a unha rebaixa do 60% de usuarios/as. “Esta é a verdadeira rebaixa que fixo este Goberno, non a que vendía do prezo, senón a que reflicten os números de usuarios/as, unha realidade innegable e desastrosa” cualifica o portavoz, José Miñones.

Pregos en dúbida
A empresa Eulen, que resultou adxudicataria do servizo das Escolas Deportivas Municipais, incumpriu de maneira clara e flagrante o prego de licitación, tal e como recoñeceu o responsable da empresa que acudiu á Comisión para estudar e analizar o funcionamento do citado servizo. Segundo informou e recoñeceu, a persoa que desenvolveu desde o seu inicio, e segue a desenvolver as tarefas de coordinación das Escolas Deportivas non posúe a titulación necesaria e especificada de maneira clara no prego, que é a de ser Licenciado en Ciencias do Deporte e Educación Física (INEF). E desde o mes de xaneiro e, seguramente, debido ás reiteradas denuncias do Grupo Municipal Socialista, decidiuse nomear a un segundo Coordinador coa titulación necesaria, para intentar camuflar o incumprimento.

“Non hai dúbida do desgraciado fracaso dunha das actividades estrela que recolleu o goberno municipal que preside Santiago Amor, e que debido ao seu afán por deixar a súa pegada só conseguíu reducirlle a calidade e polo tanto empeoralas de maneira notable”, conclúe José MIñones