Amor incumpre a Lei de Facendas Locais ao non presentar aínda a Conta Xeral do 2012

Casa do Concello

Ante a incapacidade para presentar a Conta Xeral en prazo tivo que pedir unha prórroga ata o 30 de xuño.

Miñones di que Amor converteu a Ames nun concello en fóra de xogo e á deriva, sen as ferramentas principais para gobernar, como son a Conta Xeral e o presuposto

Tal e como sinala o Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o alcalde ten que aprobar a liquidación do presuposto do ano anterior antes do 1 de marzo do ano seguinte. E remitirá copia da liquidación á Administración do Estado e á Comunidade Autónoma antes do remate do mes de marzo. Posteriormente, o alcalde debe render a conta xeral antes do 15 de maio do exercicio seguinte, e someter a informe da Comisión Especial de Contas, que estará constituída polos membros dos distintos grupos políticos municipais, antes do 1 de xuño.

A día de hoxe, os Socialistas de Ames estamos en disposición de manifestar que o alcalde está a incumprir claramente os prazos marcados pola lexislación vixente e a Conta Xeral do ano 2012 non está rendida en prazo; algo que por outra parte non nos resulta nin novidoso nin nada sorprendente dados os ritmos de traballo que ten demostrados este goberno e fundamentalmente o seu alcalde, o cal día tras día e tema tras tema amosa un pasotismo e un desleixo irritante e prexudicial para o concello.

REITERADAS PREGUNTAS NO PLENO
O Grupo Municipal Socialista leva varios meses preguntándolle ao alcalde polo estado no que se atopa a Conta Xeral do 2012, e recordándolle en cada unha delas que existen uns prazos e unha responsabilidade que está a incumprir de maneira premeditada:

⎯ No mes de marzo preguntamos no pleno pola situación da Conta Xeral, e o Alcalde respondeu que a ía a presentar en breve.

⎯ No pleno do mes de Maio, novamente, o voceiro socialista, José Miñones, preguntoulle ao Alcalde sobre o estado das contas, sen que se recibise resposta algunha.

⎯ No último pleno do mes de xuño, novamente Jose Miñones, preguntou por este asunto ao Alcalde e a resposta obtida foi sorprendente ao afirmar o propio Alcalde que a conta estaba en prazo e se presentaría de rematar o 30 de xuño que se tiña por último día. O Alcalde quixo enganarnos pero finalmente tivo que recoñecer que o prazo do que falaba era o da prórroga que se solicitara anteriormente, xa que o prazo rematara en marzo de 2013, demostrando así, unha vez máis, a súa pouca capacidade ao fronte do concello e como máximo responsable da área económica.

AMPLIACIÓN DO PRAZO E INCUMPRIMENTO DA PRÓRROGA
Polo tanto, a falla de xestión do alcalde obrigouno a ter que pedir unha ampliación do prazo posto que foi incapaz de cumprir con unha das súas tarefas. Pero o peor, e o que xa ronda o colmo da incompetencia é que a pesares de ter unha prórroga ata o día 30 de xuño, volveu a incumprir novamente este prazo, xa que a día de hoxe os grupos políticos que formamos parte da corporación municipal descoñecemos calquera tipo de información sobre a Conta Xeral, nin tampouco se procedeu a convocar a Comisión Especial de Contas para elaborar o ditame da mesma.

Está claro que Santiago Amor, na súa condición de alcalde está a amosar unha total torpeza e neglixencia política, ademais de actuar de maneira reiterada de costas á corporación municipal, coa que non se comunica e á que oculta información.

O alcalde ten agora a obriga de responder a varias preguntas, tales como: Cales son as razóns para incumprir os prazos fixados pola lei? Que acontece coa prórroga concedida? Que consecuencias económicas pode ter o atraso da Conta? Cando ten pensado presentarllas á corporación? “Unha vez máis, o alcalde Amor pon na corda frouxa os intereses dos veciños e veciñas de Ames, e entendemos que, cando menos, o alcalde debe dar as oportunas explicacións ao Pleno da Corporación”, manifesta José Miñones.

No pleno do ano pasado no que se debateu a última Conta Xeral do exercicio 2011, asegurou que non se ía a producir ningún atraso máis, habida conta do esforzo que fixera o anterior goberno na posta ao día en materia de rendición de contas. Pero a día de hoxe, constátase o seu incumprimento, e tira pola borda anos de esforzo. Agora a responsabilidade xa non é do anterior grupo de goberno, como veu acusando ata o de agora.

UN CONCELLO FÓRA DE XOGO E Á DERIVA
Non fai moito tempo que Santiago Amor daba leccións de como facer as cousas en materia económica, e el mesmo dicía que era a persoa que “poñería rumbo á economía do noso concello”. Para o portavoz socialista iso só era “marketing e falsas promesas que co paso do tempo demostraron que é moi doado falar pero moito máis complicado actuar”, e segundo Miñones, o único que logrou durante os últimos dous anos foi “converter Ames nun concello desgobernado, fóra de xogo … nun concello á deriva, sen as ferramentas principais para gobernar, como son a Conta Xeral e o presuposto”.

Dende o Grupo Socialista pedímoslle ao alcalde que, acelere ao máximo a liquidación das contas. Entendemos que o “el é o único responsable de non telas rendido debido á súa inoperancia, que logo da súa crise interna de goberno, en minoría, non é quen de sacar a diante un concello con tan só cinco concelleiros no goberno”, puntualiza José Miñones. E os Socialistas de Ames pedímoslle outra vez que sexa responsable cos amienses e que se non se ve capacitado –como así parece ocorrer- que non siga exercendo ao fronte do concello porque son xa moitos os incumprimentos deste Alcalde en minoría, sen forza e sen apoios, que desgoberna o noso municipio.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *