Avisan de que hai que ir buscando solucións ao problema de prazas educativas que existe en Ames.

Durante a rolda de prensa celebrada polos pais e nais das unitarias de Covas e Agrón, na que amosaban o seu rechazo ao peche anunciada pola Consellería de Educación o día anterior, foi cando a través dos concelleiros do goberno amiense, Eugenia Martín e Bernardo Moar, se informou de que todo fora un malentendido e unha confusión xurdida dentro da propia consellería.

Os concelleiros socialistas presentes nesa xuntanza (José Miñones, Isabel González e Francisco Doval) non saían do seu asombro ante tal anuncio, xa que dous días antes todo indicaba que a Xunta tiña previsto o seu peche, tal e como informou o Inspector de Educación da zona ás profesoras de ambas unitarias. Pero manifestan, ante todo, sentirse satisfeitos e contentos porque todo se debera a un erro dentro da consellería de Educación; e que polo tanto as Escolas Infantís de Agrón e Covas poidan seguir abertas durante o próximo curso e desenvolvendo a súa importante función en ambas parroquias.

Os Socialistas queren lanzar unha dura crítica á consellería responsable da xestión educativa, xa que a “confusión” sobre o peche das unitarias pon de manifesto a desorganización e o desbaraxuste existente nese departamento da Xunta de Galicia, no que un día polo seu afán de recortar servizos pechan dous centros e días despois garanten o seu funcionamento; algo verdadeiramente insólito e que demostra a pouca seriedade existente.

ONDE ESTABA O ALCALDE?
Así mesmo os Socialistas pregúntanse que ocupacións tan importantes tería na tarde de hoxe o alcalde de Ames, xa que non puido acudir el en persoa a informar aos veciños e veciñas de Agrón e Covas e tivo que mandar a dous emisarios para que explicasen o erro.

Aínda así, os representantes do PSdeG-PSOE de Ames pídenlle ao alcalde que teña en conta o acontecido estes días con estas unitarias e que pense que en Ames hai que empezar a traballar no futuro, xa que os colexios da localidade están todos colapsados ou a piques de facelo, e o mantemento destas escolas infantís é un parche temporal contra “a bola de neve” educativa que se está formando en Ames, e é mellor ir buscando solucións e adiantándose aos problemas que despois ter que agocharse cando xurdan.