Levan desde o mes de setembro pedíndolle ao alcalde que convoque unha xuntanza entre todos os grupos para consensuar as obras

Falta un mes para que remate o prazo para presentar propostas á Deputación

Na xuntanza realizada onte martes polo PSdeG-PSOE de Ames, na que se reúne o Grupo Municipal coa Executiva Local para analizar a situación política e institucional do municipio, falaron, entre outros asuntos, do Plan de Obras e Servizos que a Deputación de A Coruña acomete en Ames. Informouse da finalización das actuacións do POS relativo a este ano, e fíxose traslado de diversas queixas que os veciños e veciñas están facendo chegar ao Partido, segundo as cales existen obras que non están quedando nas condicións axeitadas; citan como exemplo a realizada en Gasamáns (Agrón), onde se reduciu o ancho da estrada e agora apenas collen dous coches, cando o normal sería facer un paseo en terra entre o asfaltado e a cuneta e conservar o ancho da estrada, cousa que non fixeron. Os socialistas consideraron oportuno trasladarlle ao goberno municipal a necesidade de inspeccionar estas obras e por iso cren necesario que tanto o concelleiro delegado de obras como o propio alcalde visiten e revisen estas obras, “que non se quede só nunha nota de prensa de finalización das mesmas”, é necesario e case obrigatorio “baixar ao terreo e falar cos veciños e veciñas”, apuntan os socialistas.

Preocupación polo POS do 2014
Nesta xuntanza tamén se trasladou unha preocupación pola maneira na que o goberno de Ames está a levar o próximo Plan de Obras e Servizos provincial, xa que ata o de agora non volveron a ter información oficial por parte do equipo de goberno para empezar a falar sobre as obras que se van a incluír neste programa.

Os socialistas fan historia, e contan que xa o ano pasado existiron problemas coa proposta do goberno, e que ademais foi o desencadeante final da ruptura entre Santiago Amor e Ramón G. Argibay, xa que os agora excindidos do PP de Ames non asistiron a ese pleno e deixaron ao goberno en minoría, co cal grazas aos votos do Grupo Socialista puidéronse sacar a diante as obras do POS do 2013.

Por iso, e coñecendo a pasividade e a falla de actitude dialogante da alcaldía, xa fai meses que o Grupo Socialista, por boca do seu portavoz, José Miñones, vén reclamando que se inicien os pasos e as xuntanzas oportunas para poder propoñer os grupos da oposición obras e actuacións para o POS do 2014 e iniciar as negociacións necesarias para poder sacalas adiante de maneira consensuada, se é posible, nun pleno ordinario.

Pediuse xuntanza no mes de setembro

Xa no pleno do mes de setembro Miñones fixo un rogo no que avisaba para que “non aconteza o doutros anos e se convoque unha reunión”, e dicía que esa xuntanza sería na que “os representantes concretos da corporación para que fagamos as achegas para ese POS”. A finais do mes de outubro o goberno municipal solicítanos, por escrito, propostas para incluír no POS 2014, as cales lle trasladamos poucos días despois. Dicir que desde que as nosas propostas foron rexistradas no concello (día 6 de novembro) non volvemos a ter comunicación oficial por parte do grupo de goberno.

O Grupo Socialista manifesta que é coñecedor do que significan estes atrasos e dilacións no goberno municipal, e segundo o seu portavoz municipal, “moito nos tememos que podamos volver a sufrir unha nova dificultade, xa que os ritmos de traballo deste goberno só nos orixinan problemas e trastornos aos amienses”; e pregunta Miñones: “porque sempre temos que esgotar os prazos, pedir prórrogas e celebrar plenos extraordinarios para a aprobación de asuntos importantes, se cunha planificación axeitada, un diálogo fluído e con vontade política podíamos solucionar todo moito mellor”, para rematar afirmando que “desgraciadamente, xa é moi evidente a parálise institucional na que se atopa o Concello de Ames”.

Para os Socialistas está claro e demostrado que o goberno presidido por Santiago Amor non dá máis de si, e a súa capacidade de xestión é máis ben escasa e limitada, porque cinco persoas non son capaces de xestionar un concello de 30 mil habitantes, ademais de amosar unha escasa dedicación e de non estar atentos e pendentes do día a día municipal. E “a isto hai que unirlle o nulo interese polo diálogo e o acordo que demostra a alcaldía, manifestando de maneira habitual un comportamento prepotente e soberbio, sen ser capaz de entender que están en minoría”, explica José Miñones.

Medio millón de euros
Os Socialistas de Ames incidimos tanto neste Plan de Obras e Servizos porque o consideramos vital para o noso municipio, xa que estamos a falar dunha cantidade que ronda o medio millón de euros, e que se pode dedicar como mínimo o 40% a investimento, e o resto a gasto corrente ou débeda. Por iso, e dados os escasos investimento que ten Ames nos últimos tempos estamos a falar “dunha cantidade económica importantísima que serve para paliar a nula xestión do goberno”, recalca o portavoz socialista; “por iso consideramos necesario que exista un debate de todas as forzas políticas sobre como investir eses cartos, e iso temos que facelo con tempo”, di Miñones.

Entre o 4 de novembro e o 27 de decembro deste ano é o prazo para presentar os proxectos, e polo tanto quédanos xustamente un mes para traballar nas propostas e proxectos para presentar a este plan provincial, polo que o tempo corre na nosa contra e por iso lle pedimos, novamente, ao alcalde de Ames que convoque a xuntanza para estudar as propostas dos demais grupos e facer a previsión necesaria para aprobalas no pleno ordinario do mes de decembro, “e non ter que andar correndo, coma sempre, e facendo as cousas mal como acostuma a suceder con este goberno”, conclúe José Miñones.