O Grupo Municipal manifesta a súa desconformidade co alcalde por non contestar varios escritos desde o mes de xullo.

Miñones cualifica de entorpecemento premeditado por parte da alcaldía a desinformación ao existir asuntos sensibles que pode demostrar algunha xestión realizada difícil de explicar

Pleno_AmesOs Socialistas de Ames manifestan a súa desconformidade co a maneira de actuar do alcalde de Ames, santiago Amor, e o goberno que el dirixe xa que desprecia aos grupos da oposición ao non contestar á información que lle solicitan.

O Grupo Socialista queíxase porque ten escritos sen contestar polo goberno desde o pasado mes de xullo, nos que solicitaron información sobre os cambios de personal levados a cabo en diferentes departamentos municipais. Pero, tal e como apuntan, este é só un dos numerosos escritos aos que o goberno que preside Santiago Amor aínda non se “dignou a respostar”, tal e como di José Miñones; xa que para o portavoz municipal socialista, esto é un “exemplo máis do abandono e a apatía dun goberno en minoría que amosa a súa incapacidade para gobernar”.

O concurso do transporte adaptado, asuntos sobre a recadación municipal e o custe que supón a xestión que realiza a empresa GTT, todo o relacionado coas escolas deportivas (monitores, custe de material, …), obras realizadas nos colexios, custe da redacción dos traballos realizados pola empresa OGPO SL para a licitación do servizo de agua, solicitude de xuntanza da comisión da Radio Municipal, …, son varios dos escritos nos que se solicita información e os que estamos esperando que sexan respostados, e dos cales se desprende que son temas de interese para os veciños e veciñas de Ames, Pero, ao desleixo e o abandono do goberno, en moitos dos casos hai que engadirlle “o entorpecemento premeditado por parte da alcaldía”, tal e como o define José Miñones, xa que hai certos temas delicados dos cales quere intentar ocultar información, por considerala de carácter sensible e que pode demostrar algunha xestión realizada difícil de explicar.

A oposición ten a obriga de fiscalizar a xestión do goberno, e este ten o deber de respostar e informar; e neste caso queda claro que “Santiago Amor só pon obstáculos e practica o ocultismo cos concelleiros e concelleiras da oposición”, afirma o portavoz socialista, xa que de non ser así “a transparencia e a información sería máis fluída e máis rápida”.

Hai que poñerlle fin á prepotencia e o desleixo
Para os socialistas, a forma de actuar do alcalde representa un claro menosprecio, non só á oposición, senón tamén, aos veciños e veciñas de Ames, xa que ao negarlle a información aos representantes políticos tamén se lle está a negar á cidadanía en xeral. Pero, o Grupo Socialista, por boca do seu portavoz municipal, avisa de que “non nos imos a quedar de brazos cruzados a esperar a benevolencia do alcalde, e moito menos imos a consentir que intente rirse de nós” e indican con contundencia que de non recibir a información solicitada nos próximos días “procederemos a actuar con todos os medios legais ao noso alcance porque non se pode consentir máis que en Ames goberne a prepotencia e o desleixo”, conclúe José Miñones.