A concelleira comparecerá no próximo pleno ordinario para explicar a xestión e axdudicación das Escolas Deportivas Municipais

O Goberno de Ames, incluída a propia Concelleira votaron a favor da súa reprobación

O Grupo Municipal Socialista de Ames presentou no pleno ordinario do mes de novembro, celebrado no día de onte, unha moción relativa á falla e ocultación de información sobre as Escolas Deportivas e ao seu funcionamento, na que solicitan a comparecencia da Concelleira Delegada da área, Eugenia Martín, para responder por este asunto, ademais de reiterarlle que facilite toda a información que foi requerida polo Grupo Socialista e que esta de maneira reiterada foi entregando sesgada algunha dela ou, sinxelamente, non entregou. Os socialistas consideran que a actitude da Concelleira non é a axeitada, xa que desde a adxudicación do servizo de Escolas Deportivas e a petición de información estivo “tratando de marear aos concelleiros e concelleiras do PSdeG”, tal e como define a situación o voceiro socialista, José Miñones; así como dilatando no tempo de maneira premeditada a entrega da documentación solicitada; ou, contestando ás preguntas realizadas de xeito “chulesco e altivo”.

VOTO A FAVOR DA REPROBACIÓN DA CONCELLEIRA EUGENIA MARTÍN
Na mesma moción, os Socialistas de Ames incluían no último punto a reprobación da Concelleira-Delegada da área, pola reiterada ocultación de información sobre as Escolas Deportivas, e polo tanto pola súa deficiente xestión ao fronte deste tema, e o sorprendente é que esta moción foi aprobada por unanimidade do pleno da corporación, contou polo tanto cos votos favorables do goberno do PP e da propia concelleira afectada pola moción. Polo tanto, de maneira explícita ela mesma se censurou pola actuación desenvolvida.

Para os concelleiros e concelleiras do Grupo Socialista o pleno de onte veu a poñer de manifesto o esperpéntico que pode cegar a ser o goberno que preside Santiago Amor, xa que unha de dúas: ou pasan tanto da situación que lles da todo igual, amosando un pasotismo preocupante; ou, o seu pouco coñecemento do funcionamento da actividade municipal lévaos a votar en contra de si mesmos e a reprobar a súa xestión.

COMPARECENCIA NO PRÓXIMO PLENO ORDINARIO
A concelleira Eugenia Martín comparecerá no próximo pleno ordinario e alí será onde deberá de informar a todos os concelleiros e concelleiras da corporación como se desenvolveu a adxudicación das Escolas Deportivas Municipais, o porque do cambio de empresa, o funcionamento da actual, etc. e, polo tanto alí non poderá contestar de maneira altiva e prepotente ou intentar agochar información xa que debe de respectar á Corporación municipal e dar todas as explicacións que lle sexan requeridas.

Para os membros do PSdeG a xestión levada a cabo pola citada concelleira nos últimos tempos están demostrando o escaso éxito obtido, ademais de poñer de manifesto que o alcalde, Santiago Amor, depositou nela un peso máis grande ca o que pode sacar adiante, e iso trae como resultado: axudicacións dubidosas, servizos que perden calidade, a non solicitude de subvencións, ou a non presentación de empresas a licitacións de importancia, … E está claro que toda esa nefasta xestión sófrena os veciños e veciñas de Ames. Pero, remata o portavoz socialista dicindo que “o verdadeiro culpable de toda esta situación é o alcalde, porque el coas súas ausencias e desleixo de funcións é o último responsable.