Aseguran que Amor incumpre a lei e oculta informes da conta xeral de 2011 para agochar a súa pésima xestión como alcalde

Grupo Socialista

A documentación achegada polo Concello de Ames foi entregada fóra de prazo e de xeito incompleto xa que, a un día de celebrarse a Comisión de Contas, aínda non está dispoñible o informe de estabilidade orzamentaria

O Grupo Municipal Socialista de Ames denuncia que o alcalde Santiago Amor está a incumprir a lexislación vixente e incluso a ocultar informes correspondentes á Conta Xeral 2001 para tratar de agochar a súa pésima xestión como alcalde de Ames no seu primeiro semestre de mandato. De feito, o portavoz do grupo socialista, José Miñones, indica que “a mostra do escurantismo e a total falta de transparencia do señor Amor e do seu equipo é que, a un día de celebrarse a comisión que dictaminará as contas, os grupos municipais non dispoñen de toda a documentación á que obriga a Lei, como o informe de estabilidade orzamentaria”.

José Miñones lamenta “unha nova falta de inoperancia do alcalde cando se trata de asuntos económicos” coa que trata de agochar cifras como que a porcentaxe de execución dos ingresos de 2011 foi do 58,79%, polo que o Concello de Ames deixou de ingresar 2,42 millóns de euros de transferencias de capital doutras institucións da mesma cor política, como a Deputación e a Xunta. “Isto é froito dunha mala xestión do señor Amor, que non foi capaz de xestionar os ingresos de 2011 e o único que soubo facer foi subir as taxas, os prezos públicos e os impostos aos veciños e veciñas de Ames”, sinala o voceiro socialista.

Pésima xestión económica

A pésima xestión económica do Concello de Ames queda patente na perda de 740.949 euros por transferencias correntes. “É dicir, o señor Amor e o seu equipo non souberon xestionar os ingresos que lle correspondían ao Concello de Ames e preferiron optar pola solución máis rápida e inxusta: subirlles as taxas aos veciños para así tentar compensar a súa falla de xestión”, explica José Miñones.

Ademais de non ser capaz de xestionar os ingresos, o Goberno de Santiago Amor deixou de executar proxectos e investimentos que deixara previstos nos Orzamentos o Goberno socialista por máis de tres millóns de euros. “Isto reflicte a dobre vara de medir do señor Amor: non tivo interese en executar proxectos e perder subvencións como os da Travesía do Porto pero non tivo inconveniente en decretar o cobro retroactivo do lixo a 4.400 familias de Ames”, denuncia o voceiro socialista.

Irregularidades

Por outra banda, o PSOE de Ames denuncia que Santiago Amor incumpriu expresamente e en varias ocasións a Lei de Administracións Locais de Galicia que, no seu artigo 212.4, establece que: “as contas e a documentación complementaria estarán á disposición dos/as membros da Comisión para exame e consulta como mínimo 15 días antes da reunión”. O primeiro incumprimento foi que o alcalde, a última hora do 9 de novembro, convocou a Comisión de Contas para o luns 19 de novembro. O portavoz sinala que “Amor non só non cumpre co estipulado pola Lei senón que é a primeira vez que non se respectan estes prazos no Concello de Ames”.

Por se fora pouco, a convocatoria feita por Santiago Amor volve incumprir a lexislación vixente, xa que non pon a disposición dos concelleiros a documentación á que lle obriga a lei ata catro días despois: o 13 de novembro. “E por se fosen poucas as vulneracións dos dereitos dos membros da oposición, o alcalde non ofreceu toda a documentación á que está obrigado por lei”, denuncia o grupo socialista.

A Conta Xeral dun Concello está integrada por: o balance, a Conta do Resultado Económico-Patrimonial, a Liquidación do Orzamento e a Memoria. Así mesmo, o RD 500/1990, de 20 de abril, no seu artigo 90 indica que “corresponderá al presidente de la Entidad local, previo informe de la Intervención, la aprobación de la liquidación del presupuesto de la Entidad local y de las liquidaciones de los presupuestos de los organismos autónomos de ela dependentes”.

Sen embargo, o informe de Intervención non foi entregado aos grupos da oposición ata o xoves 15 de novembro e só despois de ter que solicitalo por escrito ao alcalde. “E a un día de celebrarse a Comisión de Contas seguimos sen dispoñer de toda a documentación, pois falta o informe de estabilidade orzamentaria, o que demostra a total falta de transparencia do Goberno do Partido Popular”, apunta José Miñones.

Mentiras nos medios de comunicación

Así mesmo, o PSOE de Ames denuncia os múltiples enganos e mentiras que o señor Amor está a transmitirlles aos veciños a través dos medios de comunicación, comezando pola súa aseveración de que vai presentar a Conta Xeral en tempo e forma ante o Tribunal de Contas. Neste sentido, os socialistas lembran que a Conta Xeral tería que ter sido aprobada polo Pleno antes do 1 de outubro e remitida ao Tribunal de Contas antes do 15 de outubro. Proba dese engano é que dende o Ministerio de Facenda xa lle esixiron ao Concello a remisión da Conta, pois os prazos legais están máis que esgotados.

Finalmente, os socialistas de Ames sinalan que estas contas volven deixar en evidencia que o alcalde mentiu cando asumiu a Alcaldía e asegurou que o orzamento xa estaba esgotado. “A Conta de 2011 reflicte a realidade e demostra que todo o que dixo durante eses meses non era certo. O orzamento non estaba esgotado, mostra disto é que a execución do gasto a finais do ano foi do 84,27%. É dicir, que había máis de catro millóns de euros que non foran gastados e estaban a disposición do señor Amor cando asumiu a Alcaldía”, sinalan. Unha información apoiada por un documento do propio Concello de Ames: o informe de execución de gasto a 22 de xullo de 2011, case dous meses despois de asumir a alcaldía o señor Amor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *