“Ames é un exemplo da estabilidade do PP de Feijóo, empezaron con maioría absoluta e rematan a lexislatura con dous concelleiros”, asegura o secretario xeral dos socialistas

“Prometeron emprego e trouxeron máis desemprego, falaron de xustiza fiscal e o que fixeron foi unha lexislación para os que tiñan os cartos fóra”, afirma o líder do PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Ames que “o Partido Popular defraudou e traizoou nos últimos anos a moita xente de boa fe que agora mirará cara os socialistas”.

Besteiro estivo no centro de saúde do Milladoiro (Ames) xunto ao candidato socialista José Miñones. “Este concello é un exemplo da estabilidade do PP de Feijóo, empezaron con maioría absoluta e rematan a lexislatura con dous concelleiros”, apuntou o líder do PSdeG.

“O PP defraudou a todos os niveis, xa sabemos que é un partido que se financiou de forma ilegal, prometeron emprego e trouxeron máis desemprego, falaron de xustiza fiscal e o que fixeron foi unha lexislación para os que tiñan os cartos fóra”, dixo Besteiro.

O secretario xeral dos socialistas galegos aposta por unha forma de gobernar os concellos “na que as necesidades dos veciños sexan a gran prioridade, temos que dotar a núcleos como O Milladoiro de servizos esenciais, o PSdeG sempre pensa no público”.

Pola súa parte, Miñones lembrou que “O Milladoiro ten 13.000 habitantes e moitas necesidades de infraestruturas e dotacións, por iso faremos un plan estratéxico para O Milladoiro contando coa participación de profesionais, colectivos e asociacións de veciños”. “Temos problemas coa seguridade na N-550, no instituto ou no centro de saúde no que agora estamos, entre outras moitas cousas”, engadiu.