Sae publicada no BOP de hoxe sin que por parte do equipo de goberno municipal se informase á oposición

Os Socialistas din que preguntarán no pleno que se celebra hoxe por esta decisión e informan que xa solicitaron por escrito acceso á documentación e que nos vindeiros días pedirán un informe técnico sobre este concurso

Miñones di que Amor non valorou as repercusións que pode ter esta decisión e só actuou para saír do paso e lavarse as mans para cando caduque a concesión en setembro deste ano, pero sen preocuparlle o futuro

No día de hoxe os Socialistas de Ames tivemos coñecemento de que o goberno do PP que dirixe Santiago Amor vén de sacar a concurso a contratación de servizo público do “ciclo integral” da auga. Como xa é habitual os concelleiros e concelleiras socialistas non tivemos ningún tipo de información por parte do goberno desta decisión unilateral, e tivemos coñecemento da mesma a través do Boletín Oficial da Provincia (BOP).

“Está claro e máis que demostrado que este goberno en minoría actúa de maneira caprichosa e sen medir e analizar as consecuencias das súas decisións”, denuncia o socialista José Miñones, xa que de non ser así “que sentido ten licitar o servizo da auga desta maneira tan pouco transparente e por só nove meses?”, pregunta Miñones.

A licitación da auga de Ames converteuse nun pesadelo
Din os socialistas que a historia da licitación do ciclo integral da auga de Ames xa pasou a ter a categoría de pesadelo, porque despois de de moitos meses intentando que unha empresa xestione o servizo municipal e de efectuar varios intentos, incluída a coacción e as ameazas á oposición para que votase a favor, o alcalde amiense aínda non foi capaz de conseguilo, o que constata “a incapacidade e a nefasta xestión de Santiago Amor que á súa falta de dedicación ao concello hai que sumarlle a incapacidade de xestionar o día a día e os asuntos máis necesarios e importantes, como é a auga”, apunta o portavoz socialista.

Critican os socialistas que repentinamente xurde un novo capítulo nesta truculenta historia cando o goberno do PP decide sacar a concesión por nove meses, “o mesmo que dura un embarazo” –apuntan- sen ter en conta nin valorar o que pasará despois de que esta miniconcesión remate, xa que se realizaron os cálculos esta rematará en xullo de 2015, ou o que é o mesmo sen que a corporación municipal que saia das urnas das eleccións municipais do ano que vén teña tempo material de elaborar unhas bases para a licitación do servizo. “Está claro que Amor non valorou as repercusións que pode ter esta decisión e só actuou para saír do paso e lavarse as mans para cando caduque a concesión en setembro deste ano, pero sen preocuparlle o futuro”, aclara José Miñones.

Din os representantes do PSdeG que eles xa non entran a valorar estas artimañas de última hora, pero manifestan a súa máis enérxica repulsa ao xogo sucio e á falta de diálogo dun goberno que non pensa en ningún momento nos veciños e veciñas de Ames. “No pleno que se celebra hoxe preguntaremos por esta decisión e xa solicitamos por escrito acceso á documentación e pediremos nos vindeiros días un informe técnico sobre este concurso”