O concello de Ames ten que facer fronte a unha factura de 10.000 euros polas compra de bicicletas estáticas, cando a anterior empresa aportaba o material necesario para as actividades

Miñones: “Non podemos permitir que se abuse de maneira tan evidente dos intereses de Ames”

O voceiro Socialista acusa ao Alcalde de mentir reiteradamente a través dos medios de comunicación

Meses despois da estraña adxudicación das Escolas Deportivas Municipais por parte do goberno de Ames –din os socialistas- aínda continuamos a intentar aclarar as razóns que levaron ao Partido Popular a entregarlle a xestión das mesmas a unha empresa que non destaca pola organización deste tipo de actividades e que tampouco se destacou de maneira especial no concurso no que resultou gañadora.

Lembra o PSdeG que a empresa Eulen foi a gañadora no baremo económico por 120 euros sobre a empresa que anteriormente organizaba as Escolas Deportivas (VV Xestión), pero que acabou colocada en sétimo lugar no baremo relativo á calidade do servizo; en total a diferencia entre ambas empresas foi de tan só 1,07 puntos.

Os Socialistas acusan ao Goberno que preside Santiago Amor, de modificar os pregos do concurso favorecendo á oferta económica sobre a técnica, e permitindo que ocorrese o que finalmente aconteceu: que unha empresa sen experiencia e sétima na valoración da calidade, acabe levando o concurso cunha baixada temeraria na oferta económica.

Deben pagar 10.000 euros por mercar bicicletas
Pero foi a través da reiterada solicitude de información por parte do Grupo Municipal Socialista e da posterior petición de comparecencia da Concelleira-Delegada, Eugenia Martín, polo que tivemos constancia fidedigna da existencia dunha factura –aínda sen abonar- pola compra de bicicletas estáticas para a realización da actividade de spining; esta factura, que ascende á cantidade de 10 mil euros debe de abonárselle a VV Xestión, a empresa que se encargaba da xestións das Escolas Deportivas Municipais e que aportaba ela mesma o material.

“Esta factura vén a demostrar que, tal e como xa levamos denunciando desde o mes de outubro, a adxudicación das Escolas Deportivas posúe certos apartados escuros”, di José Miñones, porque de non ser así, “como é posible que o goberno de Ames non valorase no concurso que as empresas aportasen o material?”, como estaba nas bases anteriores,pregúntase o portavoz socialista. Para o PSdeG de Ames é incomprensible que se elixa á empresa coa mellor oferta económica, e despois sexa o concello o que teña que afrontar os gastos para comprar o material necesario.

Un proceso que resultou unha chapuza
Para os socialistas toda este proceso resultou ser unha nova chapuza do goberno do Partido Popular, e tal e como di José Miñones: “o claro exemplo de xestionar que ten o PP de Ames e Santiago Amor xa que non lles importa nin os gastos nin os prexuízos que poidan ocasionar”. Resulta raro e ata sospeitoso que se prescinda por 120 euros dunha empresa –VV Xestión- que tiña unha experiencia contrastada na organización destas Escolas Deportivas e que ademais resultara a primeira no baremo de calidade de servizo.

Para os Socialistas xa resultou bastante raro que o Goberno sacarse esta licitación a concurso cando aínda podía prorrogar un ano mais o contrato coa anterior empresa, tal e como se recollía nas claúsulas. Con esta decisión “estamos asistindo a unha nova estafa aos veciños e veciñas de Ames por parte dos dirixentes municipais”, afirma Miñones, porque deben de explicar de maneira clara as razóns obxectivas e reais porque gastan máis de 10.000 euros (que serán algún máis coa compra de todo o material) das arcas municipais, se podían terse aforrado. “E máis nun momento no que o Partido Popular só pensa en recortes e na austeridade”.

Protestas e baixas dos usuarios e usuarias
Pero o peor de todo isto é que a calidade do servizo minguou de maneira clara e son moitas as queixas dos usuarios e usuarias e as baixas que foron xurdindo, xa que tal e como denuncian moitos, algúns monitores carecen de experiencia e o servizo é moi precario. Son varias as actividades que sufriron a baixa de monitores ou a suspensión de clases pola ausencia dos mesmos, chegando a cambiar ata en cinco ocasións os monitores de certas actividades deportivas. “É intolerable que chegásemos a esta situación que só ten un culpable, o alcalde de Ames; o cal tanto neste servizo como noutros moitos, que viñan funcionando cun excelente resultado, fai todo o posible para empeoralos e abocalos ao fracaso”, manifesta o portavoz socialista.

Mentiras nos comunicados do Goberno
Para os Socialistas é intolerable o que o Goberno está a facer cos comunicados de prensa que emite, faltando á verdade e intentando tapar a súa neglixente xestión con mentiras e falsidades. Isto aconteceu, unha vez máis, no último comunicado onde o Alcalde afirma que toda a documentación foi cedida aos grupos da oposición, o cal é rotundamente falso, xa que son varios os documentos que aínda non foron aportados e que na mesma comisión se solicitaron; e máis, no caso concreto da titulación dos monitores, que o Alcalde afirma que foi entregada na Comisión, é novamente falsa dita afirmación, e así se fixo constar na acta, onde se solicitou esa información concreta porque o Goberno non a aportaba nos papeis anteriores, baixo a escusa da lei de protección de datos, que para nada se incumpriría de ter entregada esa documentación.

A propia concelleira delegada afirmou na comisión que esa información a pasaría aos grupos da oposición, polo tanto “unha vez mais vemos como o Goberno se contradí e o Alcalde fala sen saber, porque non está presente nas comisións e despois non fala coa persoa á quen delega”, afirma Miñones.

Non foron estas as únicas falsidades que se emitiron no comunicado, xa que afirmar que solo existen cinco reclamacións é novamente falso, xa que son moitas máis as reclamacións existentes e das que o Goberno coñece perfectamente o seu contido. O Alcalde solo computa as reclamacións entradas por rexistro sen contabilizar todas as existentes no departamento de deportes. Algunhas destas reclamacións son de mais de 20 nais e pais que protestan pola calidade do servizo.

Por outra banda, os socialistas tamén censuran que o alcalde, sempre que as cousas veñen mal dadas, intente esconderse detrás dos técnicos municipais, usándoos como escudo e pretendendo desviar a atención sobre eles, cando o responsable máximo do concello e el. “Vai sendo hora de que Santiago Amor asuma as súas responsabilidades e non queira culpar a outros da súa nefasta xestión e dos graves erros que comete”, puntualiza o portavoz do PSdeG

Iniciativas xurídicas
Así mesmo, informan os socialistas que tras a comparecencia da Concelleira-Delegada, Eugenia Martín, e a conclusión da Comisión sobre as Escolas Deportivas, valorarán que tipos de iniciativas xurídicas desenvolver, “porque non podemos permitir que se abuse de maneira tan evidente dos intereses de Ames”, di Miñones.