Nenos colexo Ames

O Grupo Municipal Socialista de Ames defende a continuidade do Programa de Prevención de Drogodependencias, posto en marcha en xullo de 2008 e que atende a preto de 1.800 rapaces e rapazas de Ames, Brión e Negreira, de idades comprendidas entre os 10 e os 19 anos. Os socialistas rexistraron hoxe mesmo unha batería de preguntas dirixidas ao alcalde de Ames, Santiago Amor, para que aclare a situación e o futuro do Programa de Dependencias logo da desaparición das axudas por parte da Xunta de Galicia.

O Portavoz José Miñones Conde explica que “temos constancia de que se están plantexando a desaparición dun programa o que tamén conleva o despido dunha profesional, que o estaba levando a cabo, que hai apenas un ano o Concello de Ames cualificaba de esencial, polo que pedimos ao alcalde que busque de onde sacar os medios necesarios”. De feito, os socialistas mesmo apuntan unha solución: “tal e como dixemos en reiteradas ocasións, o Goberno de Ames poderían manter este servizo cunha simple redución da dedicación exclusiva recoñecida para a Alcaldía ou coa eliminación dun dos tres postos de persoal de confianza que ten asignados, pois aínda así seguirían tendo o dobre do que tiñamos os socialistas”, sinala José Miñones. Dúas accións que permitirán dispoñer de máis de 43.000 euros, suficiente para manter o Programa de Prevención de Drogodependencias.

Case 1.800 beneficiarios
Segundo os últimos datos ofrecidos polo Concello de Ames, en 2011 o Programa de Prevención de Drogodependencias atendeu a 1.796 alumnos e alumnas, de entre 10 e 19 anos, de seis centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria de Ames, Brión e Negreira. Un programa no que non se realizaron intervencións socioeducativas, senón tamén iniciativas como A saúde na escola e O segredo da boa vida, así como actividades dirixidas á familia nas que participaron máis de 160 pais e nais. Así mesmo, os rapaces contaban tamén co apoio dunha psicóloga clínica responsable do Programa, que durante 2011 atendeu a 50 persoas.

O PSOE de Ames defenden a continuidade dun programa posto en marcha polo anterior Goberno Socialista en xullo de 2008 e que tanto a Consellería de Sanidade do PP como o Goberno de Santiago Amor teñen cualificado de “esencial” para o desenvolvemento das medidas e acción contidas no Plan de Trastornos Aditivos 2011-16, co fin de reducir a problemática ocasionada polo consumo de drogas nos concellos.