Sanauga

Os Socialistas non entende porque reducen máis de 15 prazas esta actividade que vai dirixida a persoas da terceira idade e a persoas con algunha discapacidade.

Coma sempre son os máis necesitados os que sofren a penitencia das decisións dun goberno que ataca as políticas de benestar

Os Socialistas de Ames, facéndose eco das protestas recibidas pregúntanlle ao goberno municipal cales son as razóns que levaron a que este ano a actividade de Sanauga se vise reducida no número de usuarios e usuarias.

Lembran os socialistas que esta oferta deportiva que consiste na realización de actividades acuáticas para persoas maiores e para persoas con discapacidade pasa agora das 60 prazas das que dispoñía en anos anteriores a 42, co que sofre unha redución importante ao eliminar máis de 15 prazas de golpe.

As queixas recibidas, explican os socialistas, veñen fundamentalmente dos usuarios e usuarias que viñan participando en anos anteriores nesta actividade e que agora por esta redución de prazas e sen previo aviso viron como quedaron fóra da mesma. Puntualizan, ademais que por parte do goberno de Ames, antes de proceder ao recorte de prazas, deberíase de ter en conta o tipo de actividade á que se refire, xa que Sanauga realiza unha labor terapéutica importante entre persoas que necesitan dunha terapia dirixida a mellorar a súa mobilidade e o seu benestar físico; e polo tanto, en vez de recortar as prazas o goberno deberían de incrementalas en caso de que fose necesario, que seguro que o é.

Ao final e por culpa dos recortes e da política de castigar aos máis necesitados que practica o PP, máis de 15 xubilados e persoas con enfermidades ou discapacidades son os que están sufrindo a penitencia de ter que resistir as decisións políticas dun goberno que ataca ás políticas de benestar.

Esperamos que o goberno que dirixe Santiago Amor explique máis tarde ca cedo cales son as razóns deste recorte de prazas e cales son os criterios obxectivos que os levou a realizalo.