José Miñones é reelixido alcalde de Ames cos votos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos

No pleno de constitución da nova Corporación municipal do Concello de Ames José Miñones foi reelixido alcalde de Ames co apoio dos 13 concelleiros e concelleiras pertencentes aos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde, a decana do pleno, María Dolores Fernández Álvarez, foi a encargada de entregarlle o bastón de mando a José Miñones. A sesión plenaria celebrada na Casa da Cultura de Bertamiráns contou cun gran número de persoas que se achegaron a coñecer aos concelleiros e concelleiras que forman a nova Corporación municipal.

O pleno de constitución da nova Corporación comezou poucos minutos despois das 12:00 horas da mañá. A mestra de cerimonias durante a primeira parte do acto foi a secretaria municipal, Rosa Ana Prada Queipo, que abriu o acto convocando aos 21 concelleiros e concelleiras elixidos nas eleccións municipais do pasado 26 de maio. Os/as 21 concelleiros/as foron sentando nas cadeiras que estaban colocadas no escenario do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A continuación, constituíuse a Mesa de idade formada pola concelleira decana do pleno, María Dolores Fernández Álvarez, e pola edil máis xoven, Vanessa Vidal Freire.

De seguido, realizouse o acto de acatamento á Constitución dos/as concelleiros/as electos/as. Tralo xuramento de todos os concelleiros/as, a Corporación municipal queda formada do seguinte xeito: 8 concelleiros/as do PSdeG-PSOE, 6 concelleiros/as do Partido Popular, 3 concelleiros/as do BNG, 2 concelleiros/as de Contigo Podemos, 1 concelleiros/as de Ames Novo e 1 concelleiro de Ciudadanos.

A continuación, realizouse unha votación nominal na que cada concelleiro e concelleira tivo que votar por algún dos candidatos á Alcaldía. En principio había seis candidatos/as a alcaldía: José Miñones do PSdeG-PSOE, Ramón García Argibay do PP, David Santomil do BNG, Genma Otero de Contigo Podemos, Enrique Costas de Ames Novo e José Ramón Oulego de Ciudadanos, pero antes da votación, David Santomil, Genma Otero e Enrique Costas, renunciaron a ser candidatos á Alcaldía, polo que finalmente houbo tres candidatos: José Miñones, Ramón García Argibay e José Ramón Oulego.

Entrega do bastón de mando
Trala votación saíu investido como novo alcalde de Ames, José Miñones, co apoio dos 13 concelleiros e concelleiras pertencentes aos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Ramón García Argibay obtivo 6 votos e José Ramón Oulego obtivo 1 voto, mentres que Enrique Costas abstívose. Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde a decana do pleno, María Dolores Fernández Álvarez, foi a encargada de entregarlle o bastón de mando a José Miñones.

Por último, os voceiros do grupos municipais con representación na nova Corporación municipal tiveron ocasión de dedicarlles unha palabras ao público asistente. A partir de agora empeza a contar o prazo dun mes para que se desenvolva o denominado pleno de organización, no que se definirán as distintas concellarías, o reparto das delegacións da alcaldía e a representación do Concello noutros organismos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *