• Presentou o proxecto dun novo aparcadoiro con 3.360 metros cadrados e a conectividade do Parque Empresarial do Milladoiro coa SC-20 a través dunha rotonda de dobre altura
  • Destaca os Plans Emprega e Estabilízate así como a aposta polo Coworking e a consecución da distinción como Cidade da Ciencia e da Innovación

O alcalde e candidato socialista á alcaldía de Ames José Miñones presentou no día de onte, ante unha nutrida representación do tecido empresarial amiense, o proxecto económico e empresarial dos socialistas de Ames cara ás eleccións municipais do vindeiro domingo. Fíxoo acompañado da Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio así como do secretario xeral dos Socialistas Galegos, Gonzalo Caballero. Tanto a Ministra como o secretario xeral destacaron o traballo feito nestes catro anos por José Miñones e ata a Ministra declarou a Ames como “un exemplo a seguir en España, por suposto en Galicia, tanto dende o punto de vista demográfico como de desenvolvemento económico”.

José Miñones relatou no transcurso deste encontro diante dunha ampla representación do tecido empresarial amiense, as liñas políticas que levará a cabo nos vindeiros catro anos nos eidos económico e empresarial. Así, destacou o traballo xa realizado nesta lexislatura que agora remata onde o concello de Ames, pese a incrementar a súa poboación de xeito importante, reduciu en 664 persoas o número de parados. En parte debeuse a programas como o Inser Ames-Brión que vai pola XI Edición e que é o obradoiro galego con mellor inserción laboral de Galicia, acadando un 60%.

De cara aos vindeiros catro anos, Miñones destacou a posta en marcha de dous Plans, o Plan Estabilízate, que permitirá transformar en indefinidos a traballadores e traballadoras temporais e facilitar a inserción no mercado laboral de persoas en situación de desemprego, dirixido aos menores de 30 anos e o Plan Emprégate que a través de axudas estará destinado ao fomento do emprendemento e á consolidación empresarial e que estará dirixido a persoas emprendedoras e micropemes.

Destacou tamén a gran tarefa realizada nos últimos catro anos na implantación do Coworking, un dos eixos económicos a desenvolver no futuro, que consiste nun novo modelo de traballo en colaboración que despunta en Europa e no que Ames soubo ver un futuro claro para novos emprendedores no ámbito da innovación e colaboración. Para este proxecto o Concello contará cun inmoble no Polígono do Milladoiro, en fase de licitación, que servirá para ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual.

Foi tamén diante do tecido empresarial, motor económico do concello, onde quixo dar resposta ás súas demandas. Así o candidato socialista expuxo a proposta de dotación para un novo aparcamento no Polígono Industrial do Milladoiro, con 3.360 metros cadrados destinados a tal fin así como a construción dunha rotonda en dobre altura (xa proxectada) que dará acceso directo ao Polígono coa SC-20 cun orzamento de 5 millóns de euros.

Así mesmo, avanzou a proposta socialista de mellorar a mobilidade entre os núcleos urbanos de Milladoiro e Bertamiráns a través do Plan de Transporte Metropolitano, de xeito de facer máis accesible aos veciños e veciñas o seu desprazamento ata os centros de traballo ou aos lugares de ocio.