“O comercio e a hostelería local vertebran a vida amesá, son o motor do noso crecemento ao tempo que configuran un punto de encontro de todos os veciños e veciñas”, enfatiza José Miñones, candidato socialista á alcaldía de Ames.

“Retomaremos o Viveiro de empresas co fin de facilitar aos novos emprendedores o inicio na súa vida profesional. Cremos que é interesante fomentar o asociacionismo empresarial e o cotraballo ou coworking, co de maneira que se creen as sinerxias necesarias para impulsar o crecemento económico do concello e das súas familias”, afirma Miñones.

José Miñones está convencido da valía “do noso comercio, da nosa hostelería e dos nosos emprendedores”. Considera o alcaldable que durante este último mandato do partido popular “ofendeuse a autónomos e pequenos empresarios ao non respectar o seu traballo e as súas iniciativas e sobre todo, non ofrecendo a colaboración necesaria para que esas iniciativas sairan adiante”.

Os socialistas de Ames enfrontan esta nova etapa cun reto especial “o de revitalizar o tecido empresarial amesá e o comercio local”. “Queremos darlle o empuxe definitivo potenciando a Mesa Local do Comercio, levando a cabo un plan de dinamización económica eficaz e fomentando o asociacionismo”, salienta o alcaldable.

“O goberno ten que apoiar o comercio de proximidade, mellorando a forma de outorgar as subvencións, dinamizando a actividade comercial, potenciando o uso das novas tecnoloxías e buscando alternativas aos problemas de aparcamento. No noso programa levamos propostas viables e reais para que Ames se converta nun referente empresarial”, afirma Miñones.

O partido socialista de Ames quere recuperar e poñer en valor o viveiro de empresas, como apoio á novas ideas empresariais, facilitando deste xeito, o comezo dunha nova actividade empresarial. Pero tamén potenciar o coworking e as sinerxias creadas a través del, “é necesario que os autónomos e as pemes se coñezan para que conflúan como potenciais clientes uns dos outros e viceversa”, matiza Miñones.

Outras medidas que adoptarán os socialistas de chegar ao goberno será a bonificacións de taxas nas licenzas de apertura, no ICIO e a simplificación nos trámites administrativos para abrir un negocio.

Isto enlaza coas bonificacións previstas no imposto de actividades económicas pola contratacións de novos traballadores, co fin de diminuír a taxa de paro no Concello. Outras medidas a tomar respecto do emprego son os programas específicos para aqueles colectivos con máis dificultades de inserción laboral e a realización de prácticas laborais vinculadas á formación en empresas radicadas no concello.

“A nosa aposta polo emprego e polo emprendemento é clara, faremos cursos de reciclaxe, non só para parados senón tamén para o comercio e as pequenas empresas. Imos impulsar o Servizo de Orientación Laboral, reforzando as súas actividades de información, orientación e formación, asevera Miñones”.

Engade o candidato socialista que “queremos involucrar a veciños e veciñas na vida cotiá do concello pero tamén a empresas e autónomos, todos temos que participar do noso concello, por iso, unha das medidas que poñer en marcha é a inclusión de cláusulas de carácter social nos procesos de contratación pública, coa finalidade de promover a incorporación de melloras sociais entre os criterios para a adxudicación e execución de contratos públicos”.