bache

No primeiro proxecto estaba previsto anchear e mellorar o seu trazado, gañando en seguridade, pero esta idea inicial foi desestimada

Miñones: “Instamos ao alcalde a que acuda aos organismos pertinentes para arranxar as necesidades reais da AC-453, para o que contará con todo o noso apoio e colaboración”

As obras licitadas o 31 de xullo do ano pasado na estrada AC-453 de Roxos a Portomouro consisten basicamente na rehabilitación do firme, ao que se engaden obras complementarias como a renovación de elementos de defensa, mellora das cunetas e pintado e renovación da sinalizacion vertical. Polo tanto, e tal e como se pode comprobar no proxecto esta obra ben a significar “un lavado de cara” posto que nin se modifica nin se anchea o trazado. Polo tanto esta actuación “é claramente insuficiente para unha estrada cun alto índice de tráfico, e que unha grande parte del é pesado”, apunta o portavoz municipal José Miñones. Ademais de indicarnos a todos que “se realizan actuacións sin ter en conta as necesidades reais e moito menos o volumen de tráfico nin a seguridade vial”, matizan os socialistas.

Esta estrada ten 3.500 usuarios, numeroso tráfico pesado e da servizo a un área de 130.000 habitantes, na que despois de tanto tempo de espera e de 6 meses de obras, a AC-453 ben merecía unha actuación de máis calado e a que están reclamando os usuarios, pero desgraciadamente, seguerá sen ter arcéns, sen que se corrixan as curvas perigosas nin as numerosas zonas con cambio de rasante; e, seguirá cruzando núcleos de poboación nos que non se ten prevista mellora alguna no acceso ao colexio de Barouta agás a colocación de sinais.

NUMEROSAS PREGUNTAS
O Grupo Socialista realizou en distintos momentos varias preguntas ao goberno de Santiago Amor sobre este vial, e como xa é habitual sen obter respostas satisfactorias, e o que é peor, ocultándose dende o propio goberno que se aceptara reducir o proxecto inicial de ensanchamento e mellora da estrada para deixar as obras nun simple reasfaltado, co que “por enésima vez se pon de manifesto que o goberno de Ames co seu alcalde á cabeza despreocúpase dos problemas e as necesidades reais do concello, e non defende os intereses municipais”, explica José Miñones, o cal lle pide ao alcalde que “deixe de enganar á cidadanía de Ames e comece a afrontar a relidade dando pasos a prol dos veciños e veciñas”.

TRAZADO ANTICUADO E INSEGURO
A AC-453 ten un trazado anticuado no que se seguen as irregularidades do terreo sen apenas corrección. A modernización deste deseño é fundamental para gañar en seguridade xa que esta estrada é unha das de maior tráfico da comarca e o seu uso verase incrementado nos vindeiros anos.

Os Socialistas de Ames levamos anos escoitando falar do arranxo deste vial, e esperábamos que este ao fin se correxiran as deficiencias existentes no seu trazado, e non que se quedara nun “simple reasfaltado que, ainda que moi necesario, é claramente insuficiente para unha estrada destas características”, remarca o portavoz socialista.

O proxecto actual só servirá para paliar as deficiencias do firme e pouco máis, pero o intenso tráfico, o elevado número de vehículos pesados e a zona por onde trascorre, moi poboada e con constantes travesías, esixe unha modernización do seu trazado tal como se prevía no primeiro proxecto, acorde ao servizo que da. O PSdeG apostamos porque se corrixan as deficiencias existentes e se acometa e realice un proxecto en profundidade, e para eso “instamos ao alcalde de Ames a que acuda aos organismos pertinentes para que así sexa, para o que contará con todo o noso apoio e colaboración”, di José Miñones, porque esa é a maneira como ten que actuar un alcalde “e non refuxiarse nun sillón esperando a que os problemas se solucionen sós”, remata o portavoz.