Concello_Ames

“Estamos fartos de tanta hipocresía e tanto vacile”, en relación ás xuntanzas de traballo para abordar as taxas dos servizos complementarios

Os Socialistas de Ames queremos poñer de manifesto o noso malestar e enfado ante o trato dispensado polo goberno municipal de Ames -e en particular do Concelleiro e novo portavoz popular Bernardo Moar- tanto a este Grupo Municipal como ao resto de Grupos na oposición e ás Asociacións de Nais e Pais do municipio, por facernos perder varios días en xuntanzas das que despois o goberno ignora e desatende as propostas alí realizadas de maneira maioritaria.

A actitude amosada nesta ocasión polo reprobado alcalde Santiago Amor e o concelleiro de edudación, Bernardo Moar, reflexan de maneira clara e palpable que o goberno non ten ningunha intención de atender e escoitar as propostas que poidan xurdir, e moito menos intentar chegar a ningún tipo de acordo; polo que non consentiremos que sigan someténdonos a máis burlas e enganos; ademais de facernos perder tempo con xuntanzas que non serven para nada.

XUNTANZAS PARA FIXAR TAXAS DOS SERVIZOS COMPLEMENTARIOS
A petición do Goberno municipal mantivemos catro xuntanzas de traballo para intentar acordar unha serie de taxas para os comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas, nas que ademais dos grupos con representación no concello, tamén participaron representantes da Anpas chegando por parte de todos os participantes a un previsible principio de acordo que sería traladado a un pleno de urxencia para a súa aprobación, tal e como informou o concelleiro de Educación; indicando incluso que o venres día 5 de abril nos informarían de como quedaba o asunto. Pois hoxe, e mediante chamada telefónica, despois do mediodía, Bernardo Moar infórmanos que non se convoca pleno porque non se fai ningunha modificación aos Servizo Complementarios.

É esta a seriedade e a responsabilidade dun goberno? Para que mantivemos tantas xuntanzas de varias horas de duración se ao final ignoran as nosas propostas? A onde pretende chegar o Goberno popular con estas actuacións? A verdade é que os Socialistas estamos fartos de tanta hipocresía e tanto vacile por parte do goberno, e máis se teñen en conta que os concelleiros e concelleiras da oposición non cobran dedicación algunha polo que teñen que deixar o seu traballo diario –o que por sorte o ten- para acudir a este tipo de reunións propostas polo goberno amiense e que tal e como se pode comprobar, non levan a ningunha parte.

O feito de que hoxe o Goberno amiense publique na web a apertura do prazo de preinscripción e renovación dos servizos complementarios é unha afrenta máis do Goberno do Santiago Amor e unha falta total de respecto aos demais membros da corporación e das asociacións de pais e nais de Ames, aos que non se tivo en conta nas súas propostas e aos que se lles estivo a facer perder o tempo dende o primeiro momento. Moar véndose en minoría non foi quen de levar unha proposta conxunta da maioría, e cobardemente tirou pola rúa do medio e non fixo modificación algunha das taxas, nin tan sequera a que eles tiñan pensado facer nun principio e en prexuízo de todos os amienses.

“Unha vez mais o Goberno do PP mira polos seus propios intereses antes que polos dos veciños, e pola súa minoría actual mira cara outro lado”, afirma o portavoz socialista, Jose Miñones. “As palabras de diálogo do Alcalde no pleno da súa reprobación xa se ve que foron contos para nenos e un brindis ao sol, moi lonxe de verdadeiros propósitos”, sentenza o portavoz.