Manifesto do Grupo Municipal Socialista no Día Nacional de Galicia


 

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criéi,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantéi.

 

Quixemos comezar este manifesto con este verso de Rosalía de Castro, muller vinculada ao noso concello porque nel, en Ortoño concretamente, viviu moitos anos.

Galicia é patria, Galicia é terra, é saudade, é auga, …, Galicia é nai, Galicia é muller. E hoxe nós, desde estas pequenas liñas, no día nacional de Galicia, neste día, desde o grupo socialista queremos reivindicar o papel da muller no desenvolvemento da sociedade galega.

 

Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.

 

Este verso de Rosalía plasma a realidade que viviu a muller galega non fai moitos anos, onde o home tiña que emigrar, pero ela era a que quedaba ao cargo da casa, das terras, e da familia … A que administraba os recursos, a que educaba aos fillos e fillas, a que traballaba as leiras, a que en soidade tomaba as decisións. O papel que xogou a muller en Galicia resultou fundamental para o desenvolvemento da nosa terra, e máis sendo como foi (e como é) un país de emigrantes. Xa o dicía a nosa Rosalía:

Galicia, ti non tes patria,
ti vives no mundo soia,
i a prole fecunda túa
se espalla en errantes hordas.

 

Os tempos cambiaron, afortunadamente, e as mulleres segue a xogar un papel fundamental no futuro e no progreso da nosa terra. Pero seguen a ser marxinadas aínda na nosa sociedade e queda moito por facer, moito polo que loitar, e moita formación e concienciación social. Se ben é certo que, nos últimos anos en Galicia e en España percíbese un incremento da participación das mulleres en todos os ámbitos profesionais, acadando maiores cotas de participación entre o conxunto da poboación traballadora. Para os mesmos niveis de formación, a taxa de ocupación é superior en homes, pero as diferenzas redúcense cando se acada o nivel de educación superior.

No nivel correspondente ao doutoramento, a taxa de emprego das mulleres é superior á dos homes; sen embargo as mulleres, hoxe, seguen ocupando maioritariamente os traballos a tempo parcial e aqueles dedicados ao coidado de persoas dependentes. Diminúe a taxa de emprego feminino en función do numero de fillas e fillos (non así entre os homes), e se temos en conta a situación profesional durante a vida laboral das mulleres que traballan por conta allea e conta propia só un 17% supera os 35 anos, cando a media entre os homes é do 49%.

Estes datos poñen de manifesto a discriminación existente, e aínda que se van poñendo en marcha leis que axuden e promovan a igualdade laboral, a realidade segue a ser distinta.

E non queremos esquecernos do problema real e grave que representa a violencia machista, na que neste ano 2018 xa dúas mulleres foron asasinadas en Galicia, e ante esta preocupante situación que parece non ter fin, debemos de amosarnos todas e todos con firmeza loitando contra o maltrato, o machismo e a falta de respecto cara as mulleres.

Galicia débelle moito ás mulleres, e porque calquera día é bo para reivindicar o seu papel e a súa importancia na nosa sociedade, este día nacional de Galicia é unha data na que queremos poñer en valor o papel clave que xogaron e xogan todos os días os milleiros de mulleres que loitan e loitaron para que o noso país avance, para que Galicia mellore e medre. Traballemos todos xuntos por unha igualdade real na nosa terra.

Rematar cunha poesía de Filomena Fraga, un exemplo de muller galega, que se fixo a si mesma: que tivo que estudar aos poucos e xa de maior, porque de nena tivo que traballar. Que se casou para coidar da familia e de súa sogra, e que de maior foi quen de publicar un libro: A Cancela.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *