Miñones: “A igualdade de xénero comeza co exemplo e remata coa educación”


“Os socialistas de Ames estamos convencidos de que a mellor maneira para erradicar a desigualdade e a violencia de xénero é a través de programas concretos de educación e sobre todo, co exemplo que os adultos lle podemos dar aos nosos fillos”, sentencia José Miñones, candidato á alcaldía de Ames.

Unha das lacras contra a que, a día de hoxe, teñen que loitar todas as sociedades é a violencia de xénero. En Ames, os representantes do Partido Socialista saben que o modo máis efectivo de rematar con esta problématica é a educación, por iso, no seu programa electoral este tema ocupa un apartado individual no que inclúen o desenvolvemento de programas de formación para os máis novos para o fomento, dende nenos e nenas, “o respecto aos demais e a colaboración nas tarefas domésticas”. “A nosa idea é inculcar dende a infancia os valores de respecto e de igualdade dende a infancia”, puntualiza Miñones.

Ademais da educación, é esencial “dar exemplo”, di Miñones. “Os nosos fillos son esponxas que aprenden dos nosos actos, se os adultos non somos quen de comportarnos de maneira correcta e adecuada, eles percibirán esa forma de ser como propia, por iso, outro dos nosos obxectivos é evitar a dobre xornada laboral das mulleres, para conseguilo faremos campañas de sensibilización nas que se fomentará o reparto igualitario do traballo no ámbito doméstico”.

Por outra banda, Miñones di que “loitaremos contra a violencia de xénero apostando por poñer en marcha dende a Concellaría da Muller, programas claros e directos, como campañas de sensibilización contra a violencia no fogar. Temos que ser conscientes de que esta problemática é real e que só co traballo de todos seremos capaces de acabar con ela”.

Neste sentido, os socialistas de Ames saben que non é doado tomar a decisión de desapego ante un caso de violencia de xénero, por iso, as súas actuacións tamén irán encamiñadas a prestar un apoio real e axeitado ás vítimas, “traballando polo afastamento e a independencia do seu agresor, prestando un especial interese aos casos cun alto grao de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social”, matiza o alcaldable.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *