Os Socialistas de Ames amósanse sorprendidos polas présas do alcalde para solicitar a devolución da parcela do Milladoiro cedida para a construción do parque comarcal de bombeiros

Di o candidato do PSdeG que “é notorio que por parte deste goberno non existe ningún tipo de planificación de futuro e se actúa en función das ocorrencias do alcalde”

Os Socialistas de Ames amosan a súa sorpresa polas présas do alcalde, Santiago Amor, para solicitar á Xunta de Galicia a devolución da parcela que no seu día foi cedida para a construción do parque de bombeiros comarcal. Lembran os socialistas que ese será un dos escasos puntos que se tratará no último pleno ordinario do ano que se celebrará o venres día 26.

Os representantes do Grupo Socialista na Comisión Informativa previa ao pleno ordinario xa amosaron a súa estrañeza con esta urxencia en recuperar a parcela, e foi por iso polo que o concelleiro e candidato socialista á alcaldía, José Miñones lle realizou ao alcalde unha serie de preguntas moi concretas:

Por que agora en decembro? Está comprometida a cesión desta parcela para a construción doutra infraestrutura? Existe documentación da Xunta de que renuncia a facer o parque de bombeiros? Que negociacións ou xestións realizou o alcalde coa Xunta de Galicia? Coñece o alcalde ou existiron reunións coa Xunta nas que esta diga que non quere este parque de bombeiros? Existe unha renuncia pública ou oficial? Sabe o alcalde que Ames ten a obriga de ter un parque de bombeiros porque ten máis de 20.000 habitantes?

Din os socialistas que o alcalde non quixo responder a ningunha das preguntas realizadas polo portavoz do PSdeG, e indican que amosou –como xa é habitual- unha total falta de transparencia, o que fai que os socialistas pensen que esta “é unha nova ocorrencia do Goberno totalmente improvisada e carente de argumentos para xustificar as razóns de incluír este punto na orde do día”, apunta José Miñones. Continúa o socialista dicindo que “é notorio que por parte deste goberno non existe ningún tipo de planificación de futuro e se actúa en función das ocorrencias do alcalde”.

Os socialistas reclaman seriedade e respostas claras e concretas por parte do rexedor municipal, xa que non se pode andar dando pasos cara atrás constantemente, e despois das reiteradas manobras desenvolvidas por este goberno é normal que teñamos que desconfiar de que esta decisión non sexa máis que un capricho.

Lembran desde o PSdeG que esta parcela foi cedida a favor da Dirección Xeral de Protección Civil da Xunta de Galicia para a construción do parque comarcal de bombeiros en outubro de 2008, e por parte da alcaldía se argumenta na documentación que achega para o pleno que xa pasaron cinco anos e por iso se pide a súa devolución ao concello, aínda que a realidade é que os cinco anos xa se cumpriron o pasado ano 2013 e ata este pleno e por parte do goberno non se desenvolveu ningún tipo de actuación durante o 2014 para recuperar o terreo cedido, o cal “nos leva a pensar e a constatar aínda máis a nosa tese da improvisación, o capricho do alcalde ou a falta de puntos para tratar neste último pleno ordinario do ano, que todo é posible”, sentencia o portavoz socialista.

Explican, ademais, que o servizo de bombeiros comarcal foi algo que nunca defendeu Santiago Amor para Ames, e xa estando na oposición xa defendía a súa ubicación no concello de Santiago de Compostela e non no concello amesán; ademais, ao longo desta lexislatura xa amosou a súa predisposición a ceder esta parcela para outros usos, pero sempre sen diálogo nes propostas concretas, nen estudos técnicos, etc. Por parte do Grupo Socialista se pediu ao Goberno municipal xa fai máis de 10 meses un informe técnico para coñecer si entran as tres infraestruturas nesta parcela: parque comarcal de bombeiros, centro saúde do Milladoiro e os terreos para a igrexa, pero aínda non contestaron nin existe información.

A realidade é que por parte de Santiago Amor se solicita a devolución da parcela sin presentar ningún tipo de proxecto nin proposta, e sin tampouco buscar unha alternativa para a construción do parque de bombeiros, que tal e como fixa a Lei, Ames vai a ter que construír debido ao seu tamaño poboacional; pero “este alcalde prefire gobernar a golpe de capricho sin pensar no futuro nin nas necesidades de Ames”, afirma José Miñones. E, “iso só pon de manifesto unha total falta de xestión e de compromiso do Goberno do PP e de Santiago Amor con Ames”, remata o candidato socialista.