O portavoz socialista mantivo unha xuntanza no Parlamento de Galicia co responsable de Educación do Grupo do PSdeG

Di Miñones que Ames necesita dun goberno que mire cara o futuro e planifique xa as demandas educativas do Concello máis mozo de Galicia

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, José Miñones, mantivo unha xuntanza de traballo co portavoz de educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia e secretario de educación da Executiva Nacional do PSdeG, Vicente Docasar, Esta xuntanza que tivo lugar en dependencias do Parlamento de Galicia veu motivada pola situación educativa pola que está a atravesar o Concello de Ames no que existen innumerables deficiencias educativas e varias protestas de Anpas e comunidades escolares de todo o concello. Os Socialistas son coñecedores destes problemas grazas ás diversas xuntanzas que se levaron a cabo nestes meses coas asociacións de nais e pais dos centros.

Se recentemente se viviu todo o acontecido coa solicitude de xornada única en Ventín, que ao final se resolveu favorablemente para os intereses dos pais, nais, alumnos e resto da comunidade educativa, pero sempre grazas ao bo traballo e á unidade existente entre todos eles. Os problemas continúan e seguen estando na axenda de traballo dos Socialistas de Ames.

O IES do Milladoiro, o CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, CEIP de A Maía, EEI do Milladoiro ou o IES de Bertamiráns están a sufrir cuantiosas necesidades tanto no que respecta ao persoal docente como á necesidade de infraestruturas e mellora das existentes. Por iso, o portavoz socialista, José Miñones, estableceu co portavoz de educación do PSdeG no Parlamento unha liña de actuación e de traballo para dar traslado ao goberno da Xunta de todas estas deficiencias e necesidades para intentar buscar vías de solución que redunden no beneficio do alumnado dos centros educativos amienses. “A pesares dos recortes temos que intentar concenciar aos respectivos gobernos do PP da necesidade de seguir investindo en educación e que apostar polo ensino é apostar polo futuro e polo progreso”, di José Miñones, por iso “e ante a pasividade do goberno popular de Ames queremos que a Xunta de Galicia sexa consciente e coñecedora dos problemas, no campo da educación, que temos e buscarlle solucións, xa que Santiago Amor permanece de brazos cruzados e mira para outro lado ante as reivindicacións dos distintos colectivos escolares”, apostilla o portavoz socialista.

É necesario ir pensando no futuro
Lembran os socialistas que Ames é o concello coa media de idade máis moza de toda Galicia, e isto só é un indicativo das necesidades en materia de educación que temos, non só agora mesmo, senón que imos a ter no futuro; xa que as características poboacionais do concello amiense lévanno a un incremento, tal e como demostra o censo dos últimos anos, nos que é un dos pouco concellos do noso país que aumenta o seu número de habitantes.

Polo tanto, non só é necesario solucionar os problemas existentes na actualidade, senón que hai que ir pensando nos que virán no futuro, e correspóndenos ir buscando posibles solucións as necesidades educativas e formativas que se nos presentan. “Algo que este goberno municipal non tivo entre as súas prioridades, porque foron e son incapaces de mirar cara o futuro e de facer unha planificación municipal”, manifesta Miñones Conde.

Afirman os socialistas que levan tempo traballando en diversas propostas relacionadas coa educación e a formación para o municipio amiense, dado que son coñecedores da necesidade de investir en ampliar algunhas das infraestruturas escolares existentes e a construción dalgunha nova para poder recoller toda a demanda escolar que vai a xurdir nos vindeiros anos.