os castros

“Queremos un concello capaz de promover a cultura como motor dun desenvolvemento sostible e un dereito necesario para a promoción e a cohesión social, reivindicando o uso do galego en todos os contextos e non só no institucional”, afirma o candidato á alcaldía de Ames, José Miñones.

José Miñones sinalou que os socialistas de Ames, en relación á política lingüística, van traballar por poñer en valor o servizo de normalización lingüística, apostando pola defensa e o mantemento do galego na vida municipal”.

O candidato socialista, que visitou a romería de San Isidro de Bugallido acompañado do parlamentario europeo e exministro de Fomento, José Blanco, matizou que “nós queremos un concello que traballe, estudie e se relacione en galego, porque é a nosa lingua e a nosa obriga é defendela e apoiala, por iso colaboraremos cos centros educativos na promoción do galego a través do servizo de normalización, e, tamén, fomentaremos o seu uso no ámbito empresarial, volvendo a retomar as campañas de normalización lingüística, que durante este mandato popular estiveron no esquecemento”.

Por outra banda, os socialistas queren que a lingua galega e a cultura sexan os verdadeiros nexos de unión da vida amesá, para conseguir isto eles propoñen “abrir a participación de todos e todas ás diferentes habilidades artísticas, impulsando o uso dos locais do Pazo da Peregrina para a realización de charlas e exposicións de traballos artesáns, tanto de novos creadores como de artistas xa coñecidos”.

IMPULSAR O TECIDO SOCIOCULTURAL
Apostarán fortemente por impulsar o tecido sociocultural a través da creación dunha guía de artistas, grupos e compañías ou asociacións musicais “co obxecto de darlles visibilidade e con elo dinamizar a vida comunitaria e cultural do concello”. Fomentando o uso de “locais para ensaio” e dos “locais parroquiais”, colaborando coas asociacións veciñais e “favorecendo as actuacións de grupos musicais e novos artistas” dentro dos locais municipais e no entorno municipal.

A nivel parroquial, dotar os locais de internet e wifi e a realización de cursos son outras das prioridades que o partido socialista levan no seu programa electoral. “Queremos que a vida do Concello xire entorno ás asociacións e ás actividades culturais. Queremos que a participación e a colaboración institucional e veciñal sexan unha realidade”, asevera Miñones.

POTENCIAR A RADIO MUNICIPAL
Dentro desta participación, Miñones explica que “esencial levar a cabo o regulamento da radio municipal e implicar a centro educativos, asociacións, ANPAS, colectivos e demais veciños para colaborar na radio e aproveitar este mecanismo municipal como medio divulgativo e de promoción da nosa lingua e a nosa cultura”.

Retomar as excursións culturais, favorecer a conservación de romarías, entroidos, panxoliñas e foliadas son outras das preocupacións culturais dos socialistas de Ames, xunto coa difusión do teatro de afeccionado e de grupos de teatro profesional, tanto de maiores como de pequenos, “como transmisor da nosa cultura e dos valores que deben rexer unha sociedade libre e democrática”, engade Miñones.