O socialista amosou a súa satisfacción por ser capaz de acadar este número de avais e agradeceu aos e ás militantes de Ames o apoio e o respaldo recibido durante estes días

No día de onte (luns 17 de novembro) o precandidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ames remitíulle á Comisión de Garantías Electorais dos Socialistas coruñeses os avais recollidos durante o período fixado polo regulamento do PSdeG. José Miñones manifestou que superou “con moito” o mínimo do 10% que se pedía para ser candidato e que o total conseguido supera o 73%.

O socialista amosou a súa satisfacción por ser capaz de acadar este número de avais e agradeceu aos e ás militantes de Ames o apoio e o respaldo recibido durante estes días; di o candidato socialista que “estes días puiden apreciar o apoio dos compañeiros e compañeiras, así como as enormes ganas de cambio que existen no noso municipio”. Así mesmo afirma sentirse agradecido aos numerosos veciños e veciñas da localidade que ao coñecer que estábamos no proceso de elección de candidato lle amosaron o seu ánimo para seguir adiante e o seu apoio. Para José Miñones este ánimo e alento dos amesáns e as amesás “significa un aval moi importante ao traballo desenvolvido durante esta lexislatura na que sempre intentamos estar ao lado da cidadanía e defender os seus intereses e os do concello”.

Desde o equipo do candidato socialista explican que é a única candidatura presentada en Ames, e será no día de hoxe (18 de novembro) –día do reconto dos avais- no que será proclamado candidato, aínda que de maneira provisional, xa que a definitiva non será ata o día 22 por existir un período para a presentación de recursos.

Agora, explican os socialistas, van a continuar co traballo que estaban a facer como Grupo maioritario da oposición e teñen fixadas xa varias visitas ás parroquias amesáns para continuar cos contactos cos veciños e veciñas para dar conta da xestión que veñen desenvolvendo no concello e coñecer de primeira man os seus problemas e necesidades. Así mesmo, explica o portavoz e candidato do PSdeG que “seguimos adiante co noso programa para conseguir a alcaldía no vindeiro mes de maio, pero sen perder en ningún momento a perspectiva de que o noso obxectivo principal é o de atender e traballar para os amesáns e as amesás, e buscar sempre o progreso e o crecemento de Ames”.