Miñones: “O noso obxectivo é ser a candidatura máis votada”

Os socialistas amósanse favorables a fusionar servizos e fomentar a cooperación e colaboración entre concellos.

“Temos que seguir traballando na mesma liña que estes últimos catro anos, en contacto coa xente, falando con colectivos, asociacións, con todos e cada un dos veciños e veciñas de Ames”, engade.

Os socialistas de Ames celebraron una intensa e satisfactoria xornada de traballo da candidatura no día de onte no Hotel Harmonía de Biduído. Nesta xuntanza quedou claro que son os socialistas os que durante estes catro anos estiveron ao carón da xente, escoitando os seus problemas e buscando solucións positivas, tomando o timón do goberno ante a pasividade dos mandatarios populares.

Lembrou Miñones que durante a etapa de mandato dos socialistas “fixemos cousas moi boas, outras menos boas pero tamén, temos que recoñecer que cometemos algúns erros; e. de todo isto, temos que aprender, do bo para seguir nesa liña e do malo para non volver a cometer eses erros”. Neste senso, os socialistas de Ames afirman que esta candidatura se fixo con compañeiros e compañeiras que xa estaban a traballar no Grupo Municipal sumando ao equipo caras novas, persoas moi unidas a asociacións e colectivos educativos, culturais e deportivos.

A 70 días das eleccións “nós xa temos presentada unha candidatura”, di o candidato socialista, e continúa afirmando que “isto nos permite comezar a traballar no programa, un programa no que as propostas van encamiñadas a blindar a educación, os servizos sociais”. A isto súmaselle a elaboración duns orzamentos participativos, a cohesión do concello e a aposta polo desenvolvemento do comercio, porque “o comercio de Ames é o que lle da vida ao pobo, e temos que potencialo”, sentencia Miñones. Comprométese, ademais, a ser moi esixente e coidadoso coa “axenda aberta do alcalde”. Cre o portavoz socialista que o contacto directo coa xente é o que permite que “non perdamos a perspectiva e sigamos co pés na terra, atendendo as necesidades reais da xente”.

Reitera Miñones que a base é o diálogo, saber falar e escoitar, isto permite fixar uns obxectivos básicos, “a atención veciñal e parroquial, a transparencia, o diálogo son os nosos piares, os puntos dos que partimos. Queremos ser o partido máis votado e acadar a maioría absoluta, aínda que se é necesario e os e as amesás así o requiren, saberemos ter un talante de diálogo”.

“Hai que fusionar servizos, non concellos”, concreta Miñones
Respecto do tema estrela que estes días copa os informativos e os xornais, os socialistas teñen claro que o que hai que facer é “fusionar servizos e fomentar a cooperación e a colaboración entre os concellos. Na nosa etapa de goberno, xa queríamos traballar con outros concellos, co de Negreira, co de Brión, co de Teo e co de Santiago, tiñamos proxectos de servizos en conxunto que non saíron adiante porque a oposición votou en contra”.

“Hai que falar non só de cara á prensa, senón pensando en facer algo concreto e viable, lembro que hai catro anos o hoxe alcalde popular de Ames, Santiago Amor falaba de traballar cóbado con cóbado co concello compostelá da man de Conde Roa, e todo quedou nun bo titular de prensa, nada máis”, continúa dicindo o candidato socialista.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *