O candidato de Ames di que os concellos deben de levar a cabo un desenvolvemento local que inclúa políticas de formación para facilitar a incorporación ao mundo laboral mediante convenios coas empresas dos Concellos

O candidato socialista aposta pola participación das e dos mozos na definición das políticas locais da mocidade.

O candidato á alcaldía de Ames, José Miñones, participou na Convención Municipal do PSdeG que celebrou no Palacio de Congresos de Santiago. Miñones falou, dentro do programa, no Foro Debate que levaba por título: “Os concellos ao servizo das persoas”, e na que participaron entre outros e outras relatoras: Mar Barcón, candidata pola Coruña; Xosé López Orozco, alcalde de Lugo; Pilar García Porto, candidata de Antas de Ulla; Francisco Fraga, alcalde de Piñor; e, Nicolás González Casares, candidato de Lalín. Cada un deles falou sobre un tema relativo ao benestar social e os servizos públicos, a participación, os concellos rurais ou a educación, a cultura e o deporte. O candidato amesán foi o encargado de falar sobre “O compromiso municipal coa xuventude”.

Durante a súa intervención, José Miñones, falou sobre a situación que está a vivir a mocidade en Galicia sobre a que dixo que “hoxe téñeno máis difícil que hai uns anos, porque, continuou dicindo, ”a crise económica afectou a moitos sectores da nosa sociedade, pero sen dúbida algunha a mocidade foi un dos máis castigados. Pero a situación dos mozos e mozas galegos non é só culpa da crise, senón tamén daquelas Administracións que non apostan por eles”. Miñones culpou á Xunta de Galicia de que coas súas políticas deixa escapar ao estranxeiro aos talentos máis novos, “preto do 18% no 2014, un total de 100.000 mozos e mozas galegos que se forman nos nosos centros e universidades para logo emigrar a producir fóra das nosas fronteiras”, dixo.

Aludiu tamén ao paro, ao que definiu como a “espada de Damocles que está enriba da cabeza da mocidade galega”, e incidiu en que “a taxa de paro xuvenil é insostible porque está no 37,2%. Iso da como resultado que cerca de 66.000 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos están parados -un 19,4%- pero o que é mais grave, mais de 162.000 (un 47,8%) son inactivos”. Por iso, considera fundamental a posta en marcha de Plans de Emprego xuvenil porque son unha peza básica da política municipal.

Propuxo, dentro da súa intervención, que o Partido Socialista debe de encamiñar as súas accións en políticas de mocidade cara a tres eixos: o Desenvolvemento local e a vivenda; as políticas de información, participación e co-xestión, e, a Dinamización, a mobilidade e o desenvolvemento social. Miñones dixo que os concellos deben de levar a cabo un desenvolvemento local que inclúa políticas de formación para facilitar a incorporación ao mundo laboral mediante convenios coas empresas dos nosos Concellos, impulsar viveiros de empresas como centros de traballo de primeira oportunidade e bonificacións para a contratación de mozos e mozas nas empresas locais e redución das taxas municipais para posibilitar a súa incorporación. Afirmou tamén na necesidade de levar a cabo un Plan de Vivenda con bonificacións fiscais para a compra ou aluguer de primeira vivenda coa posta en marcha dunha Bolsa de alugueiro para que xente comprendida entre os 18 e 35 anos poida acceder a un catálogo de vivendas a prezos subvencionados e con rebaixas no IBI.

Medidas de Participación
O candidato socialista de Ames apostou, ademais, pola posta en marcha do Consello local de Xuventude que permita a participación das e dos mozos na definición das políticas locais da mocidade. A participación dos mozos nos orzamentos e no deseño da programación das actividades que permitirá acercar máis as políticas locais á mocidade.

Tamén cita como importante no campo educativo o contacto entre as Escolas de Tempo Libre e os Concellos garantindo cursos periódicos e gratuítos, e ofrecendo actividades nos IES deseñando talleres de educación en medio ambiente, ocio, igualdade, redes sociais e outros temas de interese para os mozos e mozas.

Ocio e tempo libre

Darlle opcións saudables ao ocio á mocidade é para os Concellos unha das liñas básicas de actuación municipal, manifestou José Miñones. Poñer en marcha programas de ocio e recreación deportiva para a noite, impulsar locais de ocio xuvenil como centros onde os mozos poidan reunirse incentivando a actividade cultural destes centros con espazos de música e estudios de gravación, a posta en marcha de Bonos municipais para as instalacións deportivas, culturais; ou a recuperación do Noite Bus para os municipios da periferia lugares de ocio nocturno deberá ser unha solicitude e reinvindicación dos nosos Concellos.

Outras propostas como a creación de políticas deportivas concretas e directas entre a xuventude, tales como a realización dun Plan municipal deportivo ou a posta en marcha do Consello municipal de deportes. A posta en marcha de Plans de drogodependencia onde o principal sexa a formación e a información e a actuación directa con asesoramento as familias, etc. Foron outras moitas propostas das que falou o socialista amesán.

Concluíu a súa intervención apostando firmemente polas políticas específicas de xuventude, e manifestando que con vontade política desde os concellos se poden facer moitas cousas, e o peor que pode pasar é quedarse de brazos cruzados e darlle as costas á mocidade. “Cando un fala de mocidade está a falar do futuro do noso país e dos nosos Concellos”.