Resalta a necesidade de estabilidade económica e política como requisitos para o Ames do futuro.

Destaca entre as medidas o apoio e posibilidades de futuro da mocidade, a sostibilidade, a atención veciñal e ao rural e desenvolver unha rede de transporte entre os diferentes núcleos urbanos e rurais do concello.


O candidato socialista á alcaldía de Ames, José Miñones Conde, presentou as 130 propostas para gobernar Ames nos vindeiros catro anos. Fíxoo acompañado do secretario xeral dos socialistas amienses e número tres da candidatura, Blas García e das actuais concelleiras e tamén candidatas, Luisa Feijoo e Isabel González, ademais doutros membros da candidatura dos Socialistas de Ames.

Comenzou destacando os catro anos de goberno, onde sobre todo, puxo en valor a estabilidade económica e política dun concello que no mandato anterior, e pese a unha maioría absoluta do PP, non se tivera. Destacou a xestión realizada para eliminar o Plan de axuste, e o saneamento económico do concello que pasou de ter unha débeda de 5 millóns de euros a dispor de 6 millóns de euros para investimento urbano e 2 millóns para o rural do concello con 3 orzamentos aprobados na lexislatura.

O Plan de Prevención de incendios, o Premio ao mellor proxecto educativo outorgado pola Federación Andaluza de Municipios por Concili@mes, a distinción de Cidade da Ciencia e da Innovación, que permitirá continuar unha liña de investimentos sobre o parque empresarial e o comercio local, o Plan Impulsa Ames, o Ciclo Integral da Auga, o remate do Cemiterio Municipal, a construción do Centro de Saúde do Milladoiro, o investimento de 2 millóns de euros no saneamento do rural e a retirada do tráfico pesado da N550 foron os aspectos máis destacados polo alcalde e candidato do traballo realizado nestes catro anos de mandato.

Dentro do ambicioso programa presentado, resumido nas 130 propostas que se presentaron, o candidato destacou a continuidade na atención veciñal e no rural, reeditando o acordo coa Federación de Asociacións do rural, a continuación do Plan Impulsa Ames, que conleva o transporte que conecte Bertamiráns e o Milladoiro ademais do transporte baixo demanda para o rural que posibilite a concentración de actividades e o desprazamento cara aos polígonos e tecido empresarial e comercial de todos os veciños, crear o Punto Limpo Móbil, por en marcha o Punto Móbil Policial (UMAP) para a realización de trámites, en resumo, facilitar aos veciños e veciñas unha igualdade real de servizos e oportunidades independentemente do seu lugar de residencia.

Así mesmo, destacou o incremento da inversión en servizos sociais, que pasou a ser a terceira partida orzamentaria. De cara ao futuro propón o Programa Conectad@s, onde os maiores podan ter espazos e actividades de encontro, levar a cabo a Casa dos Maiores, seguir apostando polas medidas de tránsito e sobre todo a posta en marcha dun Comedor sobre Rodas e un Comedor Social, continuar coa eliminación de barreiras arquitectónicas.

En canto ás propostas dirixidas á mocidade, sendo Ames o concello máis novo de Galicia,  propón crear o Consello Municipal da Mocidade para que os mozos e mozas sexan partícipes da vida municipal, facer realidade o Centro da Mocidade, proporcionar espazos onde realizar actividades e a construción dos anfiteatros en Milladoiro e Bertamiráns.

No ámbito deportivo, José Miñones destacou o cambio realizado. Afirmou que “pasamos da noite ao día nestes catro anos”, con inversións e a creación do Consello Municipal de Deportes. Os Socialistas de Ames seguirán apostando polo Deporte como Saúde. Propoñen a creación da piscina municipal do Milladoiro, ampliar o período das Escolas Deportivas Municipais a xuño e a aposta polas escolas terapéuticas entre outras propostas.

En educación vai a ser imprescindible traballar en novas infraestruturas. Por iso, o candidato socialista propón traballar na consecución de: un novo IES para Ames, o incremento de ciclos de FP, priorizar a construción do novo CEIP no Milladoiro, seguir reforzando a rede de comedores coa construción dunha cociña central. Tamén propón ampliar os servizos de conciliación nas Escolas de Verán ata 2º da ESO e desenvolver programas de reforzo e apoio educativo.

Moi ligado á educación e á mocidade, o candidato socialista propón a creación do Centro Municipal de Dinamización Empresarial, dunha aceleradora de startups en asociación coas principais TIC`s residentes no concello e dunha mesa de fomento para a creación e radicación de empresas innovadoras.

Ligando ao anterior, estendeuse nas propostas para a promoción económica, o comercio e o emprego e falou da necesidade da creación dun Centro Comercial Aberto, a posta en marcha do Programa Emprega e Programa Estabilízate, de axuda á creación de empresas e novos autónomos e axudas á contratación, así como a posta en marcha do Coworking A Proa.

No eido cultural, propón a construción dunha nova Biblioteca en Bertamiráns e retomar as excursións para maiores Coñece o teu país. En turismo Ames debe seguir potenciando os tramos do Camiño que atravesan o Concello poñendo en marcha unha Guía Turística do Concello e a realización do Bosque dos Peregrinos na zona de Ventosa.

Algo que os socialistas de Ames incorporan nos seus programas é un apartado de saúde porque “a aposta pola mesa de saúde, ligada ao deporte e á xuventude nos parece moi importante”. Esixiremos un Centro de Saúde para Bertamiráns. Implantar o Programa DAFIS, de valoración da condición física, crear o Plan de Prevención de Condutas Aditivas e a construción dunha senda saudable en Milladoiro.

Dentro do Ames sostible que queren os socialistas, José Miñones destacou a eficiencia enerxética. E despois da actuación xa realizada en Milladoiro, a proposta é cambiar a LED o núcleo de Bertamiráns e tamén ir avanzando nesta liña no rural. Tamén propoñen os socialistas levar a bo término a creación do xa iniciado proxecto dun Parque Central Verde, na contorna do IES, pavillón e piscina de Milladoiro, así como camiñar cara a humanización da Avda. Rosalía de Castro coa construción dun parking subterráneo no entorno do novo Centro de Saúde e a construción da améndoa central de Bertamiráns.

A aposta pola innovación chegará coa posta en funcionamento de novas redes wifi públicas, a posta en marcha da nova administración electrónica xa licitada e novos sistemas informáticos 3.0