Discurso íntegro de José Miñones na súa presentación como precandidato ás primarias dos Socialistas de Ames

Agradecementos

Gustaríame empezar polo final. Agradecendo aos meus compañeiros e compañeiras do Grupo Municipal e da Executiva todo o seu apoio e esforzo compartido durante estes anos. Estou plenamente convencido que de non ser por eles hoxe eu non estaría aquí.

Entendo a política como un traballo de equipo, e non pode ser doutra maneira. O candidato a unha alcaldía é importante pero non máis que o seu equipo e especialmente nos novos tempos que corren. Estou convencido disto e así, dende o primeiro día no que asumín a portavocía do Grupo, dixen que aínda que eu fora o voceiro oficial cada un e cada unha de nós seríamos os altavoces do Grupo e do Partido, do mesmo xeito que o é cada militante na súa parroquia, comunidade ou posto de traballo. Só así podemos chegar a ser grandes e explicar o noso traballo a todo o mundo.

É por iso que quero empezar a miña presentación recalcando e agradecendo ao traballo do equipo e de cada un deles; as horas adicadas, as reunións asistidas, as visitas ás parroquias feitas, as notas de prensa redactadas ou a asistencia a cada un dos actos … E todo con rigor e compromiso. Gracias

E por suposto nestes agradecementos non quero deixar fora á parte mais importante, a miña familia. Gracias por vuestro apoyo sin “peros” y por la preocupación mostrada. Gracias en especial a mi mujer, Belén; gracias por tu comprensión, paciencia y soportar el sacrificio que esta decisión supone para ti. Tengo en ella a la primera consejera y asesora, no sólo en lo que a la infraestructura se refiere por mi daltonismo y falta de gusto, sino porque siempre tiene un buen consejo ante cualquier duda que le presento. Gracias.

Y que decir de Jose y Noe, que tienen que tragarse “estos rollos” en los que se mete su padre, que poco entienden pero que comparten. A ellos también gracias por estar ahí.

Como de ben nacidos é ser agradecidos quixen empezar polo que considero o máis importante e así hoxe, 3 de novembro, presento a miña pre candidatura ás primarias dos socialistas de Ames porque quero ser o próximo candidato dos socialistas á alcaldía.

Motivos para presentarse como candidato

E … por que esta decisión nos tempos que corren e cando peor está a política?

Dende logo non hai unha sola razón, son moitas. Pero podo asegurarvos que unha das principias é porque me gusta a política. Si, son un deses bichos raros que o pensa e ademais o di. Gústame a política como eu a entendo, como un servizo cara aos cidadáns e non para servirse deles.

Estamos nun novo tempo e estes novos tempos esixen novas formas de facer política, formas que coinciden plenamente coa miña maneira de entendela e que son mais acordes cos tempos actuais e coas fórmulas que reclaman os cidadáns.

Dende que me incorporei á política municipal o meu principal obxectivo sempre foi aportar o mellor de min ao meu concello; e con elo, mellorar a calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas. Non son só palabras, é un convencemento real e un compromiso decidido que hoxe me leva a presentarme como pre candidato coa firme intención de poder acadar a alcaldía do noso concello.

Quero que o noso concello volva a ser ese referente de progreso e calidade de vida e quero recuperar un concello ao servizo da cidadanía.

Así o quixen dende o primeiro momento, e non por casualidade na miña etapa no goberno levei unha área cuxo nome representa moi explicitamente o que eu quero aportar co meu traballo e dedicación; esa concellería era a de Reforma Administrativa e Calidade da Administración.

Durante 19 meses volquei o meu traballo en conseguir estes dous obxectivos e así levamos a cambio proxectos como a administración electrónica, a implantación da fibra óptica, a construción do CPD (Centro de Procesamento de Datos) ou a posta en marcha da intranet e o CAU (Centro de Atención de Usuarios). Proxectos todos eles que buscaban axilizar a administración e facer a vida máis fácil á xente, pero que por desgracia e incapacidade este desgoberno paralizou.

Tamén busquei o aforro da administración e así a reestruturación interna dos servizos de telefonía, internet ou de fotocopiado, ou a aposta polo software libre supuxeron un gran aforro neses meses. Foron máis, como a implantación dos sistemas de control e calidade ou a auditoría da LOPD, pero todos sempre levados a cabo cun único obxectivo … Reformar a administración para dotala de maior calidade.

Dende o primeiro momento aceptei este reto coa esperanza, como dicía, de poder cambiar as cousas e aportar o meu grao de area, traballando en beneficio dos veciños e veciñas de Ames. Lonxe de minorar esta idea, hoxe síntoa aínda mais forte e por iso 7 anos despois daquel primeiro si, hoxe quero dar un paso máis adiante e reafirmar o meu compromiso cos militantes, cos compañeiros e compañeiras e cos veciños e veciñas de Ames. E así o fago presentando a miña candidatura para liderar aos socialistas na recuperación da alcaldía de Ames.

Haberá quen diga que xa levo moito nisto da política e non represento un cambio, ou incluso aqueles que digan que levo pouco e que non teño suficiente experiencia. Eu a ambos lles respondo o mesmo: o tempo necesario para coñecer ben o meu concello.

Fai 7 anos quixen comprometerme con este Partido entrando a formar parte das listas electorais do ano 2007. Daquela non saín elixido concelleiro, pero 2 anos e medio despois, un 24 de setembro de 2009, fai agora 5 anos, renovei este compromiso e o estendín a todos os veciños de Ames, prometendo o meu cargo de concelleiro.

No 2011 mantiven o meu compromiso a pesares de quedar na oposición, e fai case que 3 anos aceptei ser o voceiro do meu Grupo Municipal grazas ao apoio e a confianza dos meus compañeiros e compañeiras. Polo tanto levo activamente 5 anos en política. Moito? Pouco? Pois como bo galego … Non sei … Depende!!

Pode que para algúns sexa moito pero teño claro que foron os necesarios para permitirme coñecer perfectamente o concello, as persoas o funcionamento interno, as complicacións de contar con dous núcleos urbanos, o amplo núcleo rural, en definitiva, a nosa realidade.

E pouco? … Pois si. Pouco para poder levar a cabo o meu proxecto e todos os obxectivos que coa vosa axuda pretendo acadar. E dende logo para os que pensen que pouco, lles aseguro que pouco pero intenso. Intenso, porque nestes 5 anos fun membro da Xunta de Goberno Local, fun tenente de alcalde, fun concelleiro de goberno e concelleiro na oposición; e, ademais durante case que 3 anos fun, e son, voceiro do meu Grupo. E intensos porque nestes últimos 3 anos e medio con este desgoberno tocounos traballar arreo dende a oposición e pelexar polo cobro retroactivo do lixo, polas escolas deportivas, polos comedores escolares, polo contrato da auga, pola xornada única de Ventín, e un largo etcétera

Hoxe 5 anos despois daquel primeiro si, sigo convencido de que é posible lograr o que daquela me propuxen. Mellorar a administración, dotala de máis calidade e poñela ao servizo dos cidadáns.

Sei que algúns dirán que son un soñador (pero é o que temos os do signo do zodíaco Cáncer, que somos bastante imaxinativos), aínda que eu prefiro dicir optimista, porque creo neste proxecto e na súa xente, e como din algúns dos meus compañeiros (ou compañeiras máis ben) son bastante testarudo (cabezota para ser máis exacto), aínda que a min me gusta máis outra palabra, que é tenaz.

Así que sexa por cabezonería ou tenacidade, vou seguir perseguindo este soño de que é posible cambiar a política e mellorar a administración. E por todo isto, e moito máis, quero ser o vindeiro alcalde de ames

Quero cambiar este desgoberno de Amor que non quere a Ames.

Quero sacar do goberno ao PP de Ames que tanto dano está a facer no noso concello.

Quero un goberno que sexa xusto cos seus veciños e veciñas, e non cobre retroactivamente o lixo.

Quero un goberno que non paralice o noso concello e que volva a crear novos proxectos e inversións, (que contaxie ilusión, que non ilusionismo)

Quero un goberno que non quede calado e defenda os intereses de ames ante a xunta cando nos destinan 0 euros para todo o 2015

Quero un goberno que sexa capaz de licitar os contratos e non queden desertos un tras outro e que non faga perder cartos e tempo por non xestionar, como sucedeu co maior contrato do noso concello, o contrato da auga e o saneamento.

Quero un goberno que mire pola calidade dos servizos e non polas empresas que os dan

Eu quero un goberno:

– Que non oculte información do centro de saúde de Milladoiro.
– Que non anuncie ou ameace con despidos.
– Que non suba todas as taxas do concello, ingresando máis e gastando menos.
– Que volva a investir en Ames e volvamos a ser un concello referente.
– Que non sexa xordo ás demandas dos cidadáns e que escoite aos veciños e veciñas.
– Que non engane coa súa política económica:

– Unha política económica que hipotecou este concello ata o 2022 cun plan de axuste inxusto no que axustan o bolsillo dos veciños mentres eles incrementan as dedicacións do goberno, e os postos de confianza.
– Unha política económica baseada na mentira da débeda dos 15 millóns de euros que o tempo e os informes demostrou ser ben distinta e de 4,5 e que nos últimos datos oficiais que temos a 31 de decembro de 2013 elevouse a 6,6.
– Unha política económica que levounos a que en toda unha lexislatura solo presentasen uns orzamentos a finais de 2012 e esteamos agora prorrogando e prorrogando e paralizando e paralizando o concello e que será o primeiro en aprobar uns orzamentos en Xunta de goberno local no 2015.
– Unha política económica que nos leva a pagar 600.000€ de intereses por un préstamo de 1,6 millóns de euros (cun interese nominal do 5,94%). Un pago a proveedores que foi outra das grandes mentiras do actual goberno cando afirmaba unha débeda de mais de 2 millóns de € e que ao final pediu 1,6 para pór o contador a cero e no que tan solo o 30% eran anteriores a xuño de 2011.

Eu pregúntome … pódese facer peor? Non verdade?

Pois defendamos para o público o mesmo que queremos para nós mesmos.

Ética e credibilidade

Quero un goberno crible.
Sei que estamos nun momento crítico no que a credibilidade dos políticos está baixo mínimos, pero como dixen antes, eu creo na política a pesares do grado de corrupción existente e que día a día nos irrita e cabrea. Precisamente por esta situación que vivimos creo necesario dar un paso adiante e dicirlle á xente que aínda que hai políticos desleais tamén hai outros moitos, a gran maioría, que non o somos e que nos dedicamos a isto compatibilizandoo co noso traballo (os que temos a sorte de telo); dedicando o noso tempo a mirar por mellorar o noso concello, sacrificando a nosa vida privada con moitas horas de reunións, actos, visitas ou preparación dos asuntos municipais ou de partido que nos atinxen a todos e todas.

E por moi pouco a cambio, tanto economicamente como de recoñecemento.

Cífrase en preto de 500 os imputados e 300 as causas abertas en toda España por casos de corrupción, pero somos 68.462 concelleiros e concelleiras en todo o Estado, o cal como podedes ver non chega nin ao 0,8% e dende logo non todos os imputados son culpables; pero, aínda así tan só un caso de corrupción é totalmente condenable e inasumible e por iso defendo a política ao servizo dos cidadáns e non para servirse deles.

Teño un proxecto social e centrado nos e nas amesás. É un proxecto que quere recuperar a política con maiúsculas para Ames, na que os amesáns poidan sentirse orgullosos das súas políticas e dos seus representantes políticos.

E que se pode facer ante esta situación na que vivimos? Pois creo que é o momento de ser mais honrados que nunca. A xente esixe honestidade e pide un Partido serio que xestione, e os Socialistas de Ames estamos na condición de ofrecerlles esa dedicación e esa rectitude, porque así o temos feito durante moitos anos que levamos traballando neste concello, tanto no goberno como na oposición.

E precisamente en aras desta transparencia quero aproveitar esta presentación de hoxe para cumprir co exemplo e asinar diante de todos vos o código ético do meu Partido

Un código ético que me leva a comprometerme a:

– Exercer o meu cargo con honradez, transparencia, participación e colaboración
– A dedicarme ao servizo público defendendo os intereses xerais
– A non recibir complementos retributivos do partido ao percibir retribucións públicas
– A notificar á comisión executiva toda dieta a recibir
– A entregar á secretaría de organización Federal o certificado de retencións do IRPF e de patrimonio de todos os anos do meu mandato
– A dimitir en caso de apertura de xuízo oral por procedemento penal
– A non aceptar regalos ou obsequios, nin favores ou servizos de mais de 60€
– A non propoñer nin apoiar o indulto de cargos públicos por calquera das causas incluídas no punto 8 do código ético, nin a solicitar o meu propio en caso de condena

Un código ético moito máis extenso e que poderedes consultar na miña web. E xunto a este código poderedes tamén coñecer a miña declaración de patrimonio, a asinada cando entrei na política no 2009 e a que presento a día de hoxe, porque non me quero limitar a que coñezades a miña situación patrimonial ao día de hoxe, cando presento a miña candidatura, senón o de toda a miña vida política, xa que así entendo a forma de estar en ela. Pero o que esixo para min o estenderei para aqueles que me acompañen neste novo proxecto, e terán que comprometerse á sinatura deste código ético porque aínda que o cargo de concelleiro/a é unipersoal, eu non dubidarei en pedir, esixir a dimisión daquel que non cumpra o compromiso feito e non permitirei que aconteza no meu goberno o que por exemplo está a pasar no de Santiago.

Transparencia

Non vou dicir como outros que podemos … Non!!, eu digo que faremos!!. Faremos unha aposta firme pola transparencia. E si eu son elixido o candidato e o próximo alcalde de Ames apostarei pola creación dunha oficina de transparencia, na que calquera poida consultar onde se gastan ou se invisten os seus cartos, onde coñecer os salarios dos concelleiros e concelleiras, ou onde poder participar activamente.

Non vou facer a mesma política que fan outros, non vou a maquillar os datos e os números ou a falar de débedas ficticias. Non é a miña forma de facer política e aquel que me seguiu nestes anos pode comprobar que eu digo e denuncio algo o fago co respaldo dos informes oficiais, e os mostro a todo aquel que os queira ver porque non escondo nada xa que aposto pola transparencia

Propostas

Como sabedes non son persoa de promesas, e como sempre digo ensináronme a prometer solo aquelo que podo cumprir, e por iso hoxe si me comprometo a cumprir este código ético e a levalo a súas práctica ao noso concello en caso de ter esa oportunidade.

E que vos ofrezo???

Algo xa fun adiantando … Pero …

Gustaríame de ser elixido candidato poder elaborar un programa participativo e en colaboración coa cidadanía creando grupos abertos de traballo e escoitar as necesidades dos amesáns, así como dos distintos colectivos e asociacións do municipio.

Esta liña de actuación a seguiría, de chegar ao goberno, coa posta en marcha dun novo regulamento do concello, mais participativo e inexistente na actualidade, e co compromiso de que o grupo de goberno manteña o contacto cos veciños/as das parroquias visitándoos alo menos 1 vez ao ano

É imprescindible encamiñarse a eliminar a débeda municipal, especialmente os créditos pedidos polo PP e que van ligados a un plan de axuste tremendamente prexudicial. Non pode comprometerme a conseguilo porque non sei o que me atoparei pero si podo comprometerme a que porei todo o meu esforzo en rematar con este plan de axuste porque limita as actuacións municipais e obriga a incrementar as taxas e impostos municipais.

Nin a menor dúbida de que seguiría apostando polos servizos municipais que puxemos en marcha cando gobernamos: comedores escolares, programas lúdicos de axuda á conciliación da vida familiar e laboral, programas de igualdade, plans de emprego, escolas deportivas, e moitos máis …

E quero facer unha mención especial ao rural do noso concello. Traballar en cambiar a imaxe de abandono e desleixo das parroquias sería unha das miñas prioridades

Estes son algúns dos exemplos do que a min me gustaría facer si os militantes deciden darme o seu apoio o próximo 30 de novembro e de saír elixido alcalde en maio de 2015

Dende logo hai moitas mais e outras que estarían por chegar:
– A limitación de mandatos. Con 8 basta, non?
– A transparencia nos salarios do alcalde e demais cargos de goberno.
– A posta en marcha dos orzamentos participativos.
– O blindaxe dos servizos sociais e a educación cun mínimo orzamentario limitado para que non se poidan rebaixar.

Como vedes hai moito que temos que facer e que quero facer, porque eu:

Quero mais Ames

Quero ser o candidato socialista á alcaldía de ames

Quero como candidato construír unha alternativa seria, forte e unida que nos permita recuperar a alcaldía de Ames

E quero, polo tanto, ser o próximo alcalde de Ames

Por todo isto pido dende xa a todos os militantes o seu aval e a todos vos o voso apoio.