Programa Electoral

INTRODUCIÓN

Os homes e as mulleres socialistas presentámonos a estas eleccións para recuperar a confianza da cidadanía de Ames, cun goberno que estará baseado na acción dun equipo cheo de transparencia, esforzo persoal, dedicación e ideas.

Coas nosas propostas, o noso traballo e nosa ilusión queremos defender o benestar da xente, gañar o futuro e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

Os e as socialistas temos demostrado, desde as responsabilidades propias de goberno e tamén desde a oposición, que sabemos atender as demandas e as expectativas dos cidadáns e cidadás.

Este programa electoral que presentamos é un fiel reflexo da nosa forma de ser. Outra forma de ser coa xente, coas organizacións sociais, culturais e deportivas, cos colectivos profesionais, coa mocidade, coas mulleres e os maiores, con todos os cidadáns e cidadás.

Puxemos rostro humano ás propostas políticas deste programa, porque as persoas, os seus dereitos e o seu benestar, son o centro da nosa actuación. E sabemos que é posible, porque xa o temos demostrado no pasado, gobernando doutra forma, con eficacia e responsabilidade, actuando doutro xeito, sensible, próximo e solidario.

Por iso, apostamos un programa baseado nos nosos principios: solidariedade, capacidade, transparencia e honradez, xa que son estes principios os que máis necesita a sociedade nestes momentos, ao mesmo tempo que presentamos un programa electoral sólido, crible e viable.

Comprometémonos publicamente coa cidadanía a cumprir firme e sinceramente os obxectivos establecidos no noso programa electoral, no que expresamos os valores, principios e ideas que guiarán as nosas políticas e accións á fronte do concello.

1. UN CONCELLO ABERTO E TRANSPARENTE QUE APOSTA POLA PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A desafección e o afastamento da cidadanía da política e as complexas transformacións económicas e sociais fronte ás que nos atopamos, son factores que sen dúbida requiren de concellos transparentes, cuxa actuación e conduta estea sustentada en sólidos principios éticos.

Os e as socialistas levaremos a cabo unha política que sitúe á cidadanía no centro da acción municipal, promocionando a participación, a decisión e a cooperación dos veciños e das veciñas.

Queremos abrir un novo tempo político, con máis proximidade á cidadanía, coa procura dun maior consenso e colaboración cos diferentes grupos municipais, con máis cooperación e información na xestión dos asuntos públicos e, sobre todo, con máis humildade no exercicio das responsabilidades políticas.

Cremos que é necesaria a instauración de novas canles que permitan a participación dos veciños e veciñas, tanto individualmente como a través dos colectivos nos que se integra, de forma real e efectiva e non meramente formal.

Apostamos pola transparencia como compromiso real para garantir a claridade e a honestidade como forma de goberno e rendición de contas. Respondendo á máxima “somos claros”, a nosa política de transparencia incluirá, entre outras cuestións, o currículo dos representantes políticos, as retribucións dos cargos públicos, os gastos de representación, publicidade e promoción institucional, o inventario de bens e os dereitos dos e das concelleiras e os acordos plenarios.

Implantaremos a Iniciativa Popular Local para incorporar as propostas da cidadanía aos procesos de goberno do concello, xeneralizando a Consulta Cidadá Directa sobre as decisións estratéxicas transcendentes e sobre a orde de prioridades dos investimentos municipais e a súa consignación orzamentaria, tanto a través de internet coma presencialmente, establecendo mecanismos que garantan a limpeza do proceso e a súa transparencia.

Para acadar estes obxectivos nós propoñemos:

  • Poñer en marcha o Portal da Transparencia directamente dependente da alcaldía. O portal terá como obxecto facilitar unha permanente rendición de contas, con avaliación detallada dos programas e as políticas, con total transparencia en materia de procedementos, contratación, convenios, subvencións e execución orzamentaria. Queremos con esta proposta ofrecer transparencia informativa e achegar o concello e o goberno municipal aos nosos veciños e veciñas, porque só sendo transparentes na nosa xestión, nas nosas decisións e na nosa organización podemos chegar a todas as persoas o coñecemento de como se toman as decisións non seu concello.
  • Poñer en marcha un ambicioso regulamento de participación cidadá que permita o exercicio do dereito dos veciños e veciñas a intervir no proceso de decisións a nivel local, e que sexa reflexo do noso compromiso de compatibilizar o exercicio da democracia representativa coa democracia participativa.
  • Poñer en marcha a “axenda aberta do alcalde” e dos concelleiros e concelleiras mediante a súa publicación na web do concello como procedemento que permitirá axilizar unha forma de contacto directo entre os veciños e veciñas e o alcalde e os concelleiros e concelleiras. Mediante esta aplicación os e as cidadás poderán solicitar directamente cita cos seus representantes aos efectos de que estes os atendan persoalmente respecto dos problemas e reclamacións que se lles fixen, dentro do noso compromiso de manter contacto directo cos cidadáns mentres permanezamos á fronte do concello.
  • Dar a coñecer as axendas públicas do alcalde, co obxecto de facer partícipes aos cidadáns da actividade institucional dos seus representantes, da súa presenza en actividades de organizacións e sectores sociais, así como a súa asistencia a actividades do partido.
  • Retransmitir en directo os Plenos municipais por internet, publicando cada sesión na web con concello para poder visualizalo tamén posteriormente.
  • Facilitar o acceso a información relativa aos procedementos e criterios seguidos polo concello para a contratación ou adxudicación de obras e servizos así como da concesión de subvencións, de maneira que todos os veciños e veciñas coñezan puntualmente como e en qué se invirten os recursos económicos do concello.

2. UN CONCELLO CUNHA XESTIÓN ECONÓMICA EFICAZ BASEADA NA EFICIENCIA E NA REDISTRIBUCIÓN SOLIDARIA DOS RECURSOS PÚBLICOS

A situación económica actual, caracterizada por unha profunda crise económica e financeira que provoca no noso ámbito unha significativa diminución dos ingresos municipais, obriga á adopción de medidas que garantan a eficacia e a eficiencia na xestión dos recursos económicos.

Os socialistas e as socialistas estamos convencidos de que a correcta xestión dos recursos económicos do concello é condición indispensable para o éxito das nosas propostas políticas. En consecuencia, concibimos unha política económica baseada nos seguintes obxectivos:

  • Revisión do sistema de financiamento e do plan de axuste.
  • Transparencia e participación cidadá.
  • Equidade na repartición de cargas fiscais.
  • Eficacia e solvencia financeira.
  • Eficiencia no gasto público cuns presupostos de clara orientación social.

Como socialistas nos comprometemos a mellorar a xestión económica municipal, procurando uns presupostos xustos e solidarios ao servizo das necesidades reais da cidadanía, xa que unha nova forma de facer política debe ir acompañada necesariamente dunha nova cultura política á hora de xestionar os recursos económicos municipais.

Implantaremos un modelo de xestión eficaz, rigorosa e transparente dos orzamentos do concello e da facenda pública que permita, entre outras cousas, reducir o endebedamento municipal, para así liberar os recursos necesarios para revitalizar e impulsar o concello.

Para elo:

  • Remodelaremos o actual plan de axuste e procederemos á renegociación da débeda do concello coas entidades bancarias, co obxectivo de acadar un mellor equilibrio financeiro e unha mellora na nosa capacidade económica.
  • Estableceremos un Plan Estratéxico Financeiro e Fiscal que, garantindo o cumprimento da suficiencia financeira do concello,se rexerá polos seguintes parámetros:

 

  • Establecemento de reformas fiscais adecuadas ás circunstancias económicas actuais, que nos permitan axudar ás persoas que máis o necesitan.
  • Procederemos á municipalización da xestión tributaria.
  • Racionalización e control do gasto. Priorizando os gastos correntes sen reducir a calidade dos servizos prestados.
  • Reformularemos a situación orzamentaria do concello, adoptando un plan de saneamento da débeda, para lograr un mellor equilibrio financeiro e unha mellora na nosa capacidade económica.
  • Impulsaremos unha xestión baseada no rigor económico e cuns orzamentos centrados nas prioridades dos veciños e das veciñas, que blinden os servizos públicos e se orienten a obter a máxima rendibilidade social.
  • Implantaremos os presupostos municipais participados. Consultaremos aos veciños e veciñas sobre a orde de prioridades dos investimentos municipais do exercicio seguinte ao que acompañaremos da súa correspondente consignación orzamentaria.
  • Dinamizaremos campañas de empadroamento, cun dobre obxectivo: incrementar os ingresos por recadación fiscal e o aumento de axudas por parte das diferentes administracións.

3. UNHA ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL MÁIS EFICIENTE, PRÓXIMA E MODERNA

O concello é a institución pública máis próxima ao cidadán e o primeiro lugar no que pode facerse evidente a cultura política e as formas de goberno que adopta una corporación municipal. Os socialistas e as socialistas estamos comprometidos co obxectivo de facilitar aos cidadáns e cidadás una administración máis próxima, eficaz e dotada de mellores recursos, de cara a consecución dun concello máis próximo aos e ás amesás.

En materia de organización da Administración municipal, as propostas da nosa candidatura substéntanse en tres piares básicos:
A calidade dos servizos municipais, distribuíndo de xeito eficaz os recursos materiais e humanos do concello para garantir o mellor servizo aos veciños e veciñas.
A transformación da administración municipal, optimizando a xestión dos recursos e as súas estruturas, evitando os gastos que non redundan nunha mellora dos servizos, co fin de configurar unha administración municipal eficiente e capaz de dar respostas eficaces ás demandas sociais.
A aposta polos recursos humanos, a mellora das súas condicións de traballo e cualificación profesional.

Para elo, levaremos a cabo as seguintes medidas:

  • Facilitaremos a atención integral á cidadanía a través da posta en marcha da Concellería de Atención Cidadá.
  • Procuraremos a simplificación dos procedementos administrativos, cunha xestión máis rápida, así como a mellora da comunicación entre a veciñanza e o seu concello.
  • Queremos implantar no concello un sistema de tramitación administrativa máis áxil e propia do século XXI. Para elo, apostaremos por un “concello aberto os 365 días as 24 horas”, apostando decididamente pola tramitación electrónica co obxectivo de reducir os continuos desprazamentos dos e das amesás ás oficinas municipais, eliminar as esperas e acurtar os trámites. Somos conscientes de que moitos dos nosos veciños e veciñas non poden compatibilizar o horario laboral e de obrigas familiares diarios coas xestións municipais, de aí que desenvolveremos e implementaremos un plan de traballo co obxectivo de tratar de ofrecer progresivamente a tramitación do maior número de xestións habituais ante a administración local de xeito electrónico, o que evitará aos cidadáns facer colas e non depender de horarios ríxidos na xestión dos seus asuntos.
  • Apostaremos polos recursos humanos do concello. Queremos unha administración profesionalizada, formada e responsable como garantía da eficacia e da calidade na atención aos veciños e veciñas.

Para elo:

  • Respectaremos estritamente os dereitos laborais dos empregados públicos, fomentando o encontro e a concertación social e retribuíndo con equidade o seu interese e dedicación no traballo.
  • Cumpriremos os principios de publicidade, mérito e capacidade nas contratacións de persoal para asegurar a igualdade de oportunidades.
  • Definiremos a organización xeral do Concello e dos seus departamentos para asignar con claridade as funcións e responsabilidades do persoal.
  • Incentivaremos a formación permanente dos empregados e empregadas públicas para mellorar a súa cualificación e, con elo, a calidade da xestión municipal.

4. UN CONCELLO CON MAIS EMPREGO E MÁIS EMPRENDEMENTO: CREANDO ESPAZOS PARA NOVAS OPORTUNIDADES DE FUTURO

Os socialistas e as socialistas apostamos polas políticas activas a favor dun emprego de calidade e da igualdade de oportunidades para todos e todas, así como dunha política a favor do emprendemento e das novas iniciativas empresariais.

Fronte á grave crise económica que golpea a nosa sociedade e aos nosos veciños e veciñas, nós propoñemos recuperar o tecido empresarial e social do noso concello co obxectivo fundamental de crear emprego e apoiar as persoas desempregadas.

O noso goberno potenciará a posta en marcha de políticas activas de emprego e a atención ás persoas desempregadas a través do Servizo de Orientación Laboral, no centro da súa acción política ao tempo que crearemos espazos para novas oportunidades que faciliten o emprendemento e que fomenten a cooperación e as estratexias en rede entre as iniciativas emprendedoras (incubadoras de empresas, espazos de coworking, etc…) co obxecto de que se vaian afianzando e consolidando no tempo.

Apostamos, a mesmo tempo, polo comercio e hostalería local como sectores básicos da estrutura económica do noso concello, non só pola súa importancia económica e laboral, senón tamén pola súa importancia social. O comercio e a hostalería local estruturan a vida do concello ao mesmo tempo que configuran un punto de encontro e de relación social. Os e as socialistas traballaremos por revitalizar e impulsar estes sectores económicos e apostaremos e apoiaremos a modernización e profesionalización.

4.1. APOSTAMOS POLO NOSO TECIDO EMPRESARIAL E COMERCIAL LOCAL

Os e as socialistas apostamos decididamente por revitalizar e impulsar o tecido económico e produtivo do noso concello.

Desde a administración local debemos propiciar as condicións necesarias para o florecemento dunha actividade empresarial dinámica e rendible, xeradora de emprego e riqueza para o municipio, garantindo ao propio tempo os dereitos dos consumidores e usuarios.

No noso modelo de concello, o comercio e a hostalería de proximidade conforman un dos eixes máis importantes para conseguir un concello dinámico, vertebrado e cohesionado.

Así mesmo, é prioritario que se produza unha adaptación do comercio máis tradicional ás novas tendencias de especialización, tecnolóxicas, etc., e que lles permita adaptarse aos novos hábitos de consumo.

Neste sentido, o concello debe exercer o papel de facilitador de todos estos procesos, promovendo o consenso entre todas as partes interesadas.

Para elo, impulsaremos as competencias da Concellería de Comercio, Promoción Económica e Emprego, co obxecto de poñer a disposición do noso tecido comercial e empresarial un importante abanico de servicios para poder emprender, crecer e mellorar a súa competitividade.

Para acadar estes obxectivos propoñémonos:

  • Potenciar a Mesa Local do Comercio co obxectivo de dar un impulso á actividade comercial en Ames, en canto sector estratéxico no desenvolvemento económico do concello.
  • En colaboración con todos os sectores que compoñen o noso tecido comercial e empresarial, fixaremos un plan de dinamización económica que defina novos obxectivos e prioridades para o noso concello, así como un plan de acción como medida para acadar unha situación máis competitiva no mercado e no contexto económico actual.
  • Facer unha forte aposta pola potenciación do comercio de proximidade, como garantía de articulación e cohesión, mediante o fortalecemento do seu tecido.
  • Atención especial a modelos de especialización comercial e diferenciación pola excelencia, calidade e compromiso de servizo, coidado da estética exterior e interior, etc.
  • Fomento do asociacionismo dos comerciantes e empresarios do concello, para o que estableceremos convenios eficaces de colaboración coas asociacións de comerciantes e empresarios, con estrito cumprimento do calendario das axudas acordadas.
  • Fixar o punto de asesoramento técnico e xurídico ao sector empresarial e comercial así como aos novos emprendedores.
  • Fomentaremos a colaboración na formación profesional dos comerciantes e dos seus empregados e empregadas.
  • Colaboraremos na modernización de servizos comerciais e administrativos con especial énfase na utilización das tecnoloxías de información e comunicación.
  • Colaboración na dinamización de rúas e prazas con organización de actividades festivas diversas asociando sinerxicamente o comercio, a hostalería e o esparexemento.
  • Dinamizar a actividade comercial promovendo un proxecto piloto de comercio virtual co obxecto de facer máis competitivo o noso comercio, así como potenciar aos centros comerciais amesáns abertos, promovendo actuacións integrais de fomento do consumo e de fidelización do comercio e da clientela.
  • Introduciremos melloras consensuadas cos comerciantes na regulación do tráfico, aparcamentos e zonas de carga e descarga para garantir as mellores condicións posibles.
  • Reduciremos ao menor tempo posible a tramitación administrativa das autorizacións de apertura de novas actividades económicas.
  • Estableceremos un programa de promoción do noso tecido empresarial e de fomento do consumo no pequeno e mediano comercio amiense como base para o desenvolvemento económico, así como as feiras de troco de produtos.
  • Xestionaremos a creación de prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns.
  • Impulsaremos e favoreceremos todas aquelas iniciativas económicas e comerciais vinculadas ao comercio xusto.

4.2. APOSTAMOS POLO FOMENTO DO EMPREGO NO ÁMBITO LOCAL

Durante estes anos de goberno do Partido Popular e, sobre todo, a raíz da promulgación da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da administración local, o mercado de traballo, as políticas activas de emprego, as de desenvolvemento local e a propia autonomía municipal padeceron un verdadeiro desmantelamento. Disparouse o número de persoas desempregadas, en especial o de parados de longa duración e o daquelas que non reciben ningún tipo de protección; e, ao mesmo tempo caeron os recursos públicos para emprego e limitáronse as competencias dos municipios, en particular dos máis pequenos.

Nós propoñemos reconstruír o tecido social do noso concello co obxectivo fundamental de crear emprego e apoiar ás persoas desempregadas. Os concellos debemos poñer o emprego e a atención ás persoas desempregadas no centro da nosa política.

Para acadar este obxectivo propoñemos:

  • Establecer programas de busca de emprego con aqueles colectivos con máis dificultades de inserción laboral como mozos e mozas en busca do seu primeiro emprego, maiores de 45 anos, mulleres, persoas con algún grao de discapacidade e parados de longa duración.
  • Impulsaremos o Servizo de Orientación Laboral, reforzando as súas actividades de información, orientación e formación.
  • Facilitar o acceso dos veciños e veciñas aos programas de capacitación e formación permanente para o emprego, colaborando activamente cos organismos competentes.
  • Promoveremos a realización de prácticas laborais vinculadas á formación en empresas radicadas no noso concello.
  • Levaremos a cabo bonificacións sobre o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) do 30% da cota nos locais afectos ao exercicio dunha actividade económica da cal o suxeito pasivo é titular, cando incremente a media do seu persoal no municipio e nun 10% ou máis
  • entre o exercicio anterior á solicitude da licenza e o precedente.
  • Levaremos a cabo a bonificación do 30 % da cota do imposto de actividades económicas ás empresas por incremento de traballadores con contrato indefinido en relación aos seus centros de traballo en Ames.
  • Incluiremos cláusulas de carácter social nos procesos de contratación pública, coa finalidade de promover a incorporación de melloras sociais entre os criterios para a adxudicación e execución de contratos públicos polas empresas adxudicatarias.

4.3. UN CONCELLO QUE APOSTA POLO EMPRENDEMENTO

Queremos un concello que fomente o espírito emprendedor e dea pulo á posta en marcha de novos proxectos empresariais.

Neste sentido, daremos un impulso ao emprego por conta propia, proporcionando aos novos emprendedores apoio á formación, asesoramento e información para o desenvolvemento da súa actividade empresarial, xestión de axudas para o financiamento de proxectos.

Para elo:

  • Recuperaremos e poñeremos en valor o viveiro de empresas como facilitador na creación de novas iniciativas empresariais. Este viveiro permitirá que novos emprendedores poidan utilizar un espazo físico no que atopar todas as facilidades (conexión a internet, teléfono), nos seus primeiros meses de traballo e comprobar a viabilidade da súa empresa.
  • Por outra banda, potenciaremos o coworking ou cotraballo, coa idea de fomentar o traballo e a colaboración entre empresas de distintos sectores, que podería formar unha relación de cliente-proveedor. A idea é que emprendedores ou PEMES de distintos sectores compartan un espazo tanto físico como virtual co fin de realizar a súa actividade profesional de maneira independente á vez que poden levar a cabo proxectos conxuntos. Neste sentido, tamén impulsaremos o networking ou rede de contactos, que ten como finalidade a construción de relacións profesionais dentro do noso entorno na busca de posibles colaboracións a nivel empresarial.
  • Impulsaremos as accións necesarias para a simplificación dos procedementos administrativos e a redución das cargas administrativas, co obxecto de axilizar ao máximo a posta en marcha dos proxectos empresariais.
  • Adoptaremos políticas fiscais municipais que estimulen a iniciativa empresarial, aplicando na medida que o permita a Lei de Facendas Locais, bonificacións á cota que deben pagar as empresas nos impostos de bens inmobles, de actividades económicas, e no de construcións, instalacións e obras.

Neste sentido:

  • Promoveremos a bonificación de taxas por licenza de apertura de novos negocios de ate o 75% as taxas municipais derivadas da creación e establecemento de pequenas empresas no municipio para as aperturas solicitadas por persoas demandantes do primeiro emprego, as que procedan do subsidio do desemprego ou perciban algunha prestación ou axuda, os parados e as paradas de longa duración que se convertan en autónomos por medio do exercicio dunha actividade por conta propia, así mesmo das persoas menores de 30 anos co obxecto de fomentar a actividade empresarial liberando ao emprendedor das cargas iniciais derivadas do inicio da actividade.
  • Promoveremos bonificacións do 30 % da cota do ICIO aos locais afectos ao exercicio dunha actividade económica que se iniciase dentro dos dous anos anteriores á solicitude da licenza de obras ou urbanística.

5. UN CONCELLO PARA VIVIR, CUN URBANISMO ORDENADO E RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE

Os e as socialistas somos conscientes de que os espazos urbanos e as súas determinacións físicas non se limitan a a ocupación do solo, senón que apostamos porque esta ocupación se realice do xeito máis sostible socialmente e o máis respectuoso ambientalmente.

Os e as socialistas temos demostrado que é posible combinar o urbanismo máis moderno co mantemento do medio ambiente. Por iso no noso programa asumimos un compromiso político no que se definen os criterios para a formación dun modelo de desenvolvemento social, urbano e territorial sostible.

5.1. UN CONCELLO QUE APOSTA POR UN MELLOR URBANISMO

Defenderemos unha política urbanística baseada no crecemento ordenado e racional, cunha xestión transparente e unha serie de medidas que responden a dúas premisas fundamentais: garantir un desenvolvemento ordenado e atender ás necesidades de solo para equipamentos e infraestruturas públicas.

Apostamos por un modelo de desenvolvemento equilibrado e harmónico, para elo, reforzaremos as medidas e mecanismos de control para que todas as actuacións urbanísticas se axusten á estrita legalidade, así como, vixiaremos e avaliaremos ambientalmente con especial atención, que os novos proxectos urbanísticos non supoñan un perigo para o noso patrimonio natural. Ademais centraremos o noso esforzo na protección dos solos especialmente significativos polo seu valor medioambiental, agrario, etnográfico-patrimonial e paisaxístico.

Para acadar estes obxectivos:

  • Someteremos a información pública os convenios urbanísticos e as actuacións de modificación puntual do PXOM.
  • Procuraremos parcelas axeitadas para infraestruturas educativas, sanitarias e de tipo social necesarias para Ames, con modificacións urbanísticas ou de intercambio con propietarios.
  • Aumentaremos os espazos recreativos e zonas verdes pensando nos nenos e nenas, adolescentes e persoas maiores.
  • Implantaremos un circuíto biosaudable para maiores.
  • Insistiremos nas medidas de control sobre actuacións ilegais para evitar calquera tipo de malas prácticas, de xeito que estas sexan detectadas e sancionándoas con rapidez.

5.2. UN CONCELLO CON MÁIS POLÍTICA DE VIVENDA

Mellorar a accesibilidade á vivenda é unha das principais preocupacións para esta candidatura. Por isto, e debido á difícil situación económica de moitos cidadáns, os socialistas e as socialistas de Ames propoñémonos que, tendo dereito ao acceso a unha vivenda, ninguén teña que renunciar a ela por atoparse desempregado ou desempregada ou nunha situación económica desfavorable.

É por iso que, promoveremos unha política de vivenda que teña en consideración as diversas situacións persoais nas que se atopen os cidadáns, con especial fincapé en persoas e grupos sociais con dificultades para acceder ás mesmas ou que habiten vivendas que non reúnan as condicións adecuadas. Neste sentido, daremos preferencia ás mozas e aos mozos, a persoas con necesidades especiais, maiores, familias numerosas e persoas con risco de exclusión social.
Para elo propoñemos:

  • Crear un banco de vivenda para alugueiro social e/ou protexido para aqueles sectores sociais desfavorecidos ou con dificultades para acceder á unha vivenda, así como para familias que atravesen por una situación complexa, ben de carácter puntual ou ben de carácter sostido no tempo.
  • Recuperar o programa de erradicación de infravivendas colaborando cos propietarios ou usuarios para mellorar a súa seguridade e habitabilidade.
  • Reforzaremos a atención e a axuda municipal contra os desafiuzamentos destinada a orientar e asesorar aos veciños e veciñas do concello que teñan problemas para facer fronte aos pagos dos compromisos adquiridos na compra das súas vivendas habituais.
  • Mellorar a accesibilidade á vivenda e a eliminación de barreiras arquitectónicas, sobre todo para persoas con discapacidade.

5.3. UN CONCELLO QUE APOSTA POLA PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE

A preservación da biodiversidade, dos nosos espazos naturais e a sensibilización ambiental serán as pautas que marcarán a política medioambiental nos vindeiros anos. Para lograr estes fins centrarémonos en desenvolver campañas informativas de concienciación da cidadanía orientadas á adquisición de valores cívicos e de respecto ao medio ambiente. Poñeremos especial incidencia no uso das enerxías renovables, no aforro de recursos naturais, como a auga, e de accións preventivas contra o lume e a minimización dos seus efectos.

Ademais, desenvolveremos campañas sobre boas prácticas ambientais nos fogares, nas empresas e nas instalacións municipais para racionalizar o uso da enerxía, o papel, o material informático, xunto cos demais consumibles e a importancia tanto da reciclaxe como de depositar o lixo no lugar axeitado, para preservar o noso entorno.

Para elo:

  • Promoveremos o emprego de enerxías renovables e alternativas como a biomasa.
  • Realizaremos campañas de educación ambiental, sobre todo, na reciclaxe do lixo.
  • Controlaremos as verteduras ilegais.
  • Fomentaremos o aforro enerxético, así como, a implantación de sistemas alternativos baseados en fontes de enerxía limpas, e a utilización de paneis solares e similares.
  • Estableceremos un plan de aforro nos alumeados públicos, comezando pola realización dunha auditoría da rede eléctrica e rematando polo cambio a lámpadas LED.
  • Elaboraremos un programa de concienciación dos escolares a través da Aula da Natureza para o coñecemento medioambiental e o seu coidado.
  • Impulsaremos o plan de prevención de incendios forestais, xunto coa recuperación ambiental de zonas queimadas procedendo a súa repoboación con especies autóctonas.
  • Promoveremos a recuperación de camiños e a apertura de novas rotas para sendeirismo e tamén o turismo de natureza, fomentando as sendas verdes.
  • Promoveremos a mellora dos ríos e canles fluviais a través de Augas de Galicia.
  • Fomentaremos o uso de vehículos que sexan respectables co medio ambiente. Para elo, promoveremos unha bonificación de ata o 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para aqueles vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, e/ou emisións nulas e dun 60% para aqueles considerados híbridos.
  • Promoveremos unha bonificación do 25%, na cota íntegra do IBI para os contribuíntes que instalen nas súas vivendas e edificios sistemas para o aproveitamento da enerxía solar. A incorporación nas edificacións existentes deste tipo de instalacións, debe ser fomentada polas Administracións Públicas, para evitar o agravamento do proceso de cambio climático que fai necesario tomar medidas locais que faciliten o uso de enerxías renovables que fomenten o desenvolvemento sustentable.
  • Promoveremos unha bonificación do 75% do ICIO a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para a produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

5.4 PLAN ESTRATÉXICO PARA O MILLADOIRO (PEM)

O núcleo urbano de Milladoiro é poboacionalmente o máis importante do concello de Ames, e polo tanto necesita unha atención especial por parte do goberno municipal. Este núcleo ten, ademais, unhas características especiais derivadas da súa configuración inicial ao borde da Estrada Nacional 550, a súa proximidade a Santiago e a ausencia dunha planificación urbanística racional.

Algúns dos problemas específicos que posúe e que temos dectectados son:
O tráfico pesado de media distancia e máis o tráfico lixeiro en tránsito atrancan o uso normal da rede viaria e provocan atrasos e perdas de tempo no movemento diario da poboación, sobre todo nas saídas e entradas do núcleo.
A falta de espazos públicos e dotacións de equipamentos reducen as posibilidades de convivencia e esparcemento, coa conseguinte perda da calidade de vida que merecen e necesitan os veciños e veciñas.
Beirarrúas estreitas e falta de prazas de aparcamento limitan o normal desenvolvemento das actividades económicas, sobre todo as do comercio e hostalería.

A orixe do núcleo e o posterior modelo de crecemento urbano dificultan as opcións para unha solución global dos problemas. Pero estas dificultades non xustifican o seu abandono: hai solucións, como as houbo noutros núcleos coa mesma problemática.

  • Por iso os socialistas, ademais das accións a curto prazo previstas no noso Programa, comprometémonos a elaborar e poñer en marcha un Plan Estratéxico para o Milladoiro cos seguintes obxectivos a medio prazo:
  • Mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas.
  • Dinamizar a economía local.
  • Asegurar a sostibilidade ambiental
  • Mellorar a valorización dos bens e valores dos veciños e veciñas.

Este Plan Estratéxico será elaborado por un equipo de profesionais con experiencia na revitalización de espazos similares, baixo os seguintes criterios:

  • Análise das debilidades e áreas problemáticas.
  • Análise das potencialidades e puntos forte.
  • Alternativas e propostas.
  • Medidas e actuacións prioritarias, co seu calendario e plan de financiamento.
  • Coordinación coas demais Administracións e Organismos implicados.
  • Participación pública durante o proceso, con implicación das asociacións de veciños e veciñas, comerciantes e demais colectivos cidadáns interesados e comprometidos co presente e co futuro do Milladoiro.

Os socialistas comprometémonos a poñer en marcha a redacción do Plan Estratéxico no primeiro ano de Goberno, de xeito que as primeiras actuacións resultantes do estudo poidan comenzarse na segunda parte do mandato.

6. UN CONCELLO CON MÁIS INFRAESTRUTURAS BÁSICAS E MÁIS DESENVOLVEMENTO RURAL

Mellorar o noso entorno para mellorar as condicións e a calidade de vida dos veciños e veciñas é un dos principais obxectivos desta candidatura.

Os e as socialistas queremos mellores infraestruturas públicas: mellores rúas, camiños, zonas verdes, prazas e paseos que son puntos de encontro para todos os veciños e veciñas, así como, exemplo de calidade de vida e de convivencia cidadá.

Acadar este obxectivo precisa dunha adecuada planificación da xestión e mantemento das infraestruturas municipais pensando non só no eido urbano, senón tamén no rural buscando a maior integración de todos os núcleos e parroquias do noso concello.

Para elo nos propoñemos:

  • Desenvolver un plan de humanización e mellora de rúas, parques e xardíns, iluminación, etc.
  • Elaboraremos, en colaboración con asociacións de veciños e colectivos cidadáns, un Plan Estratéxico de mantemento das infraestruturas municipais (camiños e pistas rurais, alumeado público, mobiliario urbano, equipamentos deportivos, etc). Queremos dotarnos dun instrumento de planificación das necesidades detectadas nas diferentes parroquias e núcleos de poboación que, á súa vez, incorpore unha referencia orzamentaria para poder desenvolver as accións previstas nese instrumento de planificación.
  • O abandono de moitas zonas rurais, a falta de conservación e mantemento de pistas, parques, xardíns e rúas, o abandono de moitas instalacións deportivas, as carencias de servizos nas parroquias, etc. son unha realidade, non noso concello que precisan dun tratamento prioritario.
  • O obxectivo deste plan é anticiparnos ás necesidades, o que redundará nunha maior eficacia e eficiencia na xestión, ao dotar ao Concello dun programa estruturado e planificado de investimentos en equipamentos e obras de mantemento e conservación.
  • De conformidade co mesmo, manteremos a supervisión e inspección periódica do estado das redes viarias. Estableceremos plans de actuación inmediatos destinados a incrementar o servizo de limpeza viaria de maleza, acondicionamento das pistas municipais, mantemento e reparación das beirarrúas, das cunetas e dos seus elementos ornamentais así como a reposición do firme.
  • Por outra banda, poñeremos en marcha a aplicación “o veciñ@ informa”, a través da cal, poderanse facer suxestións, avisos e denuncias de todas as deficiencias dos servizos municipais, (auga, luz, baches, limpeza, parques, etc.).
  • Continuaremos co seguimento e inspección continua ás obras municipais executadas por empresas privadas cunha dobre finalidade: evitar que se incorra nalgunha irregularidade e garantir o cumprimento nos prazos de entrega.
  • Traballaremos na continuación da instalación da rede de saneamento o abastecemento de auga do concello.

7. UN CONCELLO COMPROMETIDO COA IGUALDADE DE MULLERES E HOMES E CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O concello de Ames ten unha veciñanza heteroxénea composta por homes e mulleres con diferentes culturas, crenzas e necesidades ás que, esta candidatura, quere dar respostas adaptadas ás súas especificidades sen perder nunca de vista as políticas de igualdade e de xénero.

Na nosa acción de goberno, apostaremos decididamente pola prevención de todas as formas de violencia reforzando os servizos de atención integral ás mulleres, fillas e fillos que sufran violencia de xénero directa ou indirectamente.

Para lograr a erradicación da violencia doméstica e a consecución da igualdade real entre mulleres e homes poñeremos en marcha as seguintes medidas:

  • Desenvolveremos programas de formación para os máis novos para fomentar, dende nenos, o respecto aos demais e outros aspectos na convivencia diaria entre os que se atopa a colaboración nas tarefas domésticas. Con isto lograremos inculcar os valores da igualdade nas xeracións futuras.
  • De cara aos adultos estableceremos campañas de sensibilización nas que se fomente o reparto igualitario do traballo no ámbito doméstico evitando a dobre xornada laboral das mulleres.
  • Loitaremos contra a violencia de xénero apostando por programas e actuacións orientados a erradicar esta lacra a través da Concellaría da Muller.
  • Desenvolveremos campañas de sensibilización contra a violencia no fogar.
  • Prestaremos apoio ás vítimas traballando polo afastamento e independencia do seu agresor. Pensando especialmente nas mulleres con altos grados de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social.

8. UN CONCELLO CON MÁIS BENESTAR SOCIAL E CALIDADE DE VIDA

As políticas sociais son un dos piares fundamentais das políticas socialistas. Con elas garantimos o acceso ás prestacións básicas como un dereito da cidadanía favorecendo os procesos de benestar, inclusión persoal e cohesión social.

Para os homes e mulleres socialistas o Estado de Benestar é un dereito irrenunciable da cidadanía e os servizos sociais deben responder aos principios de solidariedade, universalidade, igualdade, proximidade, calidade e atención personalizada.

En consecuencia, os poderes públicos temos a obriga de poñer os medios e os recursos necesarios para facer efectiva a igualdade de oportunidades de toda a cidadanía, de forma que o máximo número de persoas poidan ter un papel activo na sociedade e coas mesmas posibilidades.

O concello, como instrumento máis próximo da administración á cidadanía, asume a competencia de ofrecer información e orientación sobre os programas e recursos sociais públicos, actividades deseñadas para evitar os procesos de exclusión social favorecendo a convivencia familiar e social.

Neste sentido, desde a Concellaría de Benestar Social daremos o máximo protagonismo ás políticas sociais durante os próximos catro anos, asumindo e canalizando as demandas dos cidadáns.

Por iso, a pesar do retroceso sufrido coa nova Lei do Goberno Local do Partido Popular e ata que podamos derrogala, os compromisos que adquirimos os socialistas, a nivel municipal, en defensa da política social e dos dereitos da cidadanía son:

  • Un claro compromiso co mantemento dos servizos sociais.
  • Un claro compromiso para priorizar o investimento nos servizos sociais do concello.

Para elo, traballaremos na elaboración dun Plan Social Municipal coordinando e xuntando esforzos de varios departamentos coa finalidade de contemplar todos os ámbitos da sociedade amiense para lograr o benestar social.

No Plan Social Municipal contemplaremos o reforzo da política do benestar e cohesión social cunha serie de medidas en varias áreas de actuación:

8.1. UN CONCELLO PARA OS NOSOS MAIORES, PARA OS NOSOS DEPENDENTES E PARA AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

As persoas maiores, dependentes ou con algún grao de discapacidade deben ter os mesmos dereitos que o resto de cidadáns para participar de todos os ámbitos da sociedade en condicións de igualdade. A autonomía persoal é un factor esencial da dignidade da persoa. Para acadar estes obxectivos:

  • Dende o ámbito das competencias municipais, apostaremos decididamente polo desenvolvemento pleno do sistema de atención á dependencia, impulsando a súa aplicación efectiva en colaboración coa Xunta de Galicia.
  • Seguiremos apostando polos programas postos en marcha nos anteriores gobernos socialistas, polo que recuperaremos os programas dirixidos aos nosos maiores, centrados nos seguintes ámbitos: Educativo (animación á lectura, educación de adultos e cursiños de iniciación ás novas tecnoloxías); Lecer (obradoiros de manualidades, viaxes culturais e xogos, como o xadrez) e Terapéutico co Programa Amessan (ximnasia, rehabilitación e cursos de memoria), garantindo a súa calidade.
  • Potenciaremos a participación das persoas con discapacidade no eido municipal, cultural, deportivo e de ocio, traballando man a man coas asociacións e as ONG’s.
  • Garantiremos o transporte e a mobilidade das persoas con dependencia física e intelectual que o requiran, impulsando o transporte adaptado municipal.
  • Elaboraremos un Plan de Eliminación de Barreiras Arquitectónicas para facilitar o acceso aos edificios e vías públicas mellorando a autonomía e liberdade das persoas maiores e/ou con algún tipo de discapacidade.

8.2. UN CONCELLO QUE APOIA ÁS FAMILIAS E Á CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

A familia é o eixo central do benestar social. Por iso, centraremos os nosos esforzos en facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, algo imprescindible nunha sociedade moderna na que se impoñen outros modelos familiares como, por exemplo, as monoparentais que presentan características especiais.

Para dar solución a estas necesidades desenvolveremos as seguintes medidas:

  • Continuaremos ofrecendo e reforzaremos os programas de conciliación dirixidos aos nosos fillos e fillas co mantemento de servizos básicos como os comedores escolares e as actividades lúdicas e extraescolares: Bos días cole, Tardes divertidas e as Escolas de Verán.
  • Introduciremos bonificacións progresivas no custe dos programas de conciliación familiar a partir do segundo fillo ou filla.

8.3. UN CONCELLO A FAVOR DA INTEGRACIÓN, A INCLUSIÓN E A COHESIÓN SOCIAL

Coa finalidade de lograr a plena integración, a igualdade de oportunidades e a equidade, retomaremos a posta en marcha do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI), co obxectivo de voltar a prestar os servizos de asesoramento xurídico, información sobre o acceso ás axudas públicas e orientación laboral e familiar a todas as persoas que integran o colectivo de inmigrantes e emigrantes retornados.

Neste eido desenvolveremos, en colaboración co resto de interlocutores sociais, unha serie de medidas englobadas nas actuacións desenvolvidas polo SAMI, tales como:

  • Campañas de sensibilización e revalorización dos inmigrantes, organizando programas de orientación para a súa inserción social e laboral e programas de adaptación nos centros educativos.
  • Completando estas actuacións promoveremos o diálogo e o intercambio cultural a través do asociacionismo, facilitando puntos de encontro e espazos de relación. Neste sentido, retomaremos a celebración do Encontro Intercultural.

No tocante ás persoas en situación de risco de exclusión social as accións que desenvolveremos son:

  • Programas de orientación e formación para os colectivos máis desfavorecidos e de difícil inserción laboral.
  • Reforzaremos as prestacións sociais e axudas de emerxencia destinadas a paliar ás necesidades básicas.
  • Colaboraremos, ao mesmo tempo coas institucións, ONG’s e voluntariado.

8.4. UN CONCELLO CON MELLORES DOTACIÓNS SANITARIAS E MÁIS SAUDABLE

O concello de Ames dispón duns servizos sanitarios claramente insuficientes -tanto en persoal coma en medios- para atender á poboación actual, situación que se agrava día a día co constante aumento de habitantes. Entendemos que a solución á actual situación pasa sen dúbida pola construción do novo centro de saúde do Milladoiro e por ampliar e mellorar o centro de saúde de Bertamiráns.

Impulsaremos decididamente o dereito ao acceso a unha atención sanitaria de calidade. Para elo:

  • Esixiremos á Xunta de Galicia o desenvolvemento dos equipamentos de saúde públicos que precisa o concello para garantir o acceso en equidade aos servizos sanitarios, como é a mellora do centro de saúde de Bertamiráns.
  • Traballaremos na consecución do novo centro de saúde do Milladoiro e promoveremos unha consulta cidadá sobre a ubicación do novo centro.
  • Continuaremos cos programas que motiven a consecución de hábitos e estilos de vida saudables, tanto entre os maiores como entre os máis novos, fomentando a actividade física, creando circuítos biosaudables e evitando o sedentarismo.
  • Recuperaremos o Servizo de Prevención de Drogodependencias, e desenvolveremos campañas de prevención para escolares (destinadas á detección precoz do consumo) e campañas informativas (sobre as consecuencias do consumo de drogas).
  • Elaboraremos un plan de prevención de enfermidades nutricionais (obesidade infantil, anorexia e bulimia, etc.).
  • Ademais, levaremos a cabo un ciclo de charlas informativas en materia de saúde e concienciaremos aos e ás amesás da importancia da doazón de sangue.

9. UN CONCELLO QUE APOSTA POLA EDUCACIÓN DE CALIDADE

Os homes e mulleres socialistas sabemos que a educación é clave para o desenvolvemento persoal e social, así como, a primeira base para a igualdade de oportunidades. Educa a escola á vez que o entorno no que se vive. Por iso, impórtanos tanto poñer os medios para a equidade, desenvolvendo unha educación inclusiva onde caben todos e todas e ao alcance de todos e todas; unha educación tanto para as persoas con maiores necesidades e dificultades de aprendizaxe como para as de maior capacidade para aprender.

A nosa candidatura aposta por unha educación pública e universal apoiada en valores democráticos, de liberdade e solidarios que fomenten a integración, a convivencia sen discriminación nin violencia e o respecto ao medio ambiente. Unha educación deseñada por e para todos e todas na que se trata de aprender para ser e para convivir.

Defendemos un sistema educativo de calidade e para todos os cidadáns e cidadás, á marxe do seu poder adquisitivo, resultando imprescindible a implicación dos concellos, apoiando a diversidade, loitando contra o absentismo escolar, prestando servizos educativos complementarios, realizando actividades deportivas e culturais sen exclusión, apoiando os plans de prevención do abandono ou fracaso escolar, fomentando a lectura, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar, etc.

Para elo, poñeremos en marcha as seguintes medidas:

  • Impulsaremos a creación do Consello Municipal de Educación, coa participación de todos os sectores afectados.
  • Elaboraremos un estudo sobre as necesidades educativas no concello, de cara a acadar novas parcelas para ofertar a construción de novos centros educativos no Milladoiro e en Bertamiráns.
  • Blindaremos nos orzamentos as partidas económicas destinadas a educación.
  • Apoiaremos a posta en funcionamento da escola de nais e pais.
  • Colaboraremos coas ANPAS cunha liña de subvencións para actividades propias e extraescolares.
  • Aproveitaremos as instalación e equipamentos dos centros escolares, fóra do horario lectivo, para actividades complementarias, educativas, sociais, deportivas e culturais promovidas polo Concello.
  • Actuaremos sobre o absentismo escolar, coordinando institucións e familias.
  • Desenvolveremos programas de apoio e reforzo para o alumnado en situación de fracaso escolar.
  • Desenvolveremos un programa de auditoría dos centros educativos para a solucionar aquelas deficiencias que son competencia do Concello, realizando o seu mantemento a través da brigada municipal.
  • Seguiremos apostando pola Escola de Música Municipal, impulsando a incorporación de novos alumnos.
  • Promocionaremos a Educación de adultos, tanto en coñecementos como nas novas tecnoloxías.
  • Promoveremos a implantación dunha sección da Escola Oficial de Idiomas en Ames.
  • Continuaremos cos comedores escolares, garantindo a súa calidade e dentro dun programa educativo que fomente os hábitos saudables.

Estableceremos un programa de actividades formativas que comprendan:

  • A educación no respecto ao medio ambiente, reciclaxe, aforro de auga e actividades de educación viaria.
  • Programas de información e asesoramento sobre educación sexual, substancias psicoactivas e condutas aditivas relacionadas coas novas tecnoloxías.
  • Procuraremos acadar solucións aos problemas de seguridade viaria na saída e entrada dos centros escolares.
  • Informaremos a alumnos, pais e nais sobre a oferta de ciclos formativos e promoveremos convenios de colaboración con empresas para ocupar a estes alumnos.
  • Apoiaremos ás ANPAS e equipos directivos de centros nas reivindicacións ante a Consellería de Educación a través do Consello Municipal de Educación.
  • Promoveremos a colaboración entre as distintas ANPAS do Concello favorecendo a constitución da Federación de ANPAS de Ames.
  • Impulsaremos a creación dun banco de libros de texto a través das ANPAS, facilitando a súa adquisición as familias, especialmente as de menos recursos.
  • Dotaremos as bibliotecas de servizos de atención adecuados coas novas tecnoloxías promovendo o empréstito interbibliotecario.
  • Poñeremos en marcha un sistema de “biblioteca móbil” para o rural co obxecto de promover a lectura neste ámbito.
  • As aulas CEMITS volverán a estar coordinadas dende o Concello.
  • Elaboraremos un plan de dinamización da lectura con campañas de animación, cursos, certames literarios, contacontos.

10. UN CONCELLO CON MÁIS CULTURA

Para os homes e mulleres socialistas a cultura é un alicerce fundamental da nosa sociedade, indispensable nun Estado do Benestar para o desenvolvemento pleno dunha cidadanía democrática, para a convivencia das xentes e os pobos. Os municipios son os principais promotores da cultura e a participación social en todas as facetas da vida cotiá onde aflora a intelectualidade, a creatividade, o talento, os valores, e a liberdade.

A cultura é tamén un motor de desenvolvemento sostible e un dereito necesario para a promoción e a cohesión social. Xa que logo, para os socialistas é prioritario que a cultura impregne toda a nosa tarefa no marco dunha redistribución solidaria dos recursos e aposte tamén por un desenvolvemento rural sostible como un dereito fundamental, achegando a todos e todas a produción, a promoción e a difusión das artes escénicas, musicais, cinematográficas e literarias; e, apoiando a creación individual ou colectiva, a extensión da lectura, en definitiva, a promoción persoal e colectiva.

Os eixes sobre os que se asenta a nosa política cultural son: a liberdade, o pluralismo, a diversidade, a participación e o fomento do movemento asociativo e a defensa do patrimonio histórico e etnográfico de Ames. A nosa candidatura concibe a cultura como unha fonte de riqueza e entendemento, instrumento de defensa da diversidade e fomento da tolerancia que garanta a pluralidade e a cohesión social. Por todo isto, a cultura é para nós un dos grandes activos que singulariza a identidade do noso concello.

Ademais de ser un eixe estratéxico, a cultura non debe ser contemplada só na súa vertente de entretemento, senón tamén na súa vertente de provisión de coñecemento.

Consideramos de vital importancia impulsar a participación de todos os axentes e sectores socio-culturais para lograr unha mellora na xestión dos recursos, accións e programas para que a cultura sexa un valor e un dereito de todos os e as amesás.

Para os vindeiros catro años propoñemos unha axenda de traballo concretada nas seguintes accións:

CULTURA

  • Desenvolveremos plans para ampliar o número de persoas que acceden ao desfrute da cultura e da formación artística, abrindo a participación de todos e todas ás diferentes habilidades artísticas.
  • Impulsaremos o uso dos locais do Pazo da Peregrina para exposicións, charlas, etc
  • Impulsaremos a realización de exposicións de traballos artesáns, de novos creadores e artistas (pintura, alfarería, escultura, novas tecnoloxías, …)
  • Impulsaremos o tecido sociocultural: estableceremos unha relación de grupos musicais, compañías artísticas, asociacións e entidades, co obxecto de darlles visibilidade e con elo dinamizar a vida comunitaria e cultural do concello.
  • Favorecer a actuación dentro dos locais municipais ou no exterior de grupos musicais e novos artistas.
  • Favorecer a conservación de Romarías, Entroidos, Panxoliñas, Foliadas e o noso acervo cultural, a través das persoas maiores.
  • Potenciar o uso dos locais sociais das parroquias, con cursos e actuacións en colaboración coas asociacións veciñais, así como dotalos de servizo de internet e wifi.
  • Fomentar o uso de locais para ensaios.
  • Retomar as excursións culturais.
  • Promoveremos cursos coas asociación veciñais nas parroquias.
  • Retomar o concerto de Nadal da EMMA no CHUS.
  • Impulsar concertos da EMMA nas celebracións do Concello, nos Centros Escolares.
  • Incrementar a programación teatral infantil e de adultos, tanto a nivel profesional como afeccionado.
  • Programación de teatro de grupos profesionais infantil e adulto.
  • Aumentar as actuacións de grupos de teatro afeccionado.
  • Apoiaremos iniciativas culturais de calidade presentadas ao Concello por colectivos e particulares.
  • Levar a cabo o regulamento da radio municipal.
  • Implicar a centros educativos, asociacións, ANPAS, colectivos e demais veciños para colaborar na radio e aproveitar a mesma como medio divulgativo e de promoción cultural.

POLÍTICA LINGÜÍSTICA

  • Apostaremos pola defensa e mantemento do galego na vida municipal.
  • Poñeremos en valor o servizo de normalización lingüística.
  • Colaboraremos cos centros educativos na promoción do galego a través deste servizo.
  • Fomentaremos o uso do galego no ámbito empresarial, retomando campañas de normalización lingüística.

11. OS NENOS E AS NENAS: UNHA PRIORIDADE NA ACCIÓN MUNICIPAL

Desde os concellos debemos prestar unha especial atención ao desenvolvemento da infancia favorecendo o desenvolvemento de programas que divulguen os valores relacionados coa participación, a liberdade, a xustiza, a igualdade e a democracia. Os nenos e as nenas deben de ter o seu espazo nos nosos pobos|vilas e cidades,e os medios necesarios para o seu desenvolvemento persoal e social.

Todas as políticas municipais que afecten á infancia deben de estar guiadas polo principio do interese superior do menor, establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno.

Ames, o concello máis novo de Galicia quere converterse no primeiro concello de Galicia catalogado como amigo da infancia garantindo a protección de todos os menores, e especialmente, daqueles que se encontren en situacións de risco e/ou desprotección.

Por todo iso, os homes e mulleres que integramos a candidatura socialista propoñemos as seguintes medidas dirixidas á Infancia:

  • Promoveremos a adopción dunha Carta Local dos Dereitos da Infancia co compromiso de prestar unha atención prioritaria aos nenos e nenas, favorecendo criterios de investimento municipal en programas municipais dirixidos á infancia. Impulsaremos dende o municipio un plan estable de actividades de recreación, ocio e tempo libre, dirixido aos nenos e ás nenas.
  • Poñeremos os medios necesarios para que os nenos e as nenas reciban do concello a prestación de servizos básicos de saúde, educación e protección que poidan precisar .
  • Traballaremos en programas de prevención dirixidos á infancia nos ámbitos sanitario, educativo e ambiental.
  • Promoveremos que o concello de Ames sexa recoñecido como primeiro concello de Galicia catalogado como “Amigo da Infancia” conforme aos criterios de UNICEF. UNICEF España, no ánimo de promover a aplicación da Convención sobre os Dereitos do Neno no ámbito local, leva a cabo a presentación de convocatorias de recoñecemento de Cidades Amigas da Infancia co obxectivo de recoñecer e avalar aqueles gobernos locais que inclúan nas súas políticas de infancia estratexias que se fundamenten na implementación da Convención sobre os Dereitos do Neno. Os socialistas e as socialistas queremos ser o primeiro concello da nosa comunidade en obter este recoñecemento.

12. UN CONCELLO CON MÁIS POLÍTICAS DE XUVENTUDE

Os mozos e mozas amesás son o futuro do noso concello por iso, esta candidatura quere garantir a súa presenza e participación en todos os eidos da vida local: cultura, educación, deporte, ocio, traballo, etc.

Necesitamos mozos e mozas críticos e participativos, colaboradores e solidarios, con igualdade de oportunidades. Por iso os nosos concellos ocuparanse de facer posible o necesario desenvolvemento integral da poboación nova.

En definitiva, queremos elaborar as políticas municipais de xuventude coa xuventude, facendo posibles novas oportunidades e posibilidades.

Para lograr este fin deseñamos unha política integral para a xuventude buscando a súa integración social e o respaldo ás súas iniciativas e propostas. Polo tanto, poñeremos especial atención nos seguintes aspectos:

  • Potenciación do Asociacionismo Xuvenil. Daremos protagonismo á xuventude incentivando a súa participación e proporcionando recursos públicos para os seus proxectos e proxección. Para elo, poñeremos en marcha o Consello Municipal da Xuventude.
  • Subvencionaremos actividades propias do tecido asociativo.
  • Ofreceremos actividades nos IES a demanda do centro e do alumnado.
  • Deseñaremos talleres en educación en valores, medioambiente, ocio seguro, promoción da igualdade, prevención do machismo, prevención LGTBfobia, prevención da xenofobia, uso das redes sociais, saúde e sexualidade, prevención do bullying, etc.
  • Facilitaremos a promoción cultural xuvenil con certames literarios, fotográficos, de ilustracións, deseño, pintura, música, teatro, etc.
  • Fomentaremos as diferentes manifestacións e creacións culturais desenvolvidas polos mozos e as mozas.
  • Iniciaremos as xestións para dotarnos de locais de uso xuvenil para que os mozos e mozas poidan ter lugares de reunión nos que relacionarse entre eles.
  • Elaboraremos programas específicos de ocio e tempo libre durante a fin de semana. Para elo, promoveremos a posta en marcha do proxecto “crea o teu ocio” como plataforma de comunicación e relación do concello coa xuventude. O seu obxectivo é incentivar a iniciativa e participación xuvenil cara ao concello, creando un espazo para a proposta polos mozas e mozas daquelas actividades de ocio (concertos, espectáculos, actividades deportivas, etc) que resultasen do seu interese e que o concello se encargaría de organizar, ofrecendo unha alternativa de ocio compartida.
  • Impulsaremos políticas de vivenda para mozos e mozas, en especial o fomento do alugueiro, co obxecto de facilitar a súa emancipación, para o que poñeremos en marcha o servizo de “Bolsa de Vivenda en Alugueiro para a mocidade”.

13. UN CONCELLO QUE APOSTA POLO DEPORTE

Deporte para todos é o principio vertebrador da nosa política deportiva para o concello de Ames.

O deporte representa valores como o traballo en equipo, a solidariedade e o esforzo, ademais de ser un instrumento moi valioso para a integración e a convivencia. Ademais está moi vinculado á educación, creación de hábitos de vida saudables e adquisición dos ideais relacionadas co respecto mutuo, a tolerancia, a deportividade, o xogo limpo e a non discriminación.

O noso principal obxectivo é seguir impulsando políticas de promoción deportiva a fin de motivar e animar a todos os veciños e veciñas de Ames, dende a idade escolar e sexa cal sexa a súa idade ou condición, á práctica do deporte e actividades recreativas e de ocio. Por outro lado, centraremos os nosos esforzos na mellora e ampliación das infraestruturas e na creación dunha rede municipal do deporte de Ames.

A nosa candidatura aposta polo deporte de base e pola creación dun modelo deportivo aberto a todos os e as amesás, concibido como un elemento de apoio á integración socio-cultural e baseado nos valores cívicos de respecto e convivencia. Para promocionar a prácticas das actividades deportivas centraremos os nosos esforzos nas seguintes accións:

  • Poñeremos en marcha o Consello Municipal de Deportes.
  • Potenciaremos as Escolas Deportivas Municipais e a súa calidade.
  • Facilitaremos apoio e axuda ao deporte feminino e a celebración de competicións deportivas femininas.
  • Elaboraremos unha auditoría das instalacións actuais para a súa mellora.
  • Apostaremos polo “running“ (saír a correr) acondicionando espazos para a súa práctica.
  • Promoveremos competicións deportivas entre equipos do noso concello e concellos limítrofes en distintas categorías e en diferentes deportes, favorendo a competitivdade en valores e o deporte base.
  • Melloraremos os criterios de baremación e adxudicación das subvencións aos clubs e entidades deportivas, así como o sistema de xustificación.
  • Levaremos a cabo a sinatura de convenios cos clubs de deporte base.
  • Celebraremos o día do deporte.
  • Promocionaremos competicións para distintos deportes como a actual Ames Cup.
  • Promocionaremos os deportes tradicionais, con demostracións e participacións.
  • Apostaremos pola ximnasia de mantemento no rural.
  • Prestaremos apoio especial ás entidades deportivas que traballan coas bases.
  • Implicaremos a outras administracións para construír novas instalacións deportivas.
  • Organizaremos e colaboraremos no desenvolvemento de competicións deportivas benéficas.

14. UN CONCELLO QUE APOSTA POLO TURISMO E A PROMOCIÓN DO SEU PATRIMONIO

O noso concello posúe un importante patrimonio histórico, ecolóxico e etnográfico, así como unha gran riqueza paisaxística cun inmenso valor turístico que está sen explotar, e que debemos desenvolver e aproveitar como fonte de creación de emprego e riqueza.

Ames ten recursos naturais de gran valor, que ofrecen oportunidades ata agora non ben aproveitados. O Tambre e o Sar teñen valores recoñecidos, pero o abandono no que se atopan limita o seu desfrute polos veciños e veciñas, así como impide o desenvolvemento do seu potencial turístico.

Por outra parte, a situación xeográfica de Ames por onde pasan dous tramos do Camiño de Santiago: o camiño Portugués e o de Santiago a Fisterra, supón un potencial importante.

Unha xestión eficaz dos nosos recursos naturais e patrimoniais crearía oportunidades ligadas ás actividades turísticas, artesanais e, por tanto, unha importante fonte de recursos económicos e emprego.

Para desenvolver todas estas potencialidades, o noso equipo desenvolvera as seguintes actuacións:

  • Poñeremos en valor o Camiño de Santiago dentro do seu percorrido polo noso Concello.
  • Crearemos a Mesa Técnica Local do Turismo, conformada con técnicos e expertos na materia, co obxectivo de estudar e rendibilizar as potencialidades turísticas de Ames, e poder adoptar accións que estimulen o seu impulso.
  • Desenvolveremos un ambicioso programa turístico e cultural do noso concello. Co anterior goberno socialista establecéronse os elementos necesarios para elaborar un amplo programa de actuacións en materia de conservación, valorización e difusión do noso patromionio cultural e paisaxístico, como son o arquivo fotográfico profesional e o estudo do patrimonio material e inmaterial do concello.

En base a estes elementos levaremos a cabo as seguintes accións:

  • Difundiremos a guía turística do concello, rematando a súa elaboración coas fotografías, textos explicativos e históricos, e mapas de ubicación dos distintos elementos turísticos do Concello.
  • Recuperaremos o noso estudo do Patrimonio Inmaterial e a Recuperación da nosa Memoria Histórica para difundilo de forma lúdica e instrutiva entre os máis pequenos.
  • Elaboraremos material divulgativo propio (carteis, dípticos, postais, … a partires do Arquivo Fotográfico Profesional) que sirva de valoración, comunicación e difusión dos nosos recursos para promover Ames como destino turístico.
  • Promoveremos a firma de convenios de colaboración con outros concellos para facer visitas turísticas.
  • Elaboraremos un plan de sinalización ao pé de todos os elementos patrimoniais do Concello.
  • Implanteremos un programa de limpeza e conservación de todos os elementos patrimoniais municipais (lavadoiros, fontes, muíños, …).
  • Implanteremos un programa de mellora e conservación dos roteiros de Riamonte, a ruta do Tambre, a senda verde, e estudaremos a posibilidade da posta en marcha doutras sendas no noso concello tanto de tipo ambiental como cultural.
  • Impulsaremos o desenvolvemento de actividades ao aire libre deseñadas para diferentes idades e colectivos, actividades extraescolares, etc., que den a coñecer e poñan en valor os nosos recursos paisaxísticos e patrimoniais.

15. UN CONCELLO CON MAIS COOPERACIÓN E RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Hoxe máis que nunca, dada a situación económica existente faise necesario crear organismos supramunicipais que permitan garantir a xestión óptima e prestación universal duns servizos públicos de calidade, cumprindo co principio de igualdade tanto nas oportunidades coma no acceso aos servizos fundamentais:
Seguiremos impulsando a cooperación entre municipios colindantes con Ames co obxectivo de resolver problemas comúns como son, entre outros os relativos a infraestruras, tratamento dos residuos sólidos, eficiencia na xestión e protección dos recursos naturais, fomento do turismo, mellora na seguridade e colaboración nos servizos de emerxencia.

Para iso, entre as medidas que pretendemos levar a cabo se atopan as seguintes:

  • A mellora do transporte metropolitano.
  • Impulsar bolsas de aparcamento nos concellos da comarca co obxectivo de limitar o uso de vehículos particulares nos desprazamentos a Santiago e fomentar o uso do transporte público.
  • Xestionaremos a construción da variante de Aradas (Santiago-Portomouro-Carballo-Santa Comba-Roxos) co obxectivo de facilitar os accesos e saídas para varias zonas da comarca.
  • Xestionaremos a construción da nova depuradora de Santiago e a ampliación da xa existente en Sisalde, na parroquia de Ortoño.
  • Xestionaremos a construción da variante entre Santiago e a saída do Milladoiro para sacar o tráfico pesado do centro do Milladoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *