Pleno Ames

Para o Grupo Socialista é inadmisible a postura do goberno de ames atrasando un ano a expropiación dos terreos da potabilizadora

O Grupo de Goberno presidido polo Alcalde Santiago Amor vén de dar un paso máis cara o esperpento e a deixadez de funcións. O último capítulo vivido no pleno do pasado xoves, así como na Comisión plenaria do Venres 23 de Agosto, son dous claros exemplos. O alcalde, Santiago Amor, ocultou deliberadamente para a Comisión plenaria e para o Pleno información relevante para o debate da expropiación forzosa das parcelas para a ubicación da potabilizadora. O Grupo Socialista vén solicitando por escrito dende o pasado mes de setembro de 2012, e ata en tres ocasións, a última en marzo de 2013, información relativa ao expediente da potabilizadora. Ademais ata en dúas ocasións no Parlamento tamén se fixeron preguntas sobre este asunto aínda sen resposta. En concreto, e despois de declaracións na prensa do Alcalde, o Grupo Socialista solicitou por escrito o informe xeotécnico que avala a non viabilidade da segunda parcela posta a disposición para a ubicación da potabilizadora. Nun dos escritos se nos contestaba que non se facían eco de “interpretacións que facía a prensa”, e noutro dos escritos nin tan sequera foi contestado. O Goberno estivo ocultando un informe xeotécnico durante máis dun ano e tampouco foi aportado ao expediente da Comisión e do Pleno do pasado xoves, tendo a desfachatez de ensinalo a mostrar publicamente na sesión plenaria do pasado xoves a Concelleira de Medio Ambiente.

Ademais deste informe tamén se ocultou, e non foi incluído no expediente, o informe de Augas de Galicia do pasado 5 de Xullo de 2013 que desaconsella a terceira parcela que pediu o Concello para a ubicación da potabilizadora. Este informe que ten o Goberno dende o mes de Xullo tampouco foi aportado ao expediente ao igual que o suposto informe que fixo un técnico da Xunta. O portavoz socialista Jose Miñones solicitou na comisión a sentenza firme sobre o contencioso aberto sobre o Concello en relación á expropiación dos terreos que os socialistas puxeran a disposición estando no Goberno en 2009 e que tamén faltaba na documentación. O Grupo Socialista non estende “que ten que ocultar o Alcalde e non se explica porque non se aportou toda a documentación para o Pleno”.

Dimisión da Concelleira Eugenia Martín

A concelleira de Medio Ambiente mentiu na comisión plenaria sobre as razóns que levaron ao Goberno a pedir unha terceira parcela e atrasar así a resolución deste asunto. Nesta comisión a concelleira, a preguntas do voceiro socialista, afirmou que a terceira parcela se solicitou porque estaba aínda aberto un contencioso sobre as parcelas orixinais que impedía unha resolución, buscando unha nova alternativa. Miñones di que “isto é rotundamente falso”. Unha vez que tivemos acceso a sentenza firme, documento que non estaba no expediente e que se entregou unha hora antes do Pleno, se pode comprobar que a sentenza é favorable ao Concello e data de Agosto de 2012, mentres que a nova parcela se solicitou en Decembro de 2012”. Parece claro que o Goberno non quixo executar a sentenza e a Concelleira mentiu deliberadamente na Comisión. “O Goberno tivo dende Agosto de 2012 tempo suficiente para executar a sentenza e expropiar sobre a parcela orixinal que os Socialistas puxéramos estando no Goberno. Non foron quen de levalo adiante e esta deixadez de funcións provocaron un atraso de ata un ano na resolución deste proceso, poñendo en serio perigo a subvención Europea de 6 millóns de euros”. Ao final o Goberno atópase que ningunha das parcelas que estiveron poñendo a disposición son válidas e se vén obrigados a volver ao proxecto inicial perdendo dous anos de traballo.

O Grupo Socialista non acepta as acusacións do Alcalde afirmando que o anterior Goberno Socialista non foi quen de expropiar estas parcelas. O Alcalde sabe ben que dende Xuño de 2009 se interpuxo un Contencioso contra o Concello que imposibilitaba a expropiación e que ata Agosto de 2012 non se resolveu dando a razón ao Concello. Ese mesmo argumento é o que utilizou o Goberno de Amor para ir buscando outras parcelas e razón pola que se perdeu todo un ano. As explicacións que o Alcalde ten que dar e se nega a responder, preguntado mesmo no pleno do Xoves, é porque non expropiaron en Agosto de 2012 cando se tivo a sentenza favorable ao Concello e pediron unha nova parcela que non foi válida poñendo en perigo a subvención de 6 millóns de euros e atrasando un ano mais a execución?.

Para o Grupo Socialista está claro que o Goberno non tivo intención algunha de acelerar as obras da potabilizadora, ven sexa por complacencia coa Xunta de Galicia, ou por incapacidade dos dirixentes populares amienses. Para os socialistas son inadmisibles as escusas dadas pola Concelleira dicindo en repetidas ocasións que ela retomou este asunto en Febreiro de 2013 cando o anterior responsable da área, o Sr. Argibay deixou o seu cargo, dando a entender actuacións independentes dentro do propio Goberno de Ames. Unha vez máis vemos que en Ames se perdeu un ano e medio de disputas internas que afectaron directamente aos interese dos amienses, tal e como denunciamos no seu día, e que como agora se pode ver levaban asuntos independentemente e non como Goberno.