O Goberno municipal asina un acordo coa Federación de AA.VV. do Rural de Ames para a repartición do importe recadado en concepto de regularización catastral

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo presidente da Federación de Asociacións do Rural de Ames, Manuel Freire Rodríguez, asinaron un acordo mediante o cal o importe recadado a través do proceso de regularización catastral, que ascende a 810.451,94 euros, será investido integramente na zona rural do concello.

Este compromiso do goberno foi establecido na primeira das reunións que se tiveron a finais do ano pasado en pleno proceso do cobro da regularización catastral. O pasado 20 de febreiro celebrouse unha reunión entre os representantes da Federación de Asociacións do Rural de Ames e o alcalde de Ames, xunto con varios concelleiros, para tratar os detalles da repartición do importe recadado polo Concello en concepto de regularización catastral do IBI no rural, coñecido como “catastrazo”. Os representantes do goberno municipal e os da federación chegaron a unha serie de acordos.

O Concello comunicoulle á federación o montante final estimado pola Deputación Provincial da Coruña, que é de 810.451,94 euros, e equivale ao 82% do inicialmente previsto de liquidar. Este importe, ou o que puidese darse unha vez coñecidas as cifras reais, equivalerá ao total recadado en concepto de regularización catastral do IBI.

Unha vez aprobados os orzamentos municipais para 2017, o Concello ofrecerá un investimento para o rural de 282.000 euros, cantidade que será incluída nas bases de execución do orzamento como unha primeira achega por estes dous conceptos: 150.000 euros para investimentos básicos en infraestruturas de saneamento e similares, e 132.000 euros para unha nova partida denominada “orzamentos participativos”, de cuxas bases xa se lle facilitou un borrador a todas as asociacións. A contía de 282.000 euros anteriormente citada será independente e a maiores dos investimentos que anualmente se veñen facendo no rural.

Reparto por anualidades
Ademais, o goberno local comprométese a repartir nas anualidades de 2018 e 2019 a partida económica do recadado realmente polo “catastrazo” para investimentos no rural. O reparto farase do seguinte xeito: en 2017 investiranse no rural 282.00 euros; en 2018 outros 282.000 euros; e no ano 2019 o investimento será de 246.451,94 euros, sumando un total de 810.451,94 euros. Ditas contías en cada anualidade serán repartidas do mesmo xeito que á correspondente ao 2017 entre participativos e investimentos básicos.

Cando o Concello de Ames cumpra os criterios impostos polo Estado en aplicación do principio de estabilidade orzamentaria das entidades locais, poderá acceder ao remanente de tesourería que agora está bloqueado. Nese momento, o Concello destinará parte de dito importe para investimentos financeiramente sostibles no rural, a maiores dos xa comprometidos.

Se a cantidade investida con cargo ao remanente cumprimenta a totalidade do comprometido nas anualidades de 2018 e 2019, darase por realizado o total do investimento. En caso contrario, a aportación que se faga con cargo ao remanente descontarase da cantidade comprometida na anualidade de 2019.

Reunións periódicas con carácter bimestral
Os asinantes deste acordo manterán reunións periódicas con carácter bimestral, formadas por representantes das asociacións veciñais do rural e mais por representantes do goberno, para estudiar sobre o investimento das partidas mencionadas nos puntos anteriores.

Por último, o goberno comprométese a enviar unha relación de investimentos previstos para o rural en 2017, a partir do cal se empezarán a computar os 150.000 euros ofrecidos como incremento para ese ano nesa partida.

Para o alcalde “o compromiso acadado coas asociacións da mostra da importancia que ten para este goberno o rural e a participación dos veciños”. Complementariamente a estas partidas, este pasado xoves no pleno ordinario de febreiro, aprobouse un investimento do 23% dos plans provinciais para diferentes actuacións no rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *