Miñones: “votaremos en contra de calquera suba do IPC, porque hai moita xente que o está a pasar mal e por dignidade e solidariedade non podemos permitir que co noso voto se agrave esa situación”

Anuncian, tamén, o seu voto en contra na Conta Xeral do 2012 por considerar que está maquillada e que non obedece á realidade

Diante da celebración do pleno ordinario do Concello de Ames que se celebrará mañá xoves, 31 de outubro, o Grupo Municipal Socialista, e ante temas tan importantes sobre os que se debatirá no mesmo, queren anunciar por anticipado o seu posicionamento e o seu sentido do voto no mesmo.

Neste pleno debatiranse e votaranse as ordenanzas fiscais que regulan os impostos e taxas municipais, ben por prestación directa da administración municipal ou ben polas que están en réxime de concesión. A proposta do goberno que preside Santiago Amor é a da suba da maioría aplicándolle o Índice de Prezos ao Consumo (IPC), e poñendo como excusa o cumprimento do plan de axuste ao que se someteu o noso concello por vontade política do goberno do PP e co que os socialistas non estábamos de acordo.

Ante esta suba indiscriminada das ordenanzas fiscais os socialistas mantemos un rechazo frontal, xa que carece de toda lóxica e sensibilidade proceder a un incremento dos impostos municipais nos tempos actuais, nos que a crise está atacando con dureza á maioría das familias amienses e outras cargas impositivas non para de medrar (IVE, IBI estatal, copago farmaceútico, electricidade, gas, …). Os socialistas criticamos, ademais que por parte do goberno de Ames se actue sempre do mesmo xeito prepotente e altivo, sen falar e escoitar previamente aos grupos e demais mebros da oposición, xa que, como ben é sabido, o Grupo Popular atópase en clara minoría como para adoptar decisións de este calado sen consultar e atender á oposición con anterioridade.

Voto negativo contra calquera suba de imposto ou taxa
Pero ademais, e tal e como xa manifestou o portavoz do Grupo Socialista, José Miñones, “votaremos en contra de calquera suba do IPC, porque hai moita xente que o está a pasar mal e por dignidade e solidariedade non podemos permitir que co noso voto se agrave esa situación”. Nestes momentos “os políticos, dentro do ámbito que nos corresponde, debemos ser serios e decentes, e pensar nos veciños e veciñas que necesitan que os axudemos e os apoiemos, e non dificultarlle aínda máis a súa situación económica”, apostilla Miñones. O Grupo Socialista, ante todo isto vai a pedir a conxelación de todas as ordenanzas fiscais cun voto particular, e votando en contra en todas aquelas que se propoña a suba do IPC, tal e como xa fixemos na Comisión informativa. Respecto a aquelas modificacións das ordenanzas fiscais nas que o servizio se presta en réxime de concesión, Miñones vai propoñer que se inicie unha renegociación coas diferentes empresas adxudicatarias que redunde nun beneficio para os amienses.

O alcalde, que non fai moitos anos e cando a situación económica das familias era bastante mellor que na actualidade, protestaba porque se incrementasen os impostos; nembargantes, agora que a situación económica e tan delicada defende todo o contrario e ademais ten a pouca valentía de escudarse e xustificarse no cumprimento do plan de axuste, cando sabe perfectamente que este plan pode sufrir variacións, tal e como está a pasar noutros nos que conxelaron as taxas. Miñones, ademais incide en que “se os resultados da conta xeral foron tan óptimos como el manifesta, entonces, que problema hai?”

Pago fraccionado do IVTM e o IBI
No voto particular presentado polo Grupo Socialista (e do cal axuntamos copia) solicítase ao Goberno que posibilite o fraccionamento dos impostos anuais, especialmente daqueles de maior carga como son o IBI e o IVTM, de forma que os amienses poidan levar a cabo o pago en varias mensualidades sen ter que pagar xuros por elo, como así o están a facer noutros Concellos. Esperamos que o cambio na xestión dos tributos municipais, ao encargarse agora a Deputación, non supoña ningunha dificultade.

Voto en contra da Conta Xeral
Outro dos puntos a tratar é a aprobación da Conta Xeral do ano 2012, a cal os socialistas nos viñemos opoñendo ao considerar que está claramente maquillada coa intención de aparentar unha boa situación económica e ocultar así, a crise política na que o goberno se atopa sumerxido logo da perda da súa maioría e da falta de xestión cun investimento nulo nos veciños e veciñas de Ames.

A Conta Xeral da un remanente de tesourería positivo de 190.000€. Pero este non é real, tal e como xa denunciamos, polas seguintes razóns:

  • Inclúese o cobro retroactivo do lixo, dereitos pendentes de cobro que se suman para elevar o indicador, na contía de 628.812,07€. Este cobro, ademais de circunstancial, é irreal porque moitas das liquidacións emitidas están pendentes de resolución e nos xulgados.
  • A non contabilización da conta 413 (facturas pendentes de pago) que fai que o remanente non disminúa. O informe do interventor do 4 de setembro di na páxina 4 de que no calculo do remanente non está contabilizada a conta 413 e que si se tivese contabilizada o resultado do remanente “cambiaría o seu signo”, é dicir, sería outro, negativo.
  • O informe de liquidación conclúe que a situación de mellora no resultado ven tamén motivado polo RDL 4/12 de 22 de febreiro, de pago a provedores, permitindo sanear o remanente. Polo tanto, non atribuíble á xestión de Santiago Amor, e o que fai é incrementar a débeda debido precisamente ao pago dos xuros do crédito pedido para o plan de axuste.
  • Por outra banda, a Conta Xeral amosa que tan só se executou o 79,71% do gasto presupostado. Este dato é malo para o noso concello, se temos en conta que o goberno para 2012 presupostou moitísimo menos do que en anos anteriores.
  • O gasto de inversión en obras e bens executouse tan só no 32%. Di o informe da intervención que “non se executaron gran parte das actuacións” e sinala que “a execución realizada provén de proxectos iniciados en anos anteriores” por importe de 1.354.777 euros.
  • Sen embargo, o concello ingresouse case o 90% dos ingresos previstos, algo que dista moito do que fixeron cos gastos, debido principalmente á suba de impostos e taxas, incluso recadando máis do previsto inicialmente como é o caso dos impostos directos que se recadaron nun 112%.
  • As débedas pendentes de pago, que, segundo o informe de intervención “mostran un saldo moi elevado”, ascenden a 6.890.000 euros.
  • En canto á débeda viva, representa o 24%. Un total de 5.063.180,29 €, moi lonxe do límite legal. Ponse de manifesto, así, a mentira continuada do Partido Popular na súa etapa na oposición afirmando unha débeda próxima aos 14 millóns de euros.
  • Outro dos datos demoledores da conta é o que se refire ás transferencias correntes de capital, é dicir subvencións a colectivos e axudas, dos cales executouse o 67% dos primeiros, e tan só o 2,4% das axudas.

Remata o portavoz socialista manifestando que tanto a Conta Xeral como a suba das taxas e impostos municipais por parte do goberno de Santiago Amor “só pon de manifesto unha política fracasada e carente de ideas para poder manter a Ames na liña do progreso e o desenvolvemento, e o único que é capaz de facer é falsear e maquillar os datos e cargar a súa ineficacia e mala xestión sobre os veciños eveciñas do noso municipio”.