Miñones di que o goberno ten que refuxiarse en todo tipo de argucias pouco recomendables e serias para intentar que o concello non se paralice totalmente

No día de onte o alcalde asinou a recepción de dous novos vehículos, equipados con kit policial, cos que se renova o parque automobilístico do corpo da Policía Local de Ames. Para o Grupo Socialista esta é unha necesidade que se viña reclamando por parte deste corpo de seguridade e que, polo tanto, non criticamos a súa compra. Pero o que nos parece preocupante, e que é o motivo desta nota vén derivado da alegría coa que o alcalde amiense, Santiago Amor, e o seu grupo de goberno municipal fan uso dos orzamentos do 2014 sen que estes fosen aínda presentados ao pleno da corporación.

O pasado mes de maio o goberno do Partido Popular de Ames trasladounos aos grupos da oposición un borrador dos orzamentos para o ano 2014, e posteriormente a finais de xuño na que o alcalde pediu propostas. Desde aquela xuntanza nunca máis volvemos a saber nada destes orzamentos, excepto que por parte da alcaldía se están a gastar unhas cantidades económicas importantes dunhas partidas que a estas alturas non existen, son ficticias.

Pregúntanse os socialistas se esta maneira de actuar do goberno que preside Santiago Amor é a correcta, “case tres meses despois da presentación do borrador dos orzamentos este alcalde segue sen mover ficha para que se aproben os orzamentos do 2014, claro exemplo do abandono ao que ten sometido ao concello”, apunta José Miñones, o portavoz municipal do PSdeG.

Os socialistas que cualifican esta maneira de actuar do PP de insensata e imprudente, máis cando, no caso dos novos vehículos da Policía Local levan anunciando desde o mes de marzo que están a destinar unha partida para a súa compra. “Non hai dúbida que a actividade municipal ten desbordado a este goberno minoritario que non destaca tampouco pola súa dedicación e traballo”, di Miñones; e por iso “teñen que refuxiarse en todo tipo de argucias pouco recomendables e serias para intentar que o concello non se paralice totalmente”, apostilla o portavoz.

Pídenlle os concelleiros e concelleiras do PSdeG ao alcalde do PP que espabile e peche dunha vez os orzamentos e os leve a pleno, e de paso así daralle contido ao máximo órgano do concello, o cal o está empregando para aprobar nimiedades e cousas de puro trámite. Lembran que ao pleno ordinario de xullo o goberno só levan un punto na orde do día: a aprobación dos festivos locais.

Rematan os socialistas, afirmando por boca do seu portavoz que “afortunadamente xa queda menos para o sufrimento dos veciños e veciñas de Ames, porque todo o mundo sabe que Santiago Amor ten data de caducidade: xuño de 2015”