O PSdeG de Ames abre no Milladoiro un local para a atención á cidadanía

Esta oficina  estará aberta durante a semana para atender a todas aquelas persoas que queiran acudir.

Miñones di que é a resposta a unha necesidade que o Partido Socialista tiña desde fai tempo no Milladoiro

O PSdeG-PSOE de Ames inaugurou o pasado xoves a nova sede que abriu no Milladoiro, en concreto no baixo número 7 da rúa Viorneira. A este acto que foi presidido polo secretario xeral local, Blas García, e polo alcalde, José Miñones, acudiron tamén membros do Partido Socialista doutras localidades, tal e como a candidata á alcaldía de Trazo, Beatriz Domínguez, o e os candidatos dos concellos de Boiro e Mazaricos, José Ramón Romero e Javier González; tamén asistiu o coordinador comarcal de Compostela e Deputado provincial, Antonio Leira, ademais de numerosas persoas.

Durante o acto de inauguración o secretario xeral, Blas García, amosou a súa satisfacción pola apertura deste novo espazo “que vai a servir para seguir estando a pé de rúa e máis próximos aos veciños e veciñas”. Continuou dicindo que esta oficina “estará aberta durante a semana para atender a todas aquelas persoas que queiran acudir a falar con nós e a trasladarnos todas aquelas cousas que estimen oportunas”

Pola súa banda, o alcalde amesán, José Miñones, dixo que esta vai a ser unha sede permanente que terá máis percorrido que as propias eleccións municipais, e que “é a resposta a unha necesidade que tiñamos desde fai tempo, a de ter presenza física do Partido Socialista no Milladoiro”, e lembrou que “somos o único partido político que pon a disposición da cidadanía un local no que poder atender e falar coa cidadanía”.

Precampaña electoral

A pasada semana o PSdeG amesán mantivo unha xuntanza da súa dirección na que planificou un calendario electoral interno, segundo o cal se proclamará de maneira oficial nunha asemblea  a José Miñones como candidato á alcaldía de Ames, e a finais do mes de febreiro se celebrará un acto público de presentación de José Miñones como candidato, e que contará coa presenza de Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *