Miñones di que o PSdeG-PSOE de Ames sae a ganar as eleccións municipais e ser a primeira forza política.

O PSdeG-PSOE de Ames celebrará este venres día 5 a Asemblea Extraordinaria para elixir a candidatura que presentarán ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. A citada Asemblea terá lugar ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e na mesma o Secretario Xeral, Blas García, e o alcalde, José Miñones, proporán a listaxe de persoas que conformarán esta candidatura para sometela a votación entre os e as militantes socialistas.

A candidatura que presentarán aos militantes do PSdeG será un lista que conta coa base da presentada fai catro anos, aínda que contará con novas incorporacións de varias persoas que representan a diversos sectores da sociedade amesá e que están totalmente involucrados no desenvolvemento cotiá do noso concello.

José Miñones, o candidato socialista á alcaldía e actual alcalde, amosa a súa satisfacción pola elaboración desta candidatura e afirma que “o grupo de mulleres e homes que conformamos este equipo somos un reflexo do noso concello, persoas humildes e responsables que amosan a súa disposición para traballar polo desenvolvemento e o progreso de Ames, e por mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Pola súa banda Blas García, o Secretario Xeral, agradeceu o paso adiante dado polas persoas que se involucran na candidatura, porque “no momento que vivimos non é doado atopar persoas serias e sensatas que se involucren politicamente cunhas siglas”, pero “as ganas de traballar por Ames e polos seus veciños e veciñas fai que se atrevan a dar un paso tan importante”, manifestou.

Saímos a ganar”

O candidato do PSdeG manifestou ademais que tras a súa elección e presentación como candidato e a elección da candidatura, quedará finalizado o proceso orgánico e xa só queda poñerse as traballar e a dar a coñecer o proxecto e as propostas do Partido Socialista, así como informar de todo o traballo e as consecucións acadadas durante este mandato, “no que foron moitos os logros conseguidos e o avance acadado polo noso concello”, di Miñones; e continua dicindo que “saímos a ganar estas eleccións e a ser a primeira forza política”.