Xuntanza con Bugallo

O PSdeG, a través do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, presentou emendas aos presupostos da Xunta do 2014 para que se inclúan obras que consideran urxentes para Ames

Co motivo do pírrico investimento que a Xunta de Galicia ten previsto realizar no concello de Ames para o vindeiro ano, xa que, lembremos que nos orzamentos para o 2014 só aparece reflectida unha cantidade escasa que non chega aos dous millóns de euros, e polo tanto se esquecen das necesidades máis urxentes en matería de infraestruturas que necesita a curto prazo o municipio amiense, o PSdeG trasladoulle ao Gupo Socialista no Parlamento de Galicia a necesidade de intentar incorporar aos orzamentos autonómicos no periodo de alegacións alomenos dúas obras tremendamente necesarias e que os veciños e veciñas levan reclamando desde fai tempo: o inicio da segunda escola infantil en Bertamiráns, para a cal xa se puxeron os terreos a disposición da Xunta, e o centro de saúde do Milladoiro, e para o que existía unha partida de 2.776.085,29€ nas contas anteriores e que durante este exercicio a Xunta non executou e para o ano 2014 decidíu retirar.

Debate no Parlamento de Galicia
Durante as próximos semanas debatiranse estes orzamentos no Parlamento de Galicia, e “os socialistas de Ames esperamos que o goberno que dirixe Núñez Feijóo amose algunha sensibilidade cara o concello que máis medrou poboacionalmente nos últimos anos e que posúe unhas necesidades estruturais importantes ás que a Xunta de Galicia e o Partido Popular lles vai a dar as costas coa complicidade e o silencio do goebrno de Santiago Amor”, declara José Miñones, o portavoz municipal do PSdeG-PSOE.

Un alcalde que non se preocupa dos problemas de Ames
Ames é un concello que nestes momentos, e debido ao impulso e ao crecemento poboacional que sufríu nos últimos anos, necesita unha serie de dotacións para que se fixe a poboación e non sufra un frenazo no seu progreso; e, está máis que demostrado que desde a chegada do Partido Popular ao goberno de Ames o noso municipio sufríu un retroceso importante tanto nas políticas sociais como na construción e dotación de novas infraestruturas, “debido a que dirixe o goberno un alcalde sin ideas e sin interese e preocupación polos problemas reais que reclaman os veciños e veciñas amienses, en parte porque case a totalidade do que vai de lexislatura estivo ocupado en resolver os problemas e as liortas internas existentes no seu goberno e no partido que preside, o que afectou enormemente ao desenvolvemento de Ames”, explica o portavoz socialista. “E se a esta incapacidade e falla de operatividade do goberno lle engadimos o sometimento e a vasalaxe de Santiago Amor ao goberno da Xunta trae como resultado un déficit de actuacións e investimentos en Ames”, apostilla Miñones.

Outras obras necesarias
A estas obras que vimos de propoñer que se inclúan nos próximos orzamentos habería que sumar moitas outras que tamén son necesarias, como a ampliacións da depuradora de Sisalde, a construción dun novo colexo, etc. pero a limitación de propostas levounos a decantarnos pola escola infantil e polo centro de saúde, aínda que as nosas reivindicacións non quedarán aí estancadas e dedicarémonos a loitar, dentro das nosas necesidades para que a Xunta atenda as necesidades dotacionais que necesita Ames, e ademais seremos “o aguión que machaconamente lle lembre a Amor cales son as súas obrigas cara os veciños e veciñas e cales son as súas necesidades, para que non se durma e non esqueza de traballar por que Ames non quede estancado pola súa culpa e do seu partido”, conclúe José Miñones.