Os socialistas instan aos de Argibay a abandonar o rancor, asumir a derrota electoral e retornar á senda do sentido común na acción de control desde a Oposición

O Partido Socialista ven de denunciar e rexeitar a radicalización que está a sufrir o Partido Popular amesán, capitaneado por Ramón García Argibay, desde a súa derrota electoral en maio do ano pasado. Lonxe de asumir e de representar o papel que a cidadanía lle outorgou en 2019 para fiscalizar de xeito construtivo a acción do Goberno local como principal partido da oposición, o PP tense convertido nunha forza populista, empeñada en paralizar a acción do Concello a través dunha impropia xudicialización das decisións plenarias. 

Na mesma liña de boicot da acción gobernamental, o PP retorce os prazos legais para presentar alegacións fóra de prazo a efectos prácticos, para poder escudar a súa falta de iniciativas en fantasmagóricos abusos por parte do Goberno local. Os socialistas sinalan exemplos de abondo desta práctica ilexítima nos últimos tempos, como a alegación do IBI presentada a última hora na oficina de Correos da Coruña ou alegacións sobre asuntos tratados un ano atrás en pleno. É necesario salientar tamén, sinalan os socialistas, que os populares non recollen as convocatorias de pleno, polo que non se dan, deliberadamente, por enterados, depreciando o valor  da representación que a cidadanía lles outorgou neste órgano co seu voto.

Desde o Partido Socialista convídase ao Partido Popular a superar esta etapa de permanente enfrontamento e retornar á senda perdida do sentido común, para representar dignamente a veciñanza que apostou por eles e cumprir co seu papel de partido maioritario da Oposición, legalmente recoñecido. O resultado electoral de 2019 deu ao Partido Socialista a responsabilidade de goberno por máis de 800 votos de diferenza co Partido Popular e delimitou claramente unha maioría progresista no Concello de Ames. O Partido Socialista leva case un ano dando cumprimento a ese mandato popular e convida ao Partido Popular a facer o mesmo, indican os socialistas.